19.3.06

Perspectivas

Como dentro duns meses marcharemos de aquí e nos trasladaremos a Ítaca, a mente anda coma unha avelaíña danzando tolamente dun lado para outro, quizais coas expectativas postas máis no futuro ca no presente. Tanto B coma min temos a sensación de que estamos aquí sen estar por completo, a medias, sensación á que contribúen non pouco as chamadas telefónicas de alí para resolver cuestións domésticas.
É esta unha situación abondo desacougante, coma se durante un tempo tivésemos perdido o noso lugar no mundo. Repetímonos que cómpre vivir o presente, gozar do que o día a día nos vai poñendo diante dos narices, pero sorprendémonos acotío pensando no que será, coma cando de cativos agardabamos a chegada dos Reis Magos. Por veces imaxino o que sería facer clic cos dedos e atopármonos no lugar de destino sen pasar polas molestias e complicacións que implica, pero como é imposible, procuro non deixarme atafegar por ideas vagas de mudanzas de pesadelo e roturas de obxectos queridos, por non falar da recolocación dos que cheguen enteiros e, sobre todo, dos libros.
Quizais o que máis nos atrae é a proximidade dun núcleo urbano, pequeno, si, mais suficiente para non sentírmonos tan illados, porque agora neste concello tan espallado necesitas o coche incluso para ir comprar o pan. A min, que non teño xa obrigas laborais, préstame a idea de mergullarme brevemente no balbordo dun bar a tomar un té matinal despois dun paseo pola beira do porto ou charlar tranquilamente co xerente, mentres observo como varía a clientela de minuto en minuto.
Como di B, cambiaremos para mellor. Que así sexa.

Ningún comentario :