2.7.06

Remexendo na vida

Mentres B embala cousas máis ou menos delicadas que non quere que toquen os da mudanza, eu aproveito para mergