Encárganme poñerlle texto a unha ilustración que aínda non me chegou, a pesar de que cómpre entregalo todo dentro de tres días. Ante a miña protesta de que non me gusta traballar contra reloxo, B retrúcame que os artistas funcionan así, que forma parte do seu xeito de ser. Será, pero... Ufff!
Tamén me fan a encarga dun conto para nenos, desta vez con máis prazo de tempo. Confeso que o primeiro intento saíu espantoso, cunha mensaxe implícita que a min mesma me anoxa. A B horrorizouno; non necesitei máis para arrombalo e poñerme de novo ao traballo.
Acudín á entrega do primeiro premio de novela curta organizado polo concello de Ribeira para coñecer a autora gañadora: Begoña Paz, unha muller encantadora que ten publicado, entre outros, un libro de relatos titulado A ferida. Espero que o concello non tarde moito en tramitar a edición desta nova obra. Mentres falo con ela cun viño na man, o alcalde cóllenos ás dúas nun aparte e entréganos unha bandexiña de Sargadelos. Todo un detalle.
Despois vou ao Ateneo Valle Inclán á presentación do libro de Diego Ameixeiras Tres segundos de memoria , á que segue a actuación do grupo musical Desafinados, que me sorprende pola excelente cantante. O local está ateigado de xente e abafo aprisionada entre B e unha muller que me apuxan sen querer cos seus cóbados; sóbrame o groso xersei e incomódame o chaquetón no colo, de xeito que a suor me escorrega lombo abaixo. A pesar de todo, percibo que Ameixeiras ten unha fermosa voz, cálida e profunda. Abráianme, por insólitas -fóra de lugar, máis ben-, algunhas intervencións de público asistente e penso, con certa maldade, que a liberdade de expresión debería usarse con máis tino; coido que a palabra precisa sería prudencia. Pero, ai!, a pobre prudencia non entra no vocabulario de determinada xente. Unha mágoa.
Ningún comentario :
Publicar un comentario