O día transcorreu amodo, moi amodo; sabía que era domingo e sentíame estraña por estarmos as tres soas. Elas dúas mimarrearon todo o que lles pedía o corpo, faltáballes alguén; achegábanse a min a cada pouco procurando agarimos, osmaban o ar nun van intento de captar o cheiro do amiño, quedaron sen paseo aínda que saían de cando en vez a corricar na horta. O amiño chegou tarde (que ledicia de rabos e de orellas!), preto da medianoite, canso, cargado de papeleo, preñado de vivencias, a camisa por fóra do pantalón coma se viñese de salvar unha xeira acugulada de durísimo traballo. Algúns interventores foron moi amables (quizais porque tiñan esperanzas); outros, pola contra, manifestáronse bordes a pesar de que estaban alí por unha xentileza do presidente da mesa (está prohibido por completo chegar tarde). Moita xente andaba despistada polos cambios de enderezo, o que supuña tamén cambios da mesa habitual.
Recibímolo as tres encantadas tras un día de ausencia. Fíxenlle unha boa cea. Faltaría máis.
Ningún comentario :
Publicar un comentario