26.5.07

Reflexión?

Envíolle a Cesare por correo electrónico a miña opinión sobre o libro que acabo de ler (el insistiu en pedirma). Confésolle que xamais poñería no blog un comentario semellante sobre un libro en galego escrito por un autor galego e intento reflexionar por que. Non avanzo moito na miña reflexión, se cadra porque intúo que as respostas non me agradarían, pero quizais sexa o momento de intentalo con máis empeño.
En certo modo chócame, porque en xeral non sinto apenas reparos á hora de expoñer o que me gusta e o que me desgusta cando a obra está escrita noutra lingua; entón... que ocorre aquí? Temo ferir susceptibilidades nun mercado editorial tan cativo no remoto caso de que a autora o lese? Acaso polo único feito de estar escrito en galego merece consideracións que non merecería de tratarse doutra lingua? Neste último caso, que estraño mecanismo se pon en funcionamento para sentir así? Terei que acudir a Freud ou a calquera outra tendencia psicolóxica máis moderna?
Se alguén se detén a ler con calma este post, encantaríame saber o que teña que dicir. Grazas.

22.5.07

Charla

A biblioteca do instituto de B está en continuo movemento grazas ás encargadas que se preocupan por desenvolver actividades variadas e atraentes para o alumnado, coma a maleta viaxeira (reconvertida en mochila porque era demasiado linda e aos rapaces dáballes reparo andar con ela) ou a olimpíada do saber, entre outras. Ademais diso, manteñen un club de lectura con todos aqueles pais e nais que se queiran apuntar (só vin nais) e, ás veces, convidan o autor do libro en curso a charlar con eles. Así que onte estiven na reunión do club que tivo lugar nunha das bibliotecas escolares máis atractivas que nunca vira para falar das vidas; cómics e libros están expostos en andeis e mesas, cartaces e composicións diversas feitas polos alumnos adornan as paredes e as portas, letreiros con distintas convocatorias animan a participar na campaña que sexa e a luz entra por todas as fiestras, como debe ser.
De todas as reunións con lectores ás que levo acudido (que non son moitas) esta resultou das máis agradables; o ambiente distendido axiña se converteu en cómodo e os comentarios que se sucederon deixáronme moi claro que hai lectoras moi atentas que captan as ambigüidades con intuición e certeza. Gustoume que lles gustara o libro, como non!
Ao remate agasalláronme cunha figura do trobador Afonso Eanes do Cotón, aínda que o autor da cantiga que dá nome ao instituto é Pedro Eanes Solaz.

16.5.07

Execución inmediata

Traducida hai anos (1995) como Cabalga sobre el rayo, este libro de John Lutz está conseguindo poñerme de mal humor. En principio, a historia dunha loita contrarreloxio para salvar un condenado a morte que, ao parecer, é inocente do asasinato polo que o declararon culpable (malia as catro testemuñas que o viron no lugar, el non estaba alí) semelloume atractiva e merquei o libro por catálogo, como fago con frecuencia. A pesar de non saber inglés, noto os chíos de tradución, a trama alóngase de xeito gratuíto e o detective resulta antipático por choromicas. Os personaxes son liviáns e inconsistentes coma o fume dun cigarro, a historia que podía dar de si convértese nun pasar de follas á espera de que aconteza algo interesante de verdade ou que a prosa mellore un chisco.
Rematareino, claro, máis ca nada por saber como se apaña o autor para saír da lea na que se meteu, pero xa vou chorando os poucos cartos que me custou.

Actualización: Previsible coma un chupachups de limón. A prosa non mellorou.

13.5.07

Medio século!

Chamadas de vellos amigos, flores da familia, cea e conversa con B, sensación de incredulidade...
A cifra é o de menos, dime B; pero impón, contesto eu. Sen decatarme, fago un repaso do que foron estes cincuenta anos, medio esperando non atopar nada, e sorpréndeme observar a morea de trabas que fun superando, a cantidade de vivencias que me conforman e, á fin, as miudezas que se sucederon para facer de min o que son, para ben e para mal.
Pensaba facer unha festa especial, pero non hai nada máis especial que sentirse vivo.

11.5.07

Achado

Grazas a unha ligazón de Akin, atopo a miña perdida conta de flickr; agora a cuestión radica en dar cos apuntamentos de MH para repasar como se meten as fotos no blog. Co raio da mudanza (xa en agosto!, como pasa o tempo!), gardei as follas tan ben gardadiñas que nin sei por onde comezar a mirar. E iso que, aínda que non o pareza, son bastante ordenada.

