Ao final cumpría facelo, xa o tiñamos falado varias veces, así que aproveitamos as circunstancias e, aplaudidos polas súas médicas de cabeceira, levámola o mércores pasado a que lle quitasen o aparello. Charo amosóunolo e manexouno coa soltura de quen o fai dende hai tempo (asombroume o pequeno que é) e sinalounos unha especie de lentelliñas (entre catro e seis, a ollo) que resultaron ser embrións. O maldito atigrado (o can máis papán da zona) conseguiu o que quería, pero non volverá intentalo con ela.
Está incómoda, non pode rañar con comodidade nin meter o fociño onde quere; non entende o que lle pasa e con moita frecuencia achégase a min para que a alivie; o único que podo facer eu é acariciala e falarlle con voz tranquila e suave, ás veces rañolle os laterais do corpo ou detrás das orellas e ela lámbeme as mans. Tampouco pode saír libremente á horta, ten que ir atada para evitar que corra ou choute e xa tirou comigo unha vez e lesionoume o ombreiro dereito a base de tiróns. Cando B e Dona saen de paseo, ela xeme e choromica porque tamén quere, pero iso está prohibido. Cómpre consolala e procurar que repouse o máis posible para que o costurón cicatrice canto antes.
Se todo vai ben, dentro dunha semana será libre.
Ningún comentario :
Publicar un comentario