5.5.04

(R)Evolución persoal
Considero un privilexio observar -de preto ou a distancia, tanto ten- a evolución das persoas que coñecín moi novas. Se transcorreron anos desde a última vez que as vin, agrádame comprobar que saíron adiante contra todo prognóstico, que se converteron en adultos máis ou menos cabais e que seguen crecendo, cada un ao seu xeito. Se tiven a fortuna de seguirlles os pasos con relativa frecuencia, detéñome en matices miúdos que din moito de cómo encaran a vida e do seu enxeño para non deixarse asoballar por ela.
Confeso que sinto un orgullo algo parvo polos seus éxitos, non tanto profesionais (que tamén), canto polas faíscas que lles brillan nos ollos pregoando as súas ganas de seguir aprendendo. Encántame sentilos vivos, ilusionados, saber que non pecharon portas nin ventás e que o aire circula sen pexas nas súas cabezas. ¡Que lles dure!

Ningún comentario :