9.5.07

Rarezas

Descubrín por casualidade a Robert Van Gulik e o seu xuíz chinés Di, protagonista de novelas de misterio, medio históricas medio policiais, hai xa algún tempo, afeccioneime a elas e procuro informarme de cando sae unha nova porque me entreteñen e mergullan nunha atmosfera por completo diferente ás que reflicte o mundo occidental. A última que lin remateina onte e ten de particular que nos introduce non tanto nos costumes sexuais, canto no mundo da prostitución da época (século VII).
Acaba de chegarme unha nova entrega que terá que esperar, pois ando con esta de H. R. F. Keating, tamén atopada por casualidade nun catálogo de libros e discos onde de cando en vez dou con cousas curiosas. O protagonista é o inspector Ghote, da India, que se ve obrigado a viaxar a Ooty para investigar o asasinato dun home cuxo corpo aparece, xustamente, sobre unha mesa de billar. Lévoa mediada e recoñezo que me fai bastante graza o empeño de Súa Excelencia por arremedar o famoso Hercules Poirot e o desconcerto que provoca no inspector.

7.5.07

Caracteres

Dáme certo reparo o noso xardín, por chamarlle dalgún xeito. Entre unha maraña de plantas ventureiras adivíñanse malamente as plantadas por B, que se nega a cortar a herba (en principio, céspede) porque hai floriñas bonitas. A min gustaríame que o seu aspecto non se parecese tanto a unha leira abandonada, con trevos cada dous por tres por moito que teñan delicadas flores amarelas, pero non son das que dan a lata e insisten no seu gusto; á fin e ao cabo compénsame ver a B tan feliz fochicando na terra e rescatando presuntos adornos naturais.
Que contraste coa propiedade dos veciños co céspede coidado -cando menos recortado e igualado- onde os críos corrican e berran igual ca cativos xabarís!
É a primeira vez que teño contacto asiduo con nenos pequenos e abofé que son unha fonte inesgotable de desconcertos. O domingo petaron na porta porque querían ver unha schlumbergera mordida por caracois da que B lles falara. Entraron moi aquelados, mais axiña se sentiron na súa casa, facían comentarios de todo o que vían e, como non!, preguntaban sen cesar sobre o divino e o humano. O mediano non pode resistir a atracción cara ao kumquat, aínda un cachorro, e por moito que se lle dicía que os froitos estaban verdes, arramplou con un case sen querer.
Cando a nai os chamou para iren cear, marcharon dando as grazas por orde gobernativa, pero notábase que non lles saía natural.

5.5.07

Cuestionario Proust

Arume dos piñeiros emprázame a contestalo. Aí vai:
1.- O principal trazo do meu carácter? A dúbida.
2.- A calidade que prefiro nun home? A lealdade, a intelixencia, o humor.
3.- A calidade que prefiro nunha muller? A lealdade, a intelixencia, o humor.
4.- O que máis aprecio nos meus amigos? A lealdade.
5.- O meu principal defecto? A impulsividade.
6.- A miña ocupación favorita? Ler, escribir.
7.- O meu soño de dita? Estar embebida na elaboración dun libro.
8.- Cal sería a miña maior desgraza? Perder a imaxinación.
9.- Que quixera ser? O que son con algúns retoques.
10.- Onde desexaría vivir? Onde vivo.
11.- A cor que prefiro? Azul.
12.- A flor que prefiro? A orquídea.
13.- O paxaro que prefiro? O paporrubio.
14.- Os meus autores preferidos en prosa? Cortázar, Cristina Fernández Cubas, Proust, Ana María Matute, Carmen Martín Gaite...
15.- Os meus poetas preferidos? Víctor Campio Pereira, Antonio Machado, Pablo Neruda...
16.- Os meus heroes de ficción? Salvo Montalbano.
17.- As miñas heroínas de ficción? Helena Justina.
18.- Os meus compositores preferidos? Chopin, Loquillo (xa, xa sei), Aute.
19.- Os meus pintores predilectos? Georgia O'Keeffe, Van Gogh, Monet, Canaletto, Turner...
20.- Os meus heroes da vida real? Os anónimos que a pesar dos atrancos seguen adiante.
21.- As miñas heroínas históricas? As anónimas que loitaron e loitan pola súa dignidade.
22.- Os meus nomes favoritos? Carlos, Uxía.
23.- Que detesto máis ca nada? Que pretendan gobernarme a vida e que intenten manipularme.
24.- Que caracteres históricos desprezo máis? Stalin, Hitler e todos os autoritarios.
25.- Que feito militar admiro máis? O de calquera pobo que se resiste a ser invadido.
26.- Que reforma admiro máis? Calquera que non atente contra a dignidade e a liberdade humanas.
27.- Que dons naturais quixera ter? Intuición infalible.
28.- Como me gustaría morrer? Valéndome por min mesma e en paz.
29.- Estado presente do meu espírito? Inquedo.
30.- Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os que cometen os pais para salvar un fillo.
31.- O meu lema? Vive e deixa vivir.

