|
|
Esperanzas Recibo un correo de Bukowski un chisco apocalíptico -como todos os seus- no que me segue animando (a min e a tropecentos máis) a gozar da vida, das palabras bonitas e do sexo (¡ai!, se el soubese...). Acóugame entrever que vai mellor de ánimos, malia cheirarme excesivos os remedios que aplica. Só espero que sexa transitorio e lle retorne a fráxil estabilidade que decote o caracterizou. Iso de ser artista é terrible; gozamos do resultado do seu sufrimento pero non vemos cánto sangue hai detrás. |
|
|
Paradoxos Por curioso que semelle, son unha boa escoitadora; sempre mirei moito o meu interlocutor porque me axudo dos movementos dos beizos para entendelo (o bigote e a barba interfiren o seu na comunicación). Hai uns anos pasei seis días nun sanatorio por unha infección post-operatoria no nocello; máis ben paseinos na sala de espera, onde todo o que chegaba sentaba ao meu carón e dedicábase a debullar as súas coitas. Foi cando comprobei de vez que sabía escoitar, sobre todo porque algúns non me permitían meter baza. Tres eran tres os asiduos: un vello poeta que acompañaba a muller, un obreiro ao que lle caera na cabeza un piar e un mozo que se recuperaba dunha operación de implante de cadeira. O poeta era o colmo do pesimismo, falaba alto e con xenreira do mundo e dos seus habitantes, rexeitaba os meus intentos de esperanza e renegaba dos editores. Encantáballe soltar versos lapidarios de Pessoa (os homes = cadáveres adiados que procrian), contar anécdotas (truculentas) da nenez e fumar ducados sen parar. O segundo entenrecíame coa súa repetición: "caeume o piar na cabeza e, claro, como non levaba casco..." Tiña dificultades de orientación e non podía camiñar para atrás nin baixar escaleiras sen medo. Era pequeno de tamaño, deixábase facer, obedecía sen chiar as enfermeiras e preguntábame seguido se vira o seu médico. Carecía de familia. O terceiro camiñaba apoiándose nas muletas, fumado perdido, e falaba sen parar. Sufrira un accidente de coche cun colega (220 por hora nun BMW, estrada comarcal, de noite) do que saíu máis morto ca vivo con 37 (si, trinta e sete) roturas; o cambio de cadeira supoñía o remate do calvario, aínda que non estaba disposto a abandonar a velocidade. Relatoume a súa vida con puntos e comas; eu só podía escoitar e meter de cando en vez algún 'aha'. Cando nos atopamos na rúa, meses despois, non me recoñeceu. |
|
Gabinete Estou pensando seriamente en poñer un gabinete de psicoloxía onde poder escoitar sentada os problemas que me conten. E que isto de permanecer de pé durante unha hora ou máis comeza a pasarlles factura aos meus cadrís. ¡Ai! |
|
|
Cousas que Peke non sabe Prodúcese un fenómeno curioso de cando en cando nos comentarios dalgúns blogs; como non quero ferir susceptibilidades, non poñerei nomes nin citarei ningún en concreto. O asunto ao que me refiro é o seguinte: coinciden nos comentarios varias mulleres, intercambian opinións e ideas de xeito pacífico, sen acritude ou cunha miga dela, pero sempre con cortesía. Algún home chega alí e, non sei por qué, apenas entra en materia, descúlpase por participar ou faino con reticencia, mesmo con certo temor. Posibles explicacións: - Non lle interesa abondo o tema. - Interésalle máis ou menos, pero cóutase. (¿Por que?). - Asústalle atoparse só entre as mulleres. (¿Por que?). - Menosprézaas. - Considera certas cuestións típicamente femininas e exclúese porque cre que non van con el. - En calidade de macho historicamente privilexiado, non ten a conciencia tranquila e foxe do que intúe polémico. - Descoñece aspectos da mente feminina que se nega a intentar comprender; demasiado esforzo, pensa. - É un covarde. O fenómeno contrario rara vez ocorre. Comprobeino. |
|
|
|
|
|
