30.12.05

Peregrinaxe

Entre a aldea sagrada e Teucro levamos uns días de pouco vagar e moito pedal, algo que para unha persoa tan caseira coma min supón unha dura proba. Aínda nos queda Ítaca, non para ver familiares, senón para intentar unha vez máis atopar vivenda.
B anda un chisco indeciso con respecto ao seu porvir, con ganas de deixar o ensino pero con ganas de continuar nel se as circunstancias fosen máis favorables, mais o cambio de leis e contraleis non axudan nunha especialidade que o goberno parece decidido a arrombar de vez contra todo sentido común. Mentres, a vida flutúa entre un lugar e outro barallando plans serios ou delirantes con tal de acougar nalgures a gusto dos dous.
Na nosa ausencia a lavalouzas rompeu dúas copas de viño. Ignoro que lle farían.
Por certo, FELICÍSIMO 2006, que non volverei por aquí até dentro duns días; xa saben: Ítaca.

22.12.05

Inverno

lámpada
Felices festas a todos os que paseades por este areal.

19.12.05

Visita

Coma o ectoplasma que sae da boca da médium para dar corpo a un espírito doente, saía o bafo polos nosos narices mentres dabamos un paseo pola beira do Miño en Auria, onde fomos coa intención de ver a Vicente; máis delgado, un chisco esbrancuxado quizais, pero tan bo mozo coma sempre, recupera día a día as forzas e o ritmo, como ten que ser. Acompañábao outro amigo, o autor da mellor páxina sobre os ríos galegos que hai na rede, esa que tanto lle gusta a Dorvisou.
A paso pousón e falando polos cóbados, vimos con sorpresa corvos mariños e garzas grises, inesperados tan ao interior (as gaivotas non son novidade desde hai anos), mentres a brétema se levantaba moi engorde do río Miño e da cidade dando paso a un sol que semellaba non decidirse por completo a asomar o fociño.
O Nadal respirábase nas luciñas que adornaban as rúas, nos comercios adobiados para a ocasión, nas moreas de xente que pasaban con bolsas e paquetes, nos abrigos de pel tan típicos das mulleres desa cidade, no frío case polar que cortaba o alento. Pero iso era o de menos; o de máis: saber que dentro duns meses Vicente e a súa muller nos devolverán a visita.

18.12.05

Solidariedade

Las olvidadas
Este libro é deses que me deixan unha especie de pouso amargo na boca, coma un té vermello demasiado recocido, e non porque estea mal , que non o está (todo o contrario), senón polo sentimento de tristura que me invade cando constato por enésima vez o destino tan triste das mulleres creadoras do pasado.
Camufladas detrás dos homes da familia, excelentes artistas que a historia silenciou, tiveron que vencer toda serie de dificultades para dedicarse ao que lles gustaba sen poder competir coa cara descuberta se non querían correr o risco de que as criticasen ou se burlasen delas.
Menos mal que hoxe hai persoas que se molestan en descubrilas para que nós poidamos comprobar que na historia da humanidade non só os homes tiveron voz.

14.12.05

Foz

foz
A foz da Ramallosa é un fervedoiro de vida; garzas grises e brancas, malvasías, parrulos, varios tipos de gaivotas, corvos mariños, araos, mazaricos e mariscadoras comparten o espazo nestes días previos ao inverno. Na preamar, pasear pola beira non está libre de arreguizos, pero pagan a pena con tal de ver o rebumbio que se desata mentres todos -agás as mulleres, que acoden na baixamar- se afanan en buscar a mantenza.
Ao principio de estar aquí, abraiábame a pacífica convivencia entre o bicherío e os coches que corren a uns metros de distancia e pensaba que a Natureza era moi sabia por permitir un refuxio de fauna tan rico e variado a carón dunha estrada con tanto tránsito. Agora que sabemos que o Val Miñor é o lugar de Galicia onde máis medra a poboación humana -de feito, o único onde houbo máis nacementos ca mortes-, non nos queda outra que deducir que este é un sitio excelente para criar. A febre do sexo e da paixón entre os adolescentes ten como resultado nais e pais tan novos que case dá certa mágoa, aínda que sexa a resposta da Natureza a tanta calor.
Voume preparando pouco a pouco para a despedida. Esa si que dará certa mágoa.

