7.8.05

Domingo

O descenso das temperaturas lévame a recuperar o interese polo que me rodea e a facultade da fala, bastante minguadas cando a calor sacode sen piedade este meu pobre corpo. Vexo a xente na praia a horas prohibitivas e éntrame unha especie de atafegamento, coma se eu mesma estivese exposta a esa fogueira natural; a pesar dos moitos avisos que se espallan de non tomar o sol nas horas medias do día, o areal louro semella un formigueiro en plena actividade, as advertencias deitadas polo altofalante ecoan até aquí precedidas de cadanseu dingdong e mesmo xuraría que o cheiro a cremas bronceadoras ofende o meu nariz.

Hoxe afeiteille a cabeza a B. É esta unha ocupación entretida que libera a mente de pensamentos inútiles, pois aínda que non hai moito pelo que retirar, cómpre fixarse ben para non cortar o paciente. Comezo pola parte dereita, xusto por riba da orella, e avanzo por seccións imaxinarias que van en paralelo -agás no cada vez máis ralo remuíño- até completar a parte esquerda. Gústame botarlle a escuma de afeitar e logo ir esquiando coas coitelas, coma se estivese nunha verdadeira pista de neve. Logo dunha lavadiña, toca repaso. Por fin, cumprida a tarefa, o paciente limpa os restos do lavabo e recolle os aparellos até a próxima ocasión.

Recibimos a visita do caseiro para amosarlle a porta de entrada, comesta pola ferruxe e cun fecho que se abre dunha patada. Propoñémoslle cambiala e decide que -¡¡¡por fin!!!- se poñerá unha con peche automático e mando a distancia. Botamos uns risos a conta da súa empresa, dos políticos e dalgún suceso que nos fai moita graza, se cadra porque somos uns irreverentes co poder. A súa sorna alcánzanos a nós pola hora á que nos levantamos hoxe, pero cando non se dorme pola noite, cómpre facelo pola mañá. Mentres nós almorzabamos el xa levaba pescadas catrocentas luras e seiscentas xardas e estaba a piques de darlle de xantar á familia, coma tantos guiris empeñados en imitar os profesionais sen demasiado éxito.
Así é o verán.

Ningún comentario :