31.10.04

Día de sol
Saímos ao monte a recoller piñas, arume (aquí chámanlle pico), cortizas de eucalipto e o que teña pinta de arder ben, pois se non goza dun leito axeitado, a leña non se deixa acender. Malia ser as cinco e media, nótase o cambio de hora na altura do sol, na luz que espalla no mar -tan azul que case doe miralo- e nas casas de Panxón na distancia. A cor do ambiente é típica do outono: doce, poderosa, tenra, dourada-avermellada, espléndida sempre. Gozo tanto do que a vista me reporta, do que me regala, que até sinto proídos intensos dun pracer etéreo, sen carne, que me levan a agradecer o que teño e a non laiarme do que carezo. Como dicía Esstupenda, contentamento, valoración do que hai no presente lonxe de anceios disparatados ou imposibles.

Á mañá coñecín a Marta, a filla da miña antiga fisio, unha persoíña de dous meses escasos coa pel da faciana cuberta de sarabullo; a nai explícame que é normal porque aínda conserva demasiadas hormonas femininas e engade, abraiada, que a pel é un órgano. Con bágoas nos ollos lembra o momento en que a viu por primeira vez, a fervenza de emocións que a asolagou despois de levala no ventre durante nove meses e pasar un día enteiro agardando que nacese. Sabe que a comprendo a pesar de non ter fillos.
Deseguido atopo un ex-alumno coa muller e a filla; charlamos, ponme ao día dos compañeiros que viven pola zona e da súa propia vida; cando nos despedimos, conservo a caloriña da conversa, do sorriso sincero, da convicción coa que me di que se aledaba de verme.

Recollo pico nos bordos da estrada (veremos cómo están os meus cadrís mañá); B avísame de que vén un coche para que suba á beirarrúa cando a hai; sabe que non distingo o ruído dos coches do bater do mar, que os aparellos non permiten matices que xamais percibín ao natural. Preocúpase por min, está atento, acouga cando me ve en zona segura. Enternéceme tanto que respiro fondo para non chorar. O seu interese, o seu amor, compensa a xordeira e os acúfenos. (Están de máis as ligazóns -guguel soluciónao case todo).

Ningún comentario :