18.5.11

Campaña e outras lerias

A campaña está resultando unha verdadeira molestia: os altofalantes proxectan a voz de xeito que me ecoa nos audífonos, ningún partido achega nada novo e todos ceiban consignas que case ninguén cre; por riba a B tocoulle de presidente nunha mesa electoral, así que pasarei o domingo só coa compañía das cadelas botándoo de menos. Hai un anaco que saíron os tres ao monte e eu fixen unha pausa nas angueiras de Mariana de Marco para dar razón de min.
O venres cumprín unha morea de anos, cincuenta e catro para ser precisos, a miña cuñada esqueceuse e chamoume onte toda compunxida, pero eu estaba nunha carreira popular para entregar uns premios (non me aquece nada negarlle algo a Abraham) e non oín o telefoniño. Ela xa ten abondo coa situación na casa como para lembrar que o trece era o meu aniversario; non me sinto máis vella pero o número impón. O día de autos veu Cesare a cear connosco e amólame que eu tivese que retirarme cedo, pois B e mais eu comezaramos a celebración ao mediodía e xa non podía máis. Menos mal que puiden facer un saboroso guisote con salmón, ameixas e patacas e ben vin como o rapaz facía sopas no prebe, así que debeu de gustarlle.
Mañá teño reunión cos colegas do club de lectura e desta vez tócalle a un libro dunha tal Uxía Casal; acudirá a autora e non sei como sairá; espero que ben, aínda que non son moi partidaria de que os autores estean nas xuntazas do club.

Ningún comentario :