1.11.07

Collendo piñas

Moi preto da casa hai un monte ao que imos de cando en vez pasear ou recoller leños e piñas para a cheminea. A espléndida tarde de hoxe empregámola nas piñas e nunha pequena excursión a un miradoiro que queda preto do instituto de B. Víase toda Ribeira, a illa de Ons, as Cíes, Ogrobe e Cambados e cativos lugares con nome propio que temos pensado percorrer noutras ocasións.
O monte estaba menos tranquilo ca outros días, pois no medio del érguese un cemiterio e moita xente acudiu para levar flores aos seus defuntos; os coches sucedíanse pola estreita estrada que nos leva cada día ao instituto; o sol filtrábase polos troncos dos piñeiros dándolle ao monte un aspecto algo inquietante, asemade que fermoso; o arume seco sementaba o chan e dificultaba a camiñada, pois é doado esvarar en calquera momento.
Había moreas de piñas por todos os lados, apetecibles coma froitas maduras, e enchín unha gran bolsa coas que me saían ao paso.
Ao adentrármonos no monte os ruídos esvaecen,
e tes a sensación de estar só no mundo, coma se todo desaparecese e foses ti o único ocupante. A miña xordeira impedíame escoitar os berros do campo de fútbol próximo, os rumores dos motores dos coches que pasaban, algún que outro chío de paxaro. Sei que os había porque B, fiel transcritor, me ía dicindo o que os meus oídos non captaban.
Mágoa non ter unha cámara mellor para reflectir con maior exactitude o que viron os meus ollos.

Ningún comentario :