Por fin un respiro de sol despois de quince días de chuvia e vento fortes, necesarios para encher os encoros, si, mais esgotadores para a alma. A celebración dunha regata en Vila Real e dunha competición mundial de trial en Nigrán encheu a zona de xente guapa, o paseo de Praia América converteuse nun desfile pousado de persoas engalanadas, incluso de mulleres con tacóns de agulla e saias longas, todo ideal para camiñar.
Fuxindo da marabunta, percorremos o perímetro de Monte Lourido aproveitando que non había excesivo tránsito; brillaba ao sol a praia de Ladeira, de area tan branca que case cegaba mirala; zonas de árbores taladas non hai moito fan pensar en próximos cambios que non estou segura de querer ver, mais o aire, por fortuna, seguía cheirando fortemente a eucalipto. Moitas das casas baleiras durante o inverno daban mostras de vida con toallas estendidas para secaren, o que fixo exclamar a B que xa comenzou a tempada. De aquí a setembro a poboación aumentará de xeito constante até facer imposible un demorado e tranquilo paseo.
Mentres tanto nós seguimos pendentes do que acontece aló. Sucédense as chamadas telefónicas e intuímos que a casa vai crecendo pasiño a pasiño, esa casa que nos acollerá en canto estea disposta.
Ningún comentario :
Publicar un comentario