31.8.05

Hotel Arce

Hai en Vila Real, mellor dito, en Sabarís, un hotel con encanto a cuxo bar adoitamos ir tomar as cervexas da tarde. Non ten grandes vistas pero si unha terraza tranquila -agás cando se enche de nenos- na que se pode charlar sen alzar a voz. Non hai moito que abriron os seus servizos ao público, mais, polo que sei, foilles ben a tempada. O dono é un inglés pálido e delgado cun gran sentido do humor e un carácter afable e comunicativo. El e B intercambian frases na súa lingua; eu luzo o meu oxidado francés e el respóndeme en galego. Case sempre se produce algunha anécdota simpática e non podo evitar pensar no valor que cómpre para abandonar a túa terra e instalar noutra un negocio cando menos azaroso. A iso chámolle eu determinación.

28.8.05

Ás portas do outono

Restaurante de Vila Real, hora da cea:
- Perdoen vostedes, pero esta mesa está ocupada; teñen que respectar a quenda.
- ¡Ah! ¿Está reservada para esas tres putillas? Pois nós tamén temos présa.
- Desculpen, pero elas estaban antes.
- Vostede é tonto. Non sabe con quen está falando.

Consulta do médico na Ramallosa; señora falando por teléfono:
- Ai, non, querida, non hai diso. Estamos en provincias e... puaf.

Coche parado nun semáforo; da ventá cae á estrada unha bolsa cun cueiro cagado.

Praia América en hora de retirada. Á beira dos colectores, espallados pola area, botes, bolsas, papeis, envolturas de xeado... ¡En fin!

Estou desexando que chegue o outono.

25.8.05

Encontro

Cada vez que vou á aldea sagrada recibo o mesmo choque ante as riadas de xente que a percorren; a cidade que me viu medrar e que para min chegou a ser tan familiar coma o cuarto da miña casa resúltame por veces unha descoñecida, un lugar de turismo máis que pouco ten que ver comigo. Non é certo ao cento por cento, claro, pero a sensación é semellante.
Onte fomos até alí para poñerlle cara e voz a un amigo: MH. Confeso que levaba algo de nervios, típicos -sospeito- de calquera cita ao xeito, aumentados por unha demora froito do tráfico e da imposibilidade de madrugar o que debiamos. É o que teñen as vacacións, que unha adopta un horario de marquesa esquecendo que de nobre non ten nada e revira o ritmo habitual dunha vida, polo demais, bastante decente. O previo intercambio de fotos axudounos a recoñecernos decontado, así que por ese lado non houbo problema. Constatei o que xa sabía: que MH é unha excelente persoa, de trato e conversa afables e con ideas brillantes. Falamos, rimos, xantamos nun turco (¡quen mo ía dicir!) e prolongamos a sobremesa nunha terraza baixo os soportais vendo os ires e vires de moreas de descoñecidos e escoitando os chifros de gaitas en miniatura sopradas por bocas infantís sen decatármonos do paso do tempo.
Volvemos á casa cunha agradable caloriña nas orellas e no corazón.

22.8.05

¡Por fin!

Baixo un ceo ominoso encapotado de fume negro e mesto saímos onte cara a Teucro para ver a Lamatumbá en directo. Non podía seguir así, sabendo que son a bomba e non comprobalo por min mesma, a pesar dos achaques. Non direi que bailei coma nos vellos tempos, pero si que o meu traseiro se viu incapaz de permanecer quietiño máis de cinco minutos seguidos; emocionáronme, ¡que carafio!, emocionáronme unha barbaridade, e a guinda foi que nos dedicaron unha canción a B e mais a min.
Únenme a moitos deles anos de amizade, conversas compartidas, algunha que outra discusión e, sobre todo, un profundísimo cariño que se mantén vivo. Teucro pareceume máis luminoso ca nunca, se cadra porque recibín tantas mostras de afecto que case me saltan as bágoas.
¡Viva Lamatumbáaaaaaaaaa! (Grazas, meus; paseino de medo).

