8.4.06

A lectura

Tanto Brétemas coma Náufrago falan da lectura ultimamente. É este un tema que me preocupou moito no seu momento, cando daba clase nun instituto e intentaba fomentar o gusto polos libros, tarefa, por outra parte, nada doada. Se o hábito non forma parte do comportamento doméstico, mal poden os profesores inculcalo nun mundo en que hai tantos entretementos e tan diversos nos que perder o sentido.
Amólame que se culpabilice aos profesores de non interesar os alumnos na lectura, porque estou convencida de que os primeiros culpables son eses pais que non se molestan en iniciar os fillos no contacto cos libros, que non lles len contos antes de se deitar ou non dedican un tempiño cada día a ese labor que é un xogo.
A lectura forma parte da miña vida desde sempre e coido que non sabería vivir sen ler, pero pertenzo a unha xeración que non tiña na súa nenez outras diversións e que valoraba os libros polo que tiñan de máxica aventura.Sen dúbida, foron meus pais os que me inculcaron o que hoxe xa é un vicio moi enraizado.
Agora espérase que o Estado elabore plans e se preocupe do que para min é unha tarefa caseira, igual que aprender a comportarse ou a distinguir entre o ben e o mal, o correcto e o incorrecto, o positivo e o negativo. En suma, aprender os límites que non se deben rebasar en calquera convivencia. Esperamos demasiado dun Estado que ten outras tarefas ás que dedicar os seus esforzos e non creo que o fomento da lectura forme parte das súas competencias.
Carezo de fórmulas máxicas e de ideas estupendas que sirvan para que rapaces e adultos se animen a ler; probablemente non as haxa. Para crear un lector cómpre tempo e debe iniciarse a formación desde unha idade ben temperá para que se convirta nunha necesidade vital. E iso, hoxe por hoxe, só poden facelo os pais, os primeiros educadores. Que non fuxan das súas responsabilidades.

Ningún comentario :