25.11.08

A macaca da manada



Desde que temos a Dona bastantes persoas me falaron do famoso programa; un xornal nacional vende libriños e vídeos os sábados e estounos coleccionando, máis que nada porque non vexo a tele e xa me picaba a curiosidade. Á marxe de que estea ou non de acordo cos seus métodos (polo momento non entendo moito do tema), faime graza que sempre fale do líder da manada e do importante que é que o can pasee por detrás de ti ou á túa altura, nunca por diante. O certo é que nesas estamos, porque Dona tira bastante da correa no seu afán por chegar antes a ningures; quizais pensa que non lle abonda o tempo para cheirar todo o que pulula polo chan.

Cando imos de paseo é B quen leva a cadela, pois os seus tiróns xa me lesionaron o brazo unha vez; por suposto, son incapaz de seguirlles o ritmo e case sempre vou uns pasos por detrás deles, algo que César Millán non admitiría. Así que cheguei á conclusión de que eu son a macaca da nosa manada.

Por certo, atopei unha crítica interesante sobre o programa aquí.

19.11.08

Nove meses


Así de digna e hierática se pon a nosa cadela cando está no colo de B. Nada que ver coas súas actitudes cando anda pola horta ou cando ve xente. A todo o mundo ten que saudar, a todos parece que lles debe un euro, a todos lles menea o rabo coma se fosen vellos amigos cos que hai tempo que non xoga. Na praia e no monte pásao de medo, na cidade circula en plan aspiradora osmándoo todo; aínda non comprende por completo o concepto "amodo", polo que tira da correa coma se non lle chegase o tempo. Pesa máis de vinte e sete quilos e desde que estivo maliña por beber auga con deterxente dun cubo, recuperou máis apetito do que antes tiña e xa sabe pedir comida a base de deambular ao meu redor e lamberme o pantalón. De feito, lambernos é unha das súas ocupacións favoritas.

14.11.08

Repetíndome


Si, repítome, pero non me puiden resistir a esta nova entrega, moito mellor cá de abaixo, na que Sam Vimes e a súa aristocrática muller Lady Sybil representan a Ankh-Morpork no reino sen leis de Uberwald, onde vampiros, lobishomes e ananos conviven a, digamos, respectuosa distancia.
As novelas de Terry Pratchett seguen sempre un esquema semellante; non hai capítulos e altérnanse o que en aparencia son historias distintas que van confluíndo ao final coma as pezas dun crebacabezas que encaixan á perfección.
O embaixador e duque consorte, máis afeito a batallar con delincuentes ca con malabarismos diplomáticos, vese metido nunha lea onde non faltan un sanguinario e psicópata lobishome, un traidor ao futuro rei, unha nai consentidora e tantos outros personaxes que adquiren vida entre os dedos de Pratchett acugulados de imaxinación e de frases memorables. Realmente excelente.

11.11.08

Unha de bruxas

Unha máis das novelas de Mundodisco do prolífico Terry Pratchett, quen a pesar da enfermidade da memoria que padece, continúa entreténdonos e facéndonos sorrir coas súas disparatadas aventuras. En Carpe Jugulum entran en escena os vampiros, convidados polo rei á cerimonia de poñerlle nome á súa filla. Mediante a súa forza mental convencen a case todos de que beber sangue non é tan malo, agás a Agnes, e sobre todo a Perdita, e a Yaya Ceravieja.

Quizais non é unha das mellores novelas da serie, pero consegue o que pretende: meternos no seu mundo, divertirnos e de fondo facernos pensar. Porque non todo é puro entretemento, senón que hai máis.

3.11.08

Praceres cotiáns

Noemí mándame un meme que fago con pracer. Trátase de compartir seis praceres cotiáns, deses que parecen non ter moita importancia pero que fan a vida máis agradable. Velaquí van:
1.- Escoitar o espertador e acubillarse na cama con preguiza porque sabes que aínda contas con media hora máis antes de encarar o mundo.
2.- Os bicos de B cando se ergue da cama e eu quedo lacazaneando un chisco.
3.- O zume de froitas do almorzo.
4.- O efusivo saúdo de Dona polas mañás.
5.- O viño despois do xantar e da cea.
6.- Ler no sofá ou na cama unha novela apaixonante.

A orde corresponde á do transcorrer do día, non á intensidade do pracer.
Contra o meu costume, gustaríame coñecer os praceres cotiáns de X, Cesare, Dorvisou, Meiga en Alaska, Martin Pawley e Vendell, se lles prace.

1.11.08

Papá Noel

Xa teño falado do home de Maryland, unha especie de Papá Noel que chega cando lle cadra cheo de agasallos. Onte levounos a Aghiño, a unha das paraxes máis fermosas que teño visto en moito tempo; camiñamos polo paseo, cruzamos a ponte e vimos cunchas de todo tipo e forma, aínda que non demos coas famosas margaridas, que recollen a irmá e o cuñado, unha cunchiñas pechadas sobre si mesmas que semellan doces de nata.
O home de Maryland é un esteta, marabíllano as delicias da Natureza e as que proveñen da man do home; libreiro impenitente, visitador incansable de librerías de segunda man, incluso acode aos saldos que as bibliotecas públicas fan de obras que ninguén le. Así, tróuxome un exemplar dunha famosa obra dun famoso autor galego, traducida ao inglés, que a biblioteca vendeu porque ningún usuario se animara a sacala dos andeis. Eu lera a novela en versión orixinal que traía un lapis plano, hai anos, nunhas circunstancias penosas para min, e gustárame, deixárame levar pola maxia das palabras e conseguira calmar un chisco o desacougo que me enchía naquel terrible verán. Mágoa que os estadounidenses desa zona non se sentisen atraídos polo título dun, para eles, descoñecido autor galego.
Hoxe coincidimos con el cando estabamos con X e o seu B no local de Webmaster, mellor dito na súa terraza, pois non é cívico que os cans entren nos sitios públicos. A conversa foi máis que agradable e marchamos de alí a unhas horas prohibitivas para xantar (menos mal que as noites dan para preparar cousas saborosas para o día seguinte).
O home de Maryland é, sen dúbida, un gran tipo. Tamén con X terei o gustazo de seguir conversando.