16.6.12

A tregua do clima

Ata onte nunca tivera ocasión de participar no bautismo dunha rúa, mellor dito, do recuncho dunha praza: o recuncho García Márquez. A chuvia ameazou durante todo o día con deslucir o acto ou obrigar a trasladalo ao Ateneo, pero á hora da verdade escampou por completo e todo se desenvolveu sen atrancos.
Había bastante xente observando e escoitando: alcalde, concelleiros, próceres varios e persoas de a pé reuníronse para a ocasión. Léronse uns parágrafos de Cien años de soledad en inglés e en galego, e o maior fanático que coñezo do autor colombiano expuxo con elocuencia as razóns que o moven a adorar a súa obra. Non podían faltar a intervención do presidente do Ateneo nin a coda final do alcalde antes de descubrir a placa conmemorativa, cuberta ata ese momento cunha tea negra amarrada cun lazo azul. Ao remate, a inevitable sesión de fotos á que se sumou boa parte dos asistentes.
Logo, uns viños no Plaza para comentar o evento e, á fin, unha deliciosa cea na Casa Fontao, que volveu abrir as súas portas non hai moito tempo.
Tanto ruído resultou excesivo para os meus pobres oídos e marchei para a casa baixo a chuvia observando abraiada vestimenta e calzado da xente nova que saía de marcha.

2 comentarios :

Aldabra dixo...

¡que boa pinta!
seguro que todo estivo moi ben, a compañía, a lectura, a charla...

biquiños,

zeltia dixo...

Xa fun curiosear á casa Fontao, que a min os sitios onde se come ben sempre me chaman a atención...!

(non sei o que se sinte ao inaugurar nada)
;-)