29.9.07

Outono

outono

As primeiras chuvias do outono teñen algo especial, coma se a Natureza decidise tomar unha ducha e quitar con ela o po das últimas calores do verán. O vento azouta os piñeiros que se ven desde a fiestra do meu estudio e empurra en refoladas a auga que bate case con saña nas paredes e tellados das casas.
Gústame esta estación, as cores ocres coas que tingue as follas das árbores, os castaños e amarelos que dan unha luminosidade distinta ao ambiente, o fresco que obriga a usar roupa de máis abrigo, as tardes de lectura no sofá cunha mantiña sobre as pernas, algún ocasional lume na cheminea, o arrecendo da terra mollada... Non é hoxe, por riba, cando gañamos unha hora?

Actualización: Non, non é hoxe.


Imaxe sacada de aquí.

25.9.07

Novela de suspense

Acabei La promesa de Harlan Coben, de quen xa lera outros libros. Aquí retoma o protagonista doutras historias, Myron Bolitar, antigo xogador de baloncesto retirado por mor dunha lesión e representante na vida cotiá. É o primeiro desta serie que chega ás miñas mans.
Despois de escoitar a conversa entre dúas adolescentes fillas de amigos, failles prometer que, de algunha vez atopárense de noite lonxe da casa e cun amigo que pretende conducir bébedo, o chamen a el, que as recollerá onde lle digan sen facer preguntas. Ao cabo duns días unha delas lémbralle esa promesa ao telefonalo de madrugada, el vaina buscar e déixaa onde ela lle indica, nunha rúa sen saída. Logo desaparece. A busca de Aimee é o motor da novela.
Aínda que ten momentos cara á metade en que parece decaer, a tensión mantense bastante ben ao longo da historia até chegar a un final bastante sorprendente (case coma se o autor sacase un coello do sombreiro), pero que non desmerece do conxunto.
Algúns dos personaxes son ben curiosos, outros excéntricos e case todos están caracterizados de xeito xenuíno; o estilo, como é típico neste campo, resulta fluído aínda que por veces a tradución chíe un chisco.
O autor, por certo, ten web.

23.9.07

Probando, probando

agonía
Había ben tempo que non subía unha foto, entre outras cousas porque perdera de vista a conta de flickr e porque os apuntamentos técnicos estaban gardados nunha carpeta que non abrín desde a mudanza; hoxe decidín refrescar memoria e dedos con esta foto tomada na miña anterior vivenda; é unha pasionaria que saíu tímida ou está morrendo? Púxenlle agonía porque máis ben me parece o segundo. Trouxemos a planta connosco e xa deu flores que fotografei, aínda que debo retomar a práctica e poñerme ao día. Quizais Webmaster poida botarme unha man. Seguro que si. ;)

22.9.07

O cerebro

Sempre me interesou o funcionamento do cerebro, quizais por saber que nel se atopa todo o que nos rexe, desde o cativo movemento dun dedo até un tic nervioso que non podemos controlar. Por iso fun á charla que tivo lugar onte no Bar Plaza de Ribeira, esperando que me dixesen algo novo, descoñecido ou simplemente que me sorprendesen. Aturei unha hora entre o rebumbio dos que estaban a outras cousas, as súas, pero o actor puido comigo. Os profesores non necesitaban o apoio dun actor para amenizar o acto, pois eles abondaban para darlle graza a esta exposición divulgativa.
Non resisto os chistes fáciles que acoden ao sexo para facer rir, seméllanme dun mal gusto indescritible, e o actor caeu no doado aludindo á vulva raquídea no canto de bulbo raquídeo porque na fala todo se confunde e os xogos de palabras desgraciados veñen de seu. Cativa fantasía é a que recorre a estas bromas para min fóra de lugar. Non cómpren para nada nunha charla distendida e amena.
Non asistín á segunda parte, claro; o actor espantoume, pero supoño que sería entretida cos xogos visuais que tiñan preparados, todos os que vin de esguello éranme familiares. Demasiado balbordo para min.

