2.10.06

Vivindo

A nova rutina vaise impoñendo paseniño; a diario levo a B ao instituto por unha estrada revesgada que atravesa un monte acugulado de piñeiros onde se nota o rastro do Gordon na cantidade de pólas e ramallos que a salfiren. A néboa, por veces, confírelle un aire fantasmal máis propio de contos e lendas á calor do lume ca da realidade. Algúns condutores locais guían por ela coma auténticos amos do mundo e métenme algo de medo no corpo; cómpreme ir moi atenta e amodiño para non sufrir ningún percance. Mo advertiume de varios tramos para que andase con coidado.
Cesare veu visitarnos dúas veces a semana pasada, a segunda para traernos unha das súas pertenzas que lle sobran na nova vida. Alédome de velo tan contento e expectante, aínda que a distancia que nos vai separar me poña un pequeno nó na gorxa. Cousas dunha sentimental xa algo maior.
Afágome de novo, despois de catro anos de vivir bastante illada, a relacionarme con xente de distinto tipo e, aínda que non debería, sorpréndeme comprobar que continúan vivos estereotipos ancestrais que me resultan alleos; non me recoñezo non que din sobre se as mulleres son deste ou daquel xeito, coma se se tratase dunha especie do xénero humano de imposible comprensión. Dependerá da muller, non? Ou será que, como dicía hai varios anos un meu amigo alá en Auria, eu non son unha muller, senón un home con tetas.

Ningún comentario :