3.5.07

Breixo

Non me caracterizo por ser moi neneira; polo xeral, cinco ou dez minutos en compañía dun bebé abóndanme para sublimar os meus escasos instintos maternais, ás veces incluso serven para felicitarme por non ter caído nunca na tentación; pero a visita do martes foi desas que fan época, non só pola inmensa ledicia de ver uns amigos moi queridos aos que non lles botaba o ollo enriba desde hai anos, senón tamén polo fillo de dez meses que trouxeron, un dos bebés máis xeitosos que coñecín na vida. Nada máis atopármonos, botouse a rir, a pesar de ter pasado dúas horas metido nun coche; seguiu rindo á hora do xantar, na sobremesa e á hora da merenda; incluso riu ao despedírmonos. B, menos neneiro ca min, quedou encantado dos golpes no peito aplicados con precisión por esas manciñas tenras, ávidas por pillar narices e premelas ou meter un dos seus gordechos dediños na venta que acaese.
De novo abraieime cun aquel de envexa ante un ser que está descubrindo o mundo, para quen todo é novidade e marabilla, estupendo comedor, alegre e de excelente pasta. Con visitas así, o mundo volve adquirir color.

1.5.07

Calceta

O club da calceta de María Reimóndez lembroume o tempo en que calcetaba case con ansia, pero sobre todo proporcionoume momentos de pracer. Escrita con axilidade, preséntanos distintos tipos humanos que coinciden por azar nunha clase de calceta na que a actividade máis importante é o tecer e destecer vidas a base de conversas. Aínda que algúns coidan demasiado tópico ou doado o final feliz, a min gustoume ese optimismo vital que leva as protagonistas a superar os atrancos das súas existencias grazas ao apoio mutuo e á capacidade de superación.

27.4.07

Completando

Para X .

O pub está nun soto non moi grande no que tampouco cabía moita xente, moita máis, iso si, cá que había. Antes do encontro cos lectores, a tele local fíxome unha entrevista, e sorprendinme a min mesma moi tranquila ante a cámara; debe ser que me estou facendo maior e xa non me dan corte estas cousas. Tras agardar uns minutos a que chegasen máis persoas (que non chegaron), presentoume Nel Vidal, o encargado do departamento de política lingüística do concello -se non me trabuco-, cuxa faciana me soaba moitísimo, de seguro que por telo visto por aquí, pois de aquí é natural. Logo tocoume a min e conteilles, entre outras cousas, por que o libro tardara tanto tempo en publicarse, o que deu pé para falar das editoriais e dos motivos que as levan a encargarse dunha obra, das accións dos propios autores para promocionarse (os que o fan) e do que serve de inspiración para escribir.
Os asistentes non eran moi falangueiros, agás un que participou bastante e que estaba intrigado polo que denominou a miña mente perversa, etiqueta que rexeitei con algunha gargallada, xa que non creo posuír unha mente especialmente retorta; os relatos debéronlle de gustar, pois manifestouse asombrado de que o libro non tivese máis repercusión.
Algunha lectora fixouse nunha das chiscadelas que hai sementadas polo libro adiante (os nomes das monxas, por exemplo, empezan todos por m para evocar o murmurio das ladaíñas) e outras interesáronse polos meus proxectos futuros. Tamén me preguntaron polo título, tan contraditorio (a min gústame dicir irónico) co que agacha, por algúns detalles de certos relatos e pouco máis.
Estivemos xuntos algo máis dunha hora.

26.4.07

De noite

Cheguei á casa coa gorxa desfeita e os oídos asubiando coma tolos despois dunha viaxe por atallos envoltos na escuridade que só un taxista pode coñecer. Abofé que había ben anos que non percorría estradas de noite e a sensación foi estraña asemade que inquietante. Por algunhas non pasaba un só vehículo e as árbores, lambendo as beiravías, imprimían unha curiosa sensación de ameaza, ideal para imaxinar escenas dignas de Cortázar.
B agardábame ollando páxinas de viños e con ganas de saber. Como foi todo? Había moita xente? Que che preguntaron? Como era o ambiente? Ceando foie-gras acompañado dun tinto moi rico, funlle contando en voz baixa como se desenvolvera o encontro, de xeito que nos deitamos abondo máis tarde do habitual. A todo tiña que apoñer, comentar, recapacitar e por veces sorrir.
Hoxe erguinme tarde e tomei o día con calma. O polaco acompañoume parte do serán.

