Serafín Moralejo deume clase hai unha morea de anos, tantos que nin coñecía a B, así que nos poñemos cara a finais da década dos setenta. Foi unha eminencia no seu campo, valorado e respectado polo mundo adiante coma o experto que era en arte medieval e investigador de ben. Daquela, con vinte anos (ou eran vinte e un?), todo iso pouco me importaba; o que me importaba era que ensinaba de marabilla, esperabas as súas clases coma auga de maio, sorrías ou rías a cachón coas súas ocorrencias (aínda lembro aquel proxector de diapositivas "manomático", en contraste co "automático") e aprendías de verdade,
DE VERDADE, arte e aprendías a querer aprender máis.
As súas clases eran unha delicia e os seus exames non eran un suplicio, porque valoraba o que dicías se estaba razoado e sempre procuraba sacar o mellor de ti mesmo.
Descansa, por fin, en paz, benquerido profesor. Con todos os meus respectos.
Ningún comentario :
Publicar un comentario