Lectura de mentes (exemplos) - Unha servidora pasea pola rúa con dor de estómago/brazo/ciática ou o que sexa. Vai pensando que vaia putada esa dor pertinaz, que se cadra non lle viría mal acudir ao médico, pero intúe cál será o resultado e, resignada, continúa o paseo. Coma sempre, mira ao baleiro con sensación de estrañeza, absorta no que non comprende. De súpeto, unha coñecida páraa: Ola, chica. ¡Que digna! Pareces unha raíña. Unha servidora pensa algo, pero cala. - Compañeira de curro cabreada cunha servidora porque, segundo ela, lle lanzou unha mirada asasina nunha xunta de avaliación. En realidade, tratábase dunha mirada concentrada mentres a mirona intentaba asimilar unha observación atinada da compañeira. Vivir para ver. - Alumno con mala cara a causa de que a moza, durante o recreo, lle dixo de peores modos que fose tomar aire, que ela non quería abanalo máis. O profesor ou profesora explica preguntándose qué motiva a expresión dese alumno. Deduce que lle ten tirria, que o coida mal profesor, que o contempla con aires de perdoavidas. Cumprirá falar co xefe de estudios para que o poña teso. Existe unha morea de situacións semellantes que nos empeñamos en interpretar ao noso xeito, sen ter en conta que xamais poderemos coñecer o pensamento alleo, as circunstancias que o motivan e cómo o exterioriza a persoa que temos diante. Pero coidámonos deuses, expertos en faccións e espírito humanos, infalibles nas nosas deducións. Hai características que non podemos cambiar, nacen connosco e desenvólvense día tras día sen que nos decatemos. Mais outras, porén, son susceptibles de mudanza, sobre todo se recoñecemos con honestidade que somos imperfectos e que, polo momento, non achamos a fórmula para ler sen interferencias a mente de ninguén. |
|
|
Visita O sábado recibo a visita de Cesare, que aproveitou a proximidade da praia para achegarse á nosa humilde morada despois dunha sesión de area, sol e auga salgada. Está pletórico, coma adoito, e charlamos durante varias horas mentres debullamos chícharos e preparamos a cea. Aínda me dura o cheiro a allo que me deixou prendido nas pegadas dactilares o adubo do solombo, e iso que seguín as indicacións de Arguiñano para evitalo. Cóntolle cousas que non debería a pesar das advertencias de B -coidado con este, que é xornalista-; pero a confianza pódeme, non en van hai moitos anos que nos coñecemos. Falamos de Bukowski, mergullado nunha crise de paixón desatada cuxo remate ignoramos; eu confío en que sobrevivirá, se cadra por telo visto saír doutras semellantes. A actual é forte, das peores, porque o desamor causa máis estragos ca outras paixóns. Ese mesmo día enviárame un correo estarrecedor coa seguinte posdata: reid bien alto, sois la cocaina de mi pecho roto, romped los vasos brindando, besad a vuestros amores o follároslos directamente, comed alegria hasta reventar, y gritad bien alto, que moleste, que se oiga, busquémosle las cosquillas a dios; gastad las bandas magnéticas de vuestras tarjetas de crédito comprando felicidad. Excesivo, si, pero el é así. Das miñas non vou comentar nada; en canto ás de Cesare, que as airee el se quere (que quererá). |
|
|
|
|
|
|
|
|
Sorriso Contra o meu costume, hoxe imito as mañas do noso indiscreto favorito e reproduzo un correo que el me mandou; é moi breve: "quérote". Velaquí a explicación do dondo sorriso que se me puxo na face. |
|
|
Contas Dime B que é normal, que cando se cumpren anos se produce unha especie de revolta ou balance do vivido. Non sei se ten razón, pero levo desde onte intentando cadrar as contas e non me abondan os dedos. |
|
|
|
Aparencia Entre outras cousas, os anos achegáronme unha extremada prudencia á hora de facer valoracións sobre as persoas. Desgústanme os xuízos rápidos e categóricos que pretenden resumir a alguén nun par de palabras: resulta imposible; ninguén é tan plano e sinxelo como para reflectilo, descalificalo ou caracterizalo dun plumazo. Somos multifacéticos, complicados, revirados e sorprendentes; as circunstancias condiciónannos, tamén a xente que nos rodea. De xeito inconsciente adoptamos actitudes e expresións distintas, acordes ao noso interlocutor. Ocorre un pouco como cos rexistros lingüísticos: non empregas sempre o mesmo. A aparencia pode ser tan enganosa coma un souflé. |
