18.5.04

Nomes
Aínda que non me acho na mesma situación ca Opaco, por fortuna (non imaxino a B con tal bandullo, a verdade), tamén vexo preñadas en todos os recunchos, o que me aleda grandemente, por aquilo de poder seguir cobrando a pensión sen lembrar a cada paso sacrificios e apuróns de honrados contribuíntes.
A miña fisio actual (a do ano pasado é mamá dun tenriño mozote de oito meses) agarda unha nena e comentábame hoxe que xa vai necesitando un nome para ela. Eu, servicial, leveille un par de dicionarios para que vaia entrando en materia, cambie impresións co futuro pai e decidan antes de que o tempo se lles bote enriba.
Porque un nome é para sempre, non o esquezamos, e cómpreo escoller con tino, non convén improvisar nin poñer o do santo do día, que logo pasa o que pasa.

Ningún comentario :