19.9.07

Comeza o curso

A mañá aínda non acabara de espreguizarse cando subín a persiana da cociña; a raia avermellada do horizonte anunciaba un día despexado e claro mentres preparaba o café e poñía a mesa para o almorzo. Había tanto tempo que non me erguía tan cedo que case esquecera o fermosas que poden chegar a ser as luces e sombras das mañás. Guiei moi amodo polo camiño salferido de arume que leva ao instituto e ollei o mundo coma se o contemplase por primeira vez; un corredor solitario, dúas mulleres paseando, un home maior cunha bolsa, un par de coches... Parte da vida. Deixei a B ante a porta co seu novo dicionario de grego e dirixinme á vila para seguir vendo partes de vidas.

16.9.07

Gadus morhua

Chámase así un restaurante no que ceamos onte cuxa especialidade é o bacallau. Non o descubrimos antes por non estarmos atentos e, se cadra, pola súa situación, enfronte do Grupo escolar, nunha casiña baixa das de toda a vida, algo afastada da morea de establecementos de comidas que pululan no Malecón e nas súas proximidades.
O carpaccio de polbo estaba rico, pero o prato estrela -bacallau con cabaciña, setas e espárragos verdes, máis un par de patacas- resultou unha revelación, e iso que eu non son moi amante deste peixe. Acompañámolo cun Pedrosa ben saboroso que baixaba só. De sobremesa, unha crema catalá compartida ben diferente das que aparecen xa feitas en recipientes de barro, e de remate un café de Kenia que me soubo a gloria.
A pesar de que a decoración do local non me encantou, o ambiente era agradable, sobre todo porque gran parte da noite estivemos sós; vantaxes de ir cear cedo. Moi, moi recomendable.

12.9.07

Microrrelatos

Por se a alguén lle interesa, convócase un concurso de microrrelatos moi apetecible. Premede en actividades. Quen se anima?

10.9.07

A tele

Hoxe veu a tele galega á casa para gravar unha entrevista da que sairán ao ar unhas escenas; o programa é deses nocturnos que poñen a horas prohibitivas, Libro aberto, e o tema vai sobre blogs de escritores. Escolléronme por veterana, pois este blog comezou a andar en febreiro de 2004, pero logo lembrei que o primeiro blog de escritor declarado (eu vou de medio anónima, aínda que as novas corren que voan) foi Cabrafanada, a bitácora de Fran Alonso, da que falei con Cesare cando me iniciaba neste mundo, daquela para min descoñecido.
Remisa como era a ter internet na casa, faime graza (e non é para menos) o enganchada que estou agora ás bitácoras, que leo con fruición e non só as que figuran enlazadas aí á esquerda, senón que de leoeosseus, a pícara de Allegue ou Brétemas (que teñen unhas listaxes ben longas) saltarico de aquí para alí e coñezo novos mundos. Tamén, desde que descubrín o blog de Rafael Reig, introdúzome noutros ámbitos, algúns ben curiosos e interesantes. Un que passava, do amigo Ferran, bibliotecario para máis datos, sérveme para practicar o meu cativo catalán, do que apenas lembro indicacións de cando estudaba filoloxía, aló na aldea sagrada, a miña pequena patria.
A entrevistadora e o cámara foron o colmo da amabilidade e, por riba, ao rematar o encontro, este último informoume de que a súa muller e eu estudamos filoloxía ao mesmo tempo, aínda que eu, madía leva, son maior ca ela, non en van pasei os cinco anos anteriores na facultade de historia. O que son as cousas e que cativo é este mundo.

