24.1.06

Cambios

O principal tema que nos ocupa estes días é a nova casa e o cambio que nos espera. Chámame a atención o desacougo que poden chegar a producir os cambios ou a súa perspectiva, coma se desen algo de medo. Dígome a min mesma que imos estar de marabilla, que a xente de alá é moito máis aberta e cordial cá de aquí, que xa levamos varios e todos foron para mellor, pero... Por que seguirá este vermiño a roer e roer?
Confeso que son o típico espécime reacio a cambiar; mellor dito, era. Agora xa non rexeito de entrada a posibilidade, quizais porque a experiencia é unha boa amiga e vainos aprendendo que todo na vida é mudanza, superación das propias eivas, asalto a novas inquietudes.
Moitos pensamentos turban nos últimos tempos o meu equilibrio; as dúas novelas paradas, os relatos inacabados, a dificultade para rematar o que empezo con gana. B dime que se debe ás circunstancias que vivimos, que antes a escritura era para min un escape dos problemas diarios e que arestora, como non os teño, tampouco necesito escapar de nada. Admito que resulta convincente e atinado, pero iso non me consola en exceso. Aínda lembro outra conversa de hai anos, noutro atasco moito máis breve, que lle preguntaba agoniada se se me vai a fluidez para escribir, que me queda? Porque o que en realidade boto de menos con desesperación é deixarme levar por unha historia que me engancha até o punto de non desexar máis nada para vivir. Con que poderei substituír iso?

Ningún comentario :