10.12.05

Estraña semana

Sen pontes nin acueductos, esta semana tivo as súas dificultades horarias, máis ca nada polas esaxeradas licenzas que nos permitimos os días non laborables. Malia todo, tamén tivo a súa maxia en forma de botadas de tarot -confirmacións do que eu xa supoñía-, lecturas indiscriminadas (algunha divertida, tenra, mesmo dramática se se quere), soños inquietantes que só significan cambios e paseos que che traen comportamentos alleos que non esperabas pero que non te sorprenden, porque hoxe, meus, ás portas do inverno, ía un día tan marabilloso que incluso había vellos vestidos só co bañador camiñando polo bordo do mar, parellas que se bicaban pousados os pés nus na area mollada e unha morea de xente arriba e abaixo da praia que aquilo semellaba o paseo grande dunha grande cidade.
Cuns desexos tremendos de que B me rape -para o meu gusto xa teño melenas-, son incapaz de resistirme á chamada do macho alfa cando me di ¿Saímos a dar un paseo? con estes días tan estupendos e tan breves, porque ás seis xa empeza a xear.
Agora escoito o ladrido de Cosco. Só falta un cosco para completar o pracer.

4.12.05

Vapores etílicos

Ceei con B nun local de Vila Real con música de fondo en directo tocada por Tonichi e Veloso, eses virtuosos do swing que conseguen converter unha modesta cea nun banquete; mágoa que a miña resistencia non dea para moito e tivese que volverme á casa entre chuvia e vento mentres B quedaba no karaoke final. Nin idea de cando volverá.
Merquei un tarot exipcio, un máis para a colección, con imaxes que aguzan a miña imaxinación, nunha tenda esotérica que tamén é herbolario e as dúas mulleres que o levan quixeron colocarme un xarope para a tose, infusións de romeu e todo o que dispuñan para curar a catarreira. Pero a catarreira está na recta final e non piquei.
Quedou un tarot de Rider tamaño grande que non merquei, porque teño o pequeno, aínda que elas me animaban por aquilo de que se era para a colección, pagaba a pena investir tantos cartos. O Nadal está próximo e non desboto a posibilidade de facerme un agasallo... para a colección.
Outros coleccionan xoias. Eu, tarots. ¿Por que non?

1.12.05

Lixeiro cabreo

Acabei Cinco mujeres y media de Francisco González Ledesma en boa hora e cun mediano cabreo. A curiosidade -se cadra o mellor motivo para mercar un libro- e a lectura de boas críticas leváronme a este Silver Kane que xa non escribe novelas de vaqueiros coa esperanza de atopar unha boa novela negra, un dos meus xéneros preferidos.
Das trescentas noventa páxinas sóbranlle ben a gusto unhas duascentas; a suposta ironía que se lle atribúe é chambona e transparente, mesmo irritantes algunhas alusións feitas con torpeza; a trama está ben, aínda que deixa varios cabos soltos polos que aínda me pregunto, e tamén me pregunto por que esa ansia de introducir reflexións políticas ou presuntamente filosóficas que frean o ritmo, afean o conxunto e que pouco ou nada achegan ao resultado final. Algúns personaxes son tan caricaturescos que semellan un insulto á intelixencia do lector, ao igual ca algunhas situacións. E, en fin, acabei farta de tantos follar, joder, huevos e demais lindezas que salfiren o relato, sospeito que coa pretensión de darlle color e situar os personaxes na súa clase social.
Desgústame, non sei por que -ou si sei-, falar mal dun libro, pero neste caso láiome dos cartos investidos (vinte euros) que ningún pracer me deron, do tempo que me levou entre bufidos e protestas e do chasco que me produciu.
Non sempre o ollo atina en escoller as lecturas.