9.9.07

Cada vez menos

O venres pasado tivo lugar un novo acto no Ateneo Valle-Inclán; desta vez faláronnos dos apelidos en Ribeira, aínda que o relator non se centrou só nos da vila e aludiu a moitos outros galegos e portugueses, en gran parte comúns, como é lóxico.
Este é un tema que me atrae moito; en xeral todo o que teña que ver coa onomástica e os topónimos me interesa, por iso decepcionoume un chisco que non se afondase máis nas cuestións das orixes e significados, e bastantes cousas que alí xurdiron resultáronme máis que coñecidas.
Agradeceuse a humildade do relator, aínda que non cumpría repetir tanto que non era filólogo, pois para dominar un tema non fai falta ter título ningún, senón curiosidade e afán de informarse.
Chocoume, iso si, que houbese tan pouca xente. Parece que ímpeto e o interese iniciais que levaban a encher o ateneo de xente con ganas de cultura vai dando paso a esa canseira tan típica dos que se senten á volta de todo. Tamén pode ser que o bo tempo empurre a xente ás terrazas e praias (B, por exemplo, non quixo perder o baño vespertino e alí quedou), pero non deixa de resultarme algo sorprendente o fenómeno, e máis se temos en conta o atractivo da charla. Ou non é apetecible afondar nas raíces da árbore da que vimos?

6.9.07

Mamá

Atopei a mamá bastante ben dadas as circunstancias; prestoulle o mes pasado en Hércules entre baños diarios na piscina, visitas aos seus sobriños-netos, feiras do libro e paseíños ao seu ritmo (xa sobrepasa os douscentos metros que antes a esgotaban). Fala moito de meu pai, do seu, da súa nenez na zona republicana e da súa mocidade na posguerra, temas estes últimos que ocupan boa parte da súa locuacidade irredenta. Entre as súas recentes teimas está a de procurar libros do meu avó, desaparecidos case todos despois da guerra civil, non tanto pola temática (política e economía sobre todo) canto por razóns sentimentais. Sospeito que lle custará dar con algún nas librarías de vello, aínda que hai uns anos a piques estivo de conseguilo; por unhas horas quedou sen un, vendido en oito mil pesetas a un descoñecido herculino a últimas horas da mañá.
Como sigo con probas e consultas, volveremos a semana próxima a despedir a tempada e non me estrañaría nada que xa tivese rematado o cadro do que nos amosou o boceto esta mañá. Espero que nunca perda as ganas de actividade.

4.9.07

Game over

Game over é o título dunha novela de Santiago Lopo que Biblos mandou de agasallo o anterior bimestre. Lera o comezo da mesma na páxina do club de lectores e gustoume a frescura da prosa e o tema, até o punto de que foi a obra do pedido que con máis ganas agardaba.
Breve, de estilo fluído, cunha intriga ben argallada, absorbente e bastante orixinal, tragueina dunha sentada antonte pola tarde, pero quedoume a sensación de que lle faltaban páxinas. É dicir, fíxoseme curta.
Claro que nestas novelas por entregas as regras fixas son inamobibles: os capítulos deben ter un número de caracteres determinado, non poden pasar de trinta e un capítulos, a acción, xa que logo, ten que estar concentrada... Quizais por iso mesmo me gustou máis: imaxino o esforzo do autor por non deixar voar a pluma e centrarse no choio. Espero a súa seguinte entrega con expectación.