19.8.05

Lume

Arde a Serra do Galiñeiro. Desde a casa vese o fume moi preto de Vila Real. Comezo a escoitar o baile dos avións, aínda que con este vento non o terán doado.
Un ano máis a peste dos incendios arrásanos.

17.8.05

Burbulla

A brétema, mesta coma a manteiga, envolve todo o que rodea a casa; non se ve ningunha das habituais luces de barcos e farois, e unha ten a sensación de estar pendurada sobre o mar sen nada que a sosteña. Os ruídos non dan atravesado esa cortina, a humidade cóase polas ventás abertas e o frescor, por fin, chega coma unha esperanza facéndome sentir unha intensa morriña do outono.
A brétema, coma unha burbulla, envolve a casa. A xunqueira veciña apenas se distingue entre refachos de algodón e o silencio aboia no ambiente, balsámico, confortador, parodia do perenne.

13.8.05

Dereitos de autor

Acabo de informarme de que pecharon a Rede Flu por atreverse a traducir un libro que non conta aínda con tradución oficial. Menos mal que eu xa o puiden ler e teño unha copia gardada por se me dá por volverme mergullar nos seus píxeles.
Con isto penso e repenso por que está penado traducir un libro para os amigos cando se sabe que a empresa encargada de facelo tardará varias estacións en levalo a bo porto; por que se considera delito realizar esa tradución; por que esa exclusividade; por que tanta expectación por coutar a liberdade individual... Porqués, porqués, porqués.
Comprarei o libro cando saia ao mercado e penso que moitas farán o mesmo ca min. ¿Onde está o problema?

12.8.05

Día terrible

Tardarei en recuperarme de Harry Potter e o príncipe mestizo por varias razóns. As súas aventuras, en verdade tráxicas, uníronse a un horrible día propio que pasará ao baúl como un dos malos recordos que trae a vida.
Grazas á Rede Flu puiden ler un libro que non sairá no mercado español até a vindeira primavera, e doulle as grazas porque puiden saber que pasou sen morder as unllas tanto tempo. A tradución é espantosa, claro, pois está feita por afeccionados, xente que sabe inglés pero non tanto como para trasladar con fidelidade o orixinal ao español, tarefa ben difícil non sempre apreciada na súa xusta medida.
Nin en soños se me ocorrería falar de que vai o libro (iso só o faría no foro de Akin -responsable de que eu pregase un exemplar desta tradución- que é onde están os adiantados), pero si confirmo o que xa sabía: que J.K. ten unha capacidade fabuladora en verdade abraiante. Tamén resulta evidente que os personaxes medraron, sobre todo os protagonistas; que a autora sabe dosificar a tensión e domina unha serie de recursos que calquera acción agradece; que Harry, Ron, Hermione e Ginny son moito máis adultos ao remate deste libro ca nunca antes, e que estou desexando que chegue ás librerías para volvelo ler nunha tradución máis digna.

7.8.05

Domingo

O descenso das temperaturas lévame a recuperar o interese polo que me rodea e a facultade da fala, bastante minguadas cando a calor sacode sen piedade este meu pobre corpo. Vexo a xente na praia a horas prohibitivas e éntrame unha especie de atafegamento, coma se eu mesma estivese exposta a esa fogueira natural; a pesar dos moitos avisos que se espallan de non tomar o sol nas horas medias do día, o areal louro semella un formigueiro en plena actividade, as advertencias deitadas polo altofalante ecoan até aquí precedidas de cadanseu dingdong e mesmo xuraría que o cheiro a cremas bronceadoras ofende o meu nariz.