|
Correo electrónico Desde hai uns días estanme chegando correos de persoas que non coñezo. Prudente, non os abro, pero intrígame. Onte caín na conta de que iso empezou a ocorrer desde o momento en que un amigo me escribe con regularidade, a min e a un feixe máis, e todos os enderezos figuran na parte superior. Eles contestan a todos, entre eles a min. Dáme non sei qué esta movida. Tería que facer algo para evitalo, pero... ¿que? |
|
|
Mudanzas Mudou o aspecto das entrañas do blog; espero poder acostumarme sen facer ningunha das miñas: entre que me fala en inglés e os letreiriños cambiaron de sitio... ¡Uff! Veremos. |
|
|
|
|
Polemistas Non sirvo para discutir. Decateime un bo día falando cun individuo afeccionado a polemizar, se cadra porque lle encantaba escoitarse a si mesmo; ao cabo dunha hora de non chegar a ningures, decidín que o mellor para min era calar: partiamos de posturas tan dispares que calquera punto de encontro resultaba imposible. Quería esmagarme cos seus argumentos, demostrar que tiña a razón, constatar unha vez máis que unha simple muller non podía competir coa intelixencia metódica e ordenada dun macho dominante. Aquel xogo anoxoume, quizais porque coñecía demasiadas contradicións do tipiño e desgústame a xente que defende algo na teoría, pero á hora da práctica actúa de xeito oposto; para máis inri, este era dos que non o admitiría nin bébedo. Ocórreme o mesmo cos que van de progres pola vida, ou de intelectuais, ou de estou por riba do ben e do mal; moito defender o diálogo, moito pregoar a forza da razón e, cando lles toca no saio, non hai diálogo nin forza da razón que valla. Debo de ser moi torda, a verdade, por non poder comprender que se descalifique a alguén só porque pensa de maneira diferente. |
|
|
|
(R)Evolución persoal Considero un privilexio observar -de preto ou a distancia, tanto ten- a evolución das persoas que coñecín moi novas. Se transcorreron anos desde a última vez que as vin, agrádame comprobar que saíron adiante contra todo prognóstico, que se converteron en adultos máis ou menos cabais e que seguen crecendo, cada un ao seu xeito. Se tiven a fortuna de seguirlles os pasos con relativa frecuencia, detéñome en matices miúdos que din moito de cómo encaran a vida e do seu enxeño para non deixarse asoballar por ela. Confeso que sinto un orgullo algo parvo polos seus éxitos, non tanto profesionais (que tamén), canto polas faíscas que lles brillan nos ollos pregoando as súas ganas de seguir aprendendo. Encántame sentilos vivos, ilusionados, saber que non pecharon portas nin ventás e que o aire circula sen pexas nas súas cabezas. ¡Que lles dure! |
|
|
|
|
Achado Onte lin Paycheck y otros relatos de Philip K. Dick. Aínda que Blade Runner me entusiasmara no seu día -tanto que teño o vídeo na casa-, nunca lle lera nada, quizais por falta de ocasión ou de...valor. Como agora xa non teño medos que me impidan durmir, mergulleime nos tres relatos sen saber moi ben qué ía atopar; engulinos nunha hora, máis ou menos, e conteillos a B mentres ceabamos. O segundo, 'Colonia', deixoume un sabor algo amargo, como cando era cativa e me amolaba que os heroes non se salvasen. Curiosa reacción. O terceiro, 'Roog', exerce un efecto inquietante que permanece nas neuronas entre calafríos e mal corpo. Eterno problema o da falta de comunicación entre as especies. En fin, 'Paycheck (La paga)', o primeiro, é o menos desacougante, probablemente porque o protagonista demostra ser máis listo cás circunstancias, por suposto adversas. Sospeito que recuncarei. |
31.5.04