Aínda que alternan os fortes e os suaves, ver un temporal desde primeira liña de mar é un espectáculo ás veces estarrecedor, sobre todo se o forte vento arrasa parte de cheminea, tomba a antena da televisión e deixa a buganvílea medio pelada. Foi tanta a auga que caeu que se inundou o garaxe, atoouse o desaugadoiro e voaron tellas que acabaron estourando no chan. Voaban tamén follas de árbores, canas e piñas e, desde o interior da casa, oíase todo ese balbordo cun estremecemento, con medo, quizais, de que derrubase a casa e nos deixase á intemperie.
Vaise notando o cambio de estación na subida das temperaturas, na inestabilidade atmosférica e nesta canseira que che fai durmir coma unha pedra, incluso a sesta. Niso creo que nos comportamos coma os animais, que cando o tempo está revolto andan adurmiñados durante todo o día, se cadra porque non hai mellor cousa que facer.
Decátome de que a mente non anda ao cento por cento; preguiceira coma o tempo dedícase a lacazanear saltaricando dun libro a un escrito, de blog en blog, de pensamento fugaz en pensamento fugaz. Haberá que agardar mellores tempos para espelirse.
Ningún comentario :
Publicar un comentario