1.9.07

Praias

Desde cativa todos os veráns ía á praia coa familia. Gustábame xogar na area, pasar o día sen vixilancia, bañarme até case converterme nun peixe e coñecer outros críos cos que compartía as horas.
As de Compostela e as Sinas son as primeiras das que gardo memoria e por veces véñenme refoladas de lembranzas, case todas alegres. Riazor vina cambiar ano tras ano, até converterse en algo imposible. Xa con B fun ás de Baltar e Montalvo, onde temos pasado horas e horas de sol, bocatas e froita; tamén acudimos a Lapamán e Agrelo, até que decidimos cambialas polas de Viveiro e Ribadeo, fartos das aglomeracións que sufría a provincia do sur.
Cando vivimos en Vila Real paseabamos moito por Ladeira, sobre todo no inverno; a pesar das algas que a ateigaban case todos os días, era unha boa praia carente de risco. Logo, en Nigrán, B chegou a collerlle algo de noxo a Praia América, onde resultaba imposible poñer un pé nos meses do verán. Grazas que durante o resto do ano estaba á nosa completa disposición. Por fin, onte fomos por primeira vez á famosa praia do Vilar co seu estupendo parque para pasear. Gustoume que non se permita o acceso aos cans, que haxa vixilantes para que a xente non deixe o coche en calquera lugar non permitido e a terraza do bar onde pasamos un anaco tomando cervexa e olivas.
Agora non me entusiasma a praia; entre que a auga está demasiado fría para min e non podo bañarme, que desenvolvín alerxia ao sol e que me amola pringarme de area, prefiro deixar a B a pé mesmo do mar e agardalo comodamente cun bo libro e unha bebida fresca no bar máis próximo.
Ao Vilar volveremos durante o inverno a pasear, cando marche toda esta xente. Seguen sen gustarme as aglomeracións.

30.8.07

Herbas

O cilantro ou coriandro é unha planta semellante ao pirixel, pero achega matices diferentes ás comidas, quizais por ese leve resaibo a limón que deixa aló no fondo. Hai tempo que B o plantou á beira da porta da cociña e hoxe, xa seco, estiven recollendo as bólas que, metidas nun pequeno muíño deses de pementa, servirán para condimentar pratos futuros. Foi unha tarefa que me fixo lembrar o tempo en que axudaba a mamá a sacar as burbullas dos tarros da marmelada antes de cocelos para crear o baleiro. Tempos aqueles preñados de inocencia!
Pola mañá tiven sesión de fisioterapia con María, a miña fisioterapeuta desde hai case un ano. É unha muller nova, animosa, entusiasta, de bo carácter e, sobre todo, unha excelente profesional que acrecenta a súa sabedoría con cursos a cada pouco. De todos os especialistas por cuxas mans levo pasado (e xa van uns cantos), esta é da que non podo falar máis ca marabillas, a pesar de que algunhas sesións poidan facer pensar en algo semellante a unha cativa tortura. Inevitable, claro, depende do día.
María aconséllame con ese seu sorriso verdadeiro que pasee (a min que nunha época non tan remota fixen do paseo un ritual cotián de doce ou catorce quilómetros) sempre que poida aínda que me doia, malia que nos últimos tempos ando un pouco baixa de máis e lle perdese o chiste ás camiñadas solitarias. Porque antes me gustaba camiñar en soidade, comigo mesma, pero agora algo cambiou. Por que cambiou? Chi lo sa?.

28.8.07

Outro concurso

Esta vez de fotografía. Preme sobre o cartel para ver as bases.

26.8.07

Mundodisco

Teño escrito máis dunha vez sobre Terry Pratchett, o creador dese disparatado Mundodisco onde case todo é posible. Din por aí que as novelas desta serie son altamente adictivas, que o momento ideal para ler algunha é despois de estar mergullado nun libro considerado "serio", que non todas posúen a mesma calidade (madía leva!)...
Conto cunha reserva abondo nutrida que vai minguando segundo o capricho da lectora. Desta vez enlacei dúas seguidas; tras Guardias! Guardias? (estupenda sátira sobre o poder de todas as cores), metinme con Dioses menores que, entre bromas e veras, nos introduce no complexo mundo das relixións e os seus fanatismos.
A capacidade de Terry Pratchett para sorprender resulta asombrosa; a súa ollada irónica esténdese por tantos aspectos da existencia que se diría que nos atopamos ante un taumaturgo que todo o coñece. Mundodisco cobra vida en cada entrega, recréase un universo multifacético, diferente e semellante ao real, onde podemos ver desde os caducos magos da universidade invisible até ao máis insignificante vendedor ambulante experto na arte de sobrevivir.
Por riba, están ben escritos.

