26.5.08

Maldito tráfico


O tráfico en Ribeira é cousa do demo, a pesar de que se podería pensar que nun sitio pequeno non debería haber demasiados problemas. Á parte dos horteiras que levan a música a todo trapo para torturar os demais, as dobres filas nunha das rúas principais son un pesadelo cotián, pois por moi principal que sexa non se trata dunha avenida. A estreiteza xeral das vías non impide que calquera aparque un momentiño no lugar máis inoportuno para facer un recado, co conseguinte atranco da fluidez; os peóns atravesan por onde lles peta, malia que nunca vin unha vila con tantos pasos de cebra; como as vellas beirarrúas son diminutas, a xente non ten reparo ningún en invadir a calzada no seu afán de camiñar con máis comodidade; ás horas de entrada e saída dos coles os autobuses detéñense cada pouco para deixar preto das casas os tenros infantes, e cómpre andar con cen ollos para non atropelar os máis ousados que nin miran se poden pasar ou non; non é nada estraño que non se respecten os cedas nin que vellos con muletas ou bastóns se lancen á calzada coma nos antigos tempos; raro é, en xeral, o que mira para os lados antes de cruzar a rúa. Como en todas as partes, hai condutores que cren contar con máis dereitos ca ninguén e teño para min que a maioría dos automóbiles non traen intermitentes de serie. Sospeito que o que vai detrás debe adiviñar o seguinte movemento do de diante.
Ao principio de chegar aquí coidei acharme no salvaxe oeste americano ou nunha selva onde impera a lei do máis forte ou do máis espelido; non vou negar que me estresaba un chisco. Coa práctica funme armando de paciencia e, incluso, de grandes doses de resignación, non precisamente cristiá. Iso si, a pesar de todos os pesares, continúo a ser a raíña das rotondas.

Ningún comentario :