Hoxe afeiteille a cabeza a B. É esta unha ocupación entretida que libera a mente de pensamentos inútiles, pois aínda que non hai moito pelo que retirar, cómpre fixarse ben para non cortar o paciente. Comezo pola parte dereita, xusto por riba da orella, e avanzo por seccións imaxinarias que van en paralelo -agás no cada vez máis ralo remuíño- até completar a parte esquerda. Gústame botarlle a escuma de afeitar e logo ir esquiando coas coitelas, coma se estivese nunha verdadeira pista de neve. Logo dunha lavadiña, toca repaso. Por fin, cumprida a tarefa, o paciente limpa os restos do lavabo e recolle os aparellos até a próxima ocasión.

Recibimos a visita do caseiro para amosarlle a porta de entrada, comesta pola ferruxe e cun fecho que se abre dunha patada. Propoñémoslle cambiala e decide que -¡¡¡por fin!!!- se poñerá unha con peche automático e mando a distancia. Botamos uns risos a conta da súa empresa, dos políticos e dalgún suceso que nos fai moita graza, se cadra porque somos uns irreverentes co poder. A súa sorna alcánzanos a nós pola hora á que nos levantamos hoxe, pero cando non se dorme pola noite, cómpre facelo pola mañá. Mentres nós almorzabamos el xa levaba pescadas catrocentas luras e seiscentas xardas e estaba a piques de darlle de xantar á familia, coma tantos guiris empeñados en imitar os profesionais sen demasiado éxito.
Así é o verán.

5.8.05

Novo veciño


Non adoito meterme nas vidas alleas porque non me gusta que se metan na miña, pero desde hai uns días axexo pola fiestra cada vez que escoito remexerse ao novo veciño. Á parte da cariña de bo que ten, do rabiño tremente a cada sinal de xogo ou agarimo, as carreiras que bota pelexando con calquera mosca ou as batallas que emprende coa palmeira, é divertido observalo cando xoga co dono ou lle intentan aprender onde non debe facer as súas necesidades ou cando bota un ladrido que se fai máis e máis firme a medida que pasa o tempo..
Andarei aleuta coa cámara a ver se lle podo roubar unha imaxe de verdade, non esta prestada. Din que esta raza é unha das máis pacíficas e leais que existen. A min encántame, e iso que non son de cans.

3.8.05

Vacacións de verán

Aumenta o número de turistas que ateigan supermercados, farmacias, panaderías, quioscos, praias e tendas varias nun ir e vir incesante que marea. Malia todo, animámonos a ir a Vila Real para xantar cunha parella amiga. Como adoita dicir B, que ben se está cando se está ben, sensación á que contribúe tanto a compañía coma o ambiente que se respira nesta zona. Non me estraña que a xente se desprace só polo pracer de atoparse nun lugar que ten "algo", sexa a presión, a temperatura ou a paisaxe, factor no que non nos poñemos de acordo. Se é certo que existen zonas de forza no mundo, esta debe de ser unha delas.
O tránsito marítimo adquire niveis de autopista en día de saída: motos de auga, veleiros, iates, ferris das illas, pesqueiros... unha miríade de vehículos perturban a superficie do mar sen que este dea particulares mostras de anoxo; algunhas regatas pasan por diante das nosas fiestras, privilexiado palco desde o que contemplar todo ese movemento. Nada que ver co inverno.
Polo momento só pillei un ou dous cabreos por mor do tránsito rodado e a falta de regras que algúns deciden adoptar, e intento contemplar con ollos benévolos esa humanidade sedenta de sol, praia e mar, a pesar de non comprender moi ben ese afán por amorearse. Horror vacui, chámolle.
Acho de menos a tranquilidade deste lugar en días cada vez máis curtos, a intimidade de sabernos uns dos poucos habitantes, a complicidade que establecemos coa Natureza que nos abraza, o silencio outonizo, pero non até o punto de non poder soportar os seus contrarios.
Este ano temos a novidade de atoparnos paseantes polo montiño onde vivimos; a explicación está nos letreiros que o concello espallou aquí e acolá animando a xente a visitalo; o tráfico rodado aumentou até límites sorprendentes e cómpre andar lixeiro para esquivar os coches, pois non hai beirarrúas protectoras. Non protestarei cando volvamos á rutina.