22.8.07

Concurso

Chégame un correo pedíndome colaboración para difundir a convocatoria dun concurso literario. Os interesados poden premer aquí e, unha vez no blog, volvelo facer sobre as letras que bailan para ver as bases.

18.8.07

Crise

Unha crise de fibromialxia tívome esta semana tan debilitada que apenas puiden facer nada por falta de ánimos e de enerxía. Dores por todo o corpo, cansazo infinito, os acúfenos máis entolecidos ca nunca, mesmo molestias estomacais e intestinais. En fin. Aínda non me recuperei por completo, pero intento pouco e pouco volver a unha mediana normalidade.
Mentres, lin El libro de las leyendas urbanas de terror de Jan Harold Brunvand, un folclorista especializado neste tipo de historias e do que xa tiña dous libros anteriores. Confeso que non me deron medo ningún, máis ben servíronme para rir un pouco da credulidade humana. Como é posible que moita xente lles dea creto a historias tan inverosímiles e fantasiosas? En internet é incrible a cantidade de páxinas que existen sobre estes temas. Probade, se non.

13.8.07

Fin de semana

O venres pola tarde coñecín a familia pelacha ao completo con quen estiven compartindo unhas xerras de cervexa e un par de horas de boa conversa. O pelacho non tardou en preguntarme por que levaba tantos pendentes nas orellas e, despois doutra dose de observación, atacou cos audífonos. Saquei un para que o vise e entre o papá e eu explicámoslle como funcionaba. Está moi alto para a súa idade e guapo. A pelacha, unha beleza en miniatura con ollos preciosos e sorriso engaiolador, é unha nena sociable que empata con calquera, teña ou non o seu tamaño.
Sentinme moi a gusto conversando con todos.
Ao día seguinte recibimos a visita de E e C, amigos de Auria que pasan uns días na cidade da oliveira. C xubilouse antes de tempo hai un par de anos e agora inviste parte das súas horas en coidar dúas hectáreas de viñas situadas moi preto das doutro viñateiro. Está moi ilusionado con este proxecto, pero E non o ve con bos ollos porque di que non lle ve o pelo. Amoloume notar a tensión aboiando entre eles. Logo, comentando con B as conversas que mantiveramos (homes e mulleres por cadanseu lado, homes e mulleres intercambiados), chegamos a falar dos xeitos de ser dos homes e mulleres en xeral, dos tópicos que tanto me rebentan pero que, porén, tamén repito (algún, cando menos), e nesas continúo.
O domingo baixamos camiñando á vila e nun portón dun garaxe cuberto de po, moi preto de onde adoitamos aparcar o coche, podíanse ler as seguintes palabras trazadas cun dedo: Peke, Bolli--> fea. Pois vale. Que axiña fixen amigos aquí.

7.8.07

Estrea

É agradable ler por primeira vez un autor e que guste a obra. Aínda que oio falar ben del desde hai anos, que recibiu un gran premio, que conta con numerosos admiradores e que teño nos meus andeis varios libros seus, non se me ocorrera até o de agora botarlle a man.
Ao parecer, Brooklyn Follies é un libro atípico na produción de Paul Auster polo seu optimismo; o protagonista parte dunha situación persoal bastante desoladora para ir avanzando paseniño nun encontro co mellor de si mesmo e dos que o rodean. Lin nalgures que nas historias que xorden paso a paso e conforman a principal van amoreándose os finais felices e que un non sabe que facer con eles. Discrepo. Resulta alentador ver como os problemas se van solucionando, como os seres humanos se axudan entre eles e como eses esforzos dan o seu froito, aínda que algunhas desas solucións semellen rocambolescas. Nada hai máis rocambolesco cá propia vida, así que por que ía ser unha excepción unha obra literaria?