O ateneo Valle Inclán non para de organizar actividades atraentes; o xoves inaugurouse a exposición de prensa e outro material antigo (cómics, novelas de vaqueiros, álbums...) que o xornalista Suso Souto coleccionou ao longo dos anos. A pesar de que, segundo el, estaba nervioso, a charla que nos regalou foi amena e fíxome pasar unha hora moi agradable; algunhas das anécdotas provocáronme gargalladas, non tanto pola graza das mesmas, senón polo xeito de contalas. En efecto, tivo que ser para el un auténtico esperpento querer recuperar un vello mapa de España feito a man que deixara en depósito nun museo (se dixo cal, non o oín) e atoparse coa desagradable sorpresa de que o director guindara con el ao lixo porque a humidade o estragara. Humidade, por certo, incapaz de ferilo durante os corenta ou cincuenta anos anteriores.
A presenza dos alcaldes do Barbanza (menos un que non puido acudir), convidados pola directiva, chamoume a atención, pero xa me vou decatando de que aquí son moi cerimoniosos e un punto máis protocolarios do que estou afeita. J.E., nun momento de charla informal (ao remate de cada acto sérvense viños e pinchos), soltoume que eu parecía de Extramundi, o que me lembrou as veces que me chamaron ET. Para a miña sorpresa, B é máis da opinión deles que da miña, o cal me deixa nunha posición un tanto estraña. Estarei errada? Terei que reflexionar.
Recordo o Val Miñor sen morriña ningunha; tanto illamento comezaba a non sentarlle ben ao meu carácter, algo tendente á melancolía. Case esquecera a miña faceta sociable, o agradable que resulta por veces relacionarse con xente, ver movemento polas rúas, saudar coñecidos, compartir risos e mágoas. Tamén hai unha parte menos positiva que non me resisto a comentar; aínda que este blog non ten repercusión nesta vila (ás veces só cómpre un elemento para que haxa perigo), abonda para cortarme á hora de falar de persoas con total liberdade. Esperemos que ese corte sexa transitorio. ;)
Ningún comentario :
Publicar un comentario