22.4.07

Literactúa

Chamáronme para charlar do meu último libro e dixen que si, a pesar de que me teñen que vir buscar. As miñas limitacións á hora de conducir puxeron esa pega, pero non lles importou. Espero que todo saia ben e que non remate moi cansa. Por fortuna, non haberá rapaces esgotadores (iso creo).

De libros

Rematei días atrás El cuento número trece de Diane Setterfield. As inglesas son expertas en crear ambientes envolventes, atmosferas mestas que transportan o lector aos lugares que elas propoñen. Esta escritora non é a excepción. A pesar de que a propaganda sempre triunfalista esaxera acotío, neste caso cómpre recoñecer que a obra, que bebe das novelas decimonónicas e góticas, está moi ben levada e axiña capta a atención. Gocei con ela.
Agora ando con El cadáver arrepentido de J. M. Guelbenzu, do que xa lin algúns comentarios pola rede. Cheguei a este autor polas críticas literarias que publica en diversas revistas e que me chamaron a atención por ser auténticas críticas, case sempre construtivas, obxectivas e nada partidistas. Esta é unha novela policial, que non negra -como el mesmo puntualiza-, na que ten un papel protagonista a xuíz que aparecera noutras novelas. Polo momento estame gustando e non creo que me defraude.

18.4.07

Soño

É contraditoria a sensación de non ter durmido case nada en toda a noite e asemade saber que se soñou moitísimo. Semella unha incongruencia, pero foi así. Agora mesmo noto o cansazo e o sono pedíndome unha sesta reparadora e a intriga e curiosidade por desvelar as reviravoltas do soñado.
O corredor coas portas entreabertas que amosaban cuartos ateigados de obxectos non presenta dificultades de interpretación, como tampouco sentirme perdida nun edificio que albergaba o meu propio fogar, nin a oscilación entre grupos con xente da miña idade e outros con xente máis nova.
Porén, intrígame por que a noite de fin de ano só se vían disfraces e persoas gozando da festa rachada; tamén me intriga un chisco por que confiei plenamente nun borracho para salvar un obstáculo. Quizais porque sei que me aprecia de verdade e non permitiría que me mancase?
Vexo con tal claridade detalles do soño que mesmo me semellan máis reais cá propia realidade.
Curiosa e inquietante noite esa que deita a dúbida e o desacougo.

15.4.07

Tarde de domingo

B anda na horta co sacho dedicado á súa actividade favorita: preparar un horto. Creo que vai plantar melóns, cenoiras e algunhas herbas para condimentar. Xa temos o romeu preto da porta da cociña, pois di a tradición (ou a superstición) que dá boa sorte a unha casa (sempre e cando non murche; crucemos os dedos) e ás veces gusta seguir as súas pautas.
Eu, porén, moito máis caseira ca el, permanezo no meu estudio facendo escritos obrigados e outros máis pracenteiros, blogueando e mirando noticias chocantes. Fóra, o día está espléndido, coma de película. Tiñamos pensado ir ata a praia do Vilar, pero erguémonos moi tarde, así que a excursión quedará para outro día. En realidade somos bastante sedentarios e como nesta casa se está moi a gusto procuramos gozar da tranquilidade que fornece o fogar.
Aos veciños continúa a caerlles a pelota na nosa zona. O cativiño xa camiña de seu e aprende a defenderse dos seus irmáns maiores. Faime graza que lle poñan un enorme gorra con viseira que case é máis grande ca el. Por veces sorpréndome ollándoos ás agachadas desde a porta da cociña; nunca pensei facer tal, pero é entretido mirar pola fiestra.

Hoxe en Delirios hai novidade.

11.4.07

Vellos/novos tempos

Atopeinos aquí por mor da festa da chuvia e unha despedida de solteiro. Dos trinta e cinco coñecía a uns vinte e pasei a tarde e parte da noite con eles falando, rindo e ceando en medio do batifondo da festa rachada. Algúns están casados e teñen fillos, case todos andan esparexidos pola xeografía española e cada vez lles custa máis conseguiren reunirse.
Trouxéronme lembranzas do pasado e un presente ben diferente; todos saíron adiante, como debe ser. Gústame máis o presente. Quérovos, meus.

