Cando era nova coidaba que ao chegar a certa idade a madureza traería un acougo e unha serenidade que daquela era incapaz de sentir, a pesar de que os desexaba máis ca nada no mundo; cada cousa ocuparía un lugar recoñecible, case inmutable; tería aprendido moito sobre o xénero humano e sabería desenvolverme sen atrancos, con naturalidade verdadeira, entre todo tipo de persoas; as miñas ideas, mesmo a miña ideoloxía, volveríanse claras coma a auga e, así, o meu lugar no mundo deixaría de ser unha busca permanente que calmase a miña dispersión porque por fin o tería atopado.
Cando era nova soñaba cun futuro de estabilidade, coas emocións xustas para manter a ilusión de sentirme viva, con arelas abondas que contribuirían a facer da existencia un alegre fluír. Tería superado os conflitos que me inquietaban e me desequilibraban, o horizonte estenderíase limpo de nubes e sabería como actuar en cada momento, por moi complicado que se presentase. E sempre, sempre, contaría co refuxio indestrutible de contar historias.
Atópome na suposta madureza, que si me trouxo acougo e serenidade, pero moitas cousas non teñen un lugar recoñecible, e menos inmutable; o xénero humano segue a sorprenderme, mesmo desconcertarme, e por veces non sei como desenvolverme con certo tipo de persoas; as miñas ideas, mesmo a miña ideoloxía, flutuan ao ritmo que marcan as mareas e non acabo de ver con claridade cal é o lugar que me corresponde. Os conflitos non superados convertéronse en tolerables e continúo cargando con eles coma un fardo cuxo peso xa non molesta tanto, por aquilo do costume; no horizonte seguen aparecendo nubes que non chegan a inquietarme, aínda que ás veces me sorprendo soprando contra elas sen demasiada convicción, se cadra porque sei que se desfarán en auga cando lles toque, non cando eu queira. E o refuxio que coidaba eterno mantén en ocasións a porta fortemente pechada sen permitirme acceder á chave agachada nun recanto que non acabo de descubrir.
A madureza. Ha. Cómpre seguir vivindo para atopala. A busca continúa.
Ningún comentario :
Publicar un comentario