29.1.07

Vida social

O ateneo Valle Inclán non para de organizar actividades atraentes; o xoves inaugurouse a exposición de prensa e outro material antigo (cómics, novelas de vaqueiros, álbums...) que o xornalista Suso Souto coleccionou ao longo dos anos. A pesar de que, segundo el, estaba nervioso, a charla que nos regalou foi amena e fíxome pasar unha hora moi agradable; algunhas das anécdotas provocáronme gargalladas, non tanto pola graza das mesmas, senón polo xeito de contalas. En efecto, tivo que ser para el un auténtico esperpento querer recuperar un vello mapa de España feito a man que deixara en depósito nun museo (se dixo cal, non o oín) e atoparse coa desagradable sorpresa de que o director guindara con el ao lixo porque a humidade o estragara. Humidade, por certo, incapaz de ferilo durante os corenta ou cincuenta anos anteriores.
A presenza dos alcaldes do Barbanza (menos un que non puido acudir), convidados pola directiva, chamoume a atención, pero xa me vou decatando de que aquí son moi cerimoniosos e un punto máis protocolarios do que estou afeita. J.E., nun momento de charla informal (ao remate de cada acto sérvense viños e pinchos), soltoume que eu parecía de Extramundi, o que me lembrou as veces que me chamaron ET. Para a miña sorpresa, B é máis da opinión deles que da miña, o cal me deixa nunha posición un tanto estraña. Estarei errada? Terei que reflexionar.
Recordo o Val Miñor sen morriña ningunha; tanto illamento comezaba a non sentarlle ben ao meu carácter, algo tendente á melancolía. Case esquecera a miña faceta sociable, o agradable que resulta por veces relacionarse con xente, ver movemento polas rúas, saudar coñecidos, compartir risos e mágoas. Tamén hai unha parte menos positiva que non me resisto a comentar; aínda que este blog non ten repercusión nesta vila (ás veces só cómpre un elemento para que haxa perigo), abonda para cortarme á hora de falar de persoas con total liberdade. Esperemos que ese corte sexa transitorio. ;)

23.1.07

Triloxía

Rematei días atrás a triloxía de Laura Gallego Memorias de Idhún, que tantas paixóns levanta entre os adolescentes. Son tres tomos moi grosos que van desde as setecentas e pico páxinas ás novecentas e pico e nos tres sobran bastantes.
Pero vaiamos por partes. O mundo que crea a escritora resulta atraente e completo, a multitude de seres que pululan e se moven nel están ben logrados, a acción é trepidante e engancha con frecuencia. A historia amorosa entre os tres protagonistas, porén, chega a aburrir por repetitiva; nas ocasións en que se describen os sentimentos emprega case sempre as mesmas expresións, en particular ese e deixouse levar que, despois de lelo unhas vinte veces como pouco, irrita até o esgotamento. Tamén insiste moito noutras cuestións que non vou destripar, e esa insistencia cansa; xa quedaran claras antes, non cómpre volver sobre elas unha e outra vez.
Seica a autora, bastante nova, comezou a enxendrar esta historia hai máis de quince anos; escribiuna en menos de tres, e iso nótase. O estilo podía estar bastante máis puído; algúns personaxes, mellor perfilados; a sintaxe e expresión, moito máis coidadas.
Gústame que me conten historias fantásticas (que historia non o é?), pero sobre todo gústame que mas conten ben; e aínda que lin os libros en pouco tempo atrapada pola trama, percibín asemade os fallos e os chíos.

15.1.07

Actos e proxectos

Encárganme poñerlle texto a unha ilustración que aínda non me chegou, a pesar de que cómpre entregalo todo dentro de tres días. Ante a miña protesta de que non me gusta traballar contra reloxo, B retrúcame que os artistas funcionan así, que forma parte do seu xeito de ser. Será, pero... Ufff!
Tamén me fan a encarga dun conto para nenos, desta vez con máis prazo de tempo. Confeso que o primeiro intento saíu espantoso, cunha mensaxe implícita que a min mesma me anoxa. A B horrorizouno; non necesitei máis para arrombalo e poñerme de novo ao traballo.
Acudín á entrega do primeiro premio de novela curta organizado polo concello de Ribeira para coñecer a autora gañadora: Begoña Paz, unha muller encantadora que ten publicado, entre outros, un libro de relatos titulado A ferida. Espero que o concello non tarde moito en tramitar a edición desta nova obra. Mentres falo con ela cun viño na man, o alcalde cóllenos ás dúas nun aparte e entréganos unha bandexiña de Sargadelos. Todo un detalle.
Despois vou ao Ateneo Valle Inclán á presentación do libro de Diego Ameixeiras Tres segundos de memoria , á que segue a actuación do grupo musical Desafinados, que me sorprende pola excelente cantante. O local está ateigado de xente e abafo aprisionada entre B e unha muller que me apuxan sen querer cos seus cóbados; sóbrame o groso xersei e incomódame o chaquetón no colo, de xeito que a suor me escorrega lombo abaixo. A pesar de todo, percibo que Ameixeiras ten unha fermosa voz, cálida e profunda. Abráianme, por insólitas -fóra de lugar, máis ben-, algunhas intervencións de público asistente e penso, con certa maldade, que a liberdade de expresión debería usarse con máis tino; coido que a palabra precisa sería prudencia. Pero, ai!, a pobre prudencia non entra no vocabulario de determinada xente. Unha mágoa.

8.1.07

Variedades

A aldea sagrada estaba espléndida coa nova iluminación que tanta propaganda levantou; en verdade semellaba unha xoia engalanada para pracer de propios e estraños. Desde a miña (cada vez máis remota) nenez as luces de Nadal na cidade espertan en min sensacións gratas, se cadra por ser quen de converter durante unha breve tempada o cotián en extraordinario. Mágoa que os papás non puidesen admirala repetindo os paseos que deron durante máis de media vida polas mesmas rúas, xa non tan tranquilas coma outrora.
En Teucro os males da vellez tamén fincaron os seus cairos, aínda que novas vidas se desenvolven asemade. Triste consolo.
Xa en Ribeira, asistín ao verdadeiro e formal acto de inauguración do Ateneo Valle Inclán, que contou coa intervención dun afamado mago da palabra: Quico Cadaval.
Logo, en fin, unha leve pero molesta doenza tívome confinada na cama entre dores e suores. A cousa vai mellor, pero lembroume, unha vez máis, que non debo facer excesos coa miña dieta, abondo arrombada por mor das benditas festas.
Mentres, de novo Terry Pratchett, Laura Gallego (xa me tardaba comprobar por min mesma o que se di sobre ela) e Walter Moers (estupenda La ciudad de los libros soñadores) aliviaron un chisco os meus males e ateigaron o meu semisono con imaxes fantásticas, por veces delirantes, mesmo repulsivas, sempre atraentes.
Durante a fin de semana Abril rojo de Santiago Roncagliolo -lonxe, aínda que se poida pensar o contrario, da literatura fantástica- fíxome experimentar un amplo abano de sensacións, desde o noxo polo que contaba ao abraio por como o contaba.