6.4.07

Lectura

Rematei de ler Os pecados capitais de Francisco A. Vidal, novela a cuxa presentación no Ateneo Valle Inclán acudín días atrás. Os sete puntos de vista dos narradores dannos unha idea global de quen foi don Andrés, enriquecido grazas ao narcotráfico, namorado da muller que lle goberna a casa e con quen nunca casou polo que dirán. Hei dicir que me sorprendeu que un home que sempre fixo o que lle petou se deixase influír por outros nunha cuestión que tanto lle importaba.
De doada lectura, consegue sen aparente esforzo captar a atención do lector desde o principio. Aínda que algúns falan de sete contos, a min paréceme que sería máis xusto falar de sete perspectivas diferentes que non hai que identificar cos sete pecados capitais, pois estes van xurdindo indistintamente en cada voz. En efecto, todos pecan de varios, entre os que non ten pequeno papel a maldita envexa.

1.4.07

Os inventores

Os xogadores apenas se fixaron na parella que entrou no bar á hora da partida; permanecían atentos ás fichas e ao xogo, non porque tivesen unhas ganas tolas de gañar, senón máis ben por cumprir o ritual cotián de ver a quen lle tocaba pagar a rolda dos cafés.
Os acabados de chegar ocuparon unha mesa que quedaba libre ao pé dunha fiestra, apenas sorprendidos de que todo ao seu redor fose bater de fichas e comentarios breves e tallantes. Nun recanto, unha cheminea apagada amosaba ben ás claras que había moitos anos que ninguén acendía un lume nela e a luz eléctrica escurecía aínda máis o xa escuro exterior, de xeito que case non se vía a praia nin o mar. Tiveran que interromper o paseo polos arredores do faro ao erguerse unha airexa fría e mollada que se lles coaba pola roupa adentro, e os dous, aterecidos, devecían por un café quente.
O ambiente do bar era o de tantos outros que percorreran nas súas vacacións, decote fieis a lugares de costa, con ese olor inconfundible no que se mesturan todo tipo de bebidas, anos de breve compañía e soños a piques de morrer ou irremisiblemente mortos.
- Vostedes non son de por aquí, verdade?
O que preguntaba afirmando era un vello falangueiro, famoso por abordar a calquera descoñecido que se presentase na zona. Nunca falaba nin perdoaba a ninguén. Os xogadores, en oíndo a frase de saída, lanzáronse disimuladas miradas de esguello, seguros de qué ía contar.
- Agora ven isto un pouco parado, pero cando se reúnen os inventores é outro cantar; o congreso mundial ten lugar a derradeira semana de outubro. Entón achéganse acó moreas e moreas de curiosos que queren ver as últimas ocorrencias; veñen en caravanas e ocupan as explanadas todas de por aquí. Durante eses días isto ferve de animación e movemento...
A parella escoitaba abraiada aquel vello que debullaba para eles un panorama insólito do que xamais oíran falar. Desde cando había un congreso mundial de inventores en Corrubedo?
- O mellor invento foi o dun veciño que morreu o ano pasado. Eu creo que lle bulían tantas ideas na cabeza que non daba abasto para facelas realidade e estoupáronlle dentro. Dixeron que o levou unha pulmonía, pero estes médicos non saben nada de como funciona un inventor.
O home mirou con certa alarma para a muller, que escoitaba impasible mentres bebía os últimos grolos de café. Un xesto inapreciable dela fíxoo acougar.
- Os ventos, saben vostedes?, daban a volta aquí desconcertados por non poderen seguir adiante; os vendavais que se formaban estancábanse arremuiñados preto do faro e pelexaban entre eles coma feras, ansiosos por atopar un vieiro de saída. Pois este home que eu lles digo conseguiu abrir unha rota de escape para que aliviasen os máis furibundos. Desde aquela podemos seguirlles a pista e ollar como se desprazan cara ao norte con gran alivio pola nosa parte. Antes eran terribles as dores de cabeza que nos provocaban os ventos loitando entre si, semellaban monstros anoxados...
A parella convidouno a un viño ao tempo que pedían senllas copas para eles. O vello agradeceu inclinando a cabeza e proseguiu falando.
- Claro que tamén tivera moita sona outro dos inventos daquel mesmo ano. Un tipo de Maryland, seica, trouxo consigo un dispositivo fantástico que conseguía desfacer os trebóns coma por arte de maxia...; pero esa élles outra historia. Queren oíla?