|
|
|
Impresións Rematei hai uns días a lectura de La mancha humana e non se me vai da cabeza. Houbo un par de momentos que estiven a piques de deixalo, temerosa de non poder soportar a intensidade dos sentimentos que me provocaba, sobre todo a indignación, unha indignación quizais esaxerada ante a hipocrisía e o entremetemento. Por fortuna, conseguín domeala e continuar até a fin. É unha novela complexa e completa, capaz de remover o lector, de abraialo coas reviravoltas da trama e duns personaxes que se van convertendo paseniño en seres redondos. Aínda agora, ao lembrar esa sociedade ruín, puritana e mesquiña, me tremen as mans de furia, se cadra de horror. Había tempo que a lectura dunha obra non me axitaba tanto. Semella superfluo dicir que o gocei. Se cadra o seguinte paso sexa comezar coa última novela do seu comentarista, cuxo libro anterior me deixou bo sabor de boca. |
|
|
|
|
|
A propósito de Gondomar Ás veces segue a sorprenderme a miña capacidade de sorpresa, coma se esa fose unha característica máis propia de cativos ca de adultos; que conste que me gusta comprobar que non a perdín: reconcíliame coa vida. Pertencente a unha comunidade de hábitat espallado, sei desde a nenez que aquí as cidades son escasas, que o concepto de urbe carece de sentido e que un concello abrangue un número indeterminado de vilas, aldeas e lugares, acotío máis numeroso ca escaso. Pero tamén procedo dunha cidade -chamada polo meu sórneas favorito aldea sagrada-, vivín moitos anos noutra e só desde hai pouco tempo empezo a controlar o rural; porque unha cousa é sabelo e outra, coñecelo sen intermediarios. Non teño ningún problema en aceptar o meu pailanismo urbanícola, esa ignorancia de modos e costumes que tanta graza lles fai aos verdadeiros ignorantes, coma se un determinado tipo de vida os constituíse en detentores da verdade. Gondomar denomina unha viliña e un concello que abrangue moitos outros nomes -Borreiros, Donas, Mañufe...- esparexidos nun val de clima suave; a vila en si é bastante fea, sobre todo por unha presunta zona nova que a perverte con edificios de cemento construídos sen pensar dúas veces, rúas especulativamente estreitas e recentes intentos de humanizala, con resultados que dependen do partido gobernante. E todo iso nun espazo reducido. Afeita ás súas tardes tranquilas, hoxe paseeina ao mediodía e case me abafou: ruídos de obras, tránsito desviado, actividades máis ou menos febrís... conseguiron que a vise con outros ollos, mentres B me ía dicindo a cada pouco pero qué feíña é. Claro, como el naceu nunha pequena xoia, bonita coma poucas, todo o que non implique melloras globais xa lle parece mal. É incrible a cantidade de sudamericanos que se instalaron (e seguen instalándose) no val; sospeito que os atrae a dozura do clima, ideal para enfermos, anciáns e xente normal con desexos dunha vida mellor e amantes do mar-campo-proximidade á cidade. Un xeito distinto de estar no mundo; completamente distinto ao que coñecía. Préstame a mestizaxe que respiro por aquí; préstame descubrir unha realidade diferente; préstame, por encima de todo, continuar descubrindo. |
|
|
|
|
|
|
Indicacións Non hai como as indicacións precisas para atopar un lugar, sempre e cando quen as dea o coñeza. Se non, estámosche apañados. |
|
|
|
|
Acerto A verdade é que o meu novo fisio sabe o que leva entre mans. Aínda que as sesións non resultan divertidas, ao cabo dunhas horas ou dun día noto un alivio que me reconcilia con eses dedos que tanto dano fan. Adoito falar bastante na mesa de operacións, máis ca nada porque me axuda a distraerme da dor; a el non lle molesta, ao contrario, e responde como pode ao meu interrogatorio: ¿que produce isto?, ¿a que se debe aquilo?, ¿por que se contrae tal músculo?, ¿como estiro esta parte?... Ás veces sorpréndoo remexendo na memoria para contestarme, como se tivese medio esquecidos os apuntamentos da carreira. O outro día confesoume que son a única que lle fai preguntas, e gústalle. Di que, así, se obriga a repasar. |
|
|
|
|
|
|
Furgando Ando furgando no template dos narices por segunda vez (a primeira foi onte); engadín este caderno, pero nos areais sae en branco. ¿Alguén entende por qué? |
|
|
Goma e cartón Hai persoas que son coma pelotas de goma: dáslles un golpe, perden a forma durante uns segundos e axiña a recuperan sen máis secuela ca unha tenue lembranza (ás veces, nin iso). Porén as que son coma caixas de cartón acusan o golpe, quedan deformes un tempo, case paralizadas, e devagar volven á forma primitiva con algunha marca ou pregue que antes non estaba. As de goma rebotan; as de cartón desgástanse. |
|
|
Sensación Ás veces síntome tan pequena que mesmo me parece que a vida me queda grande varias tallas. |
|
31.10.04

Esta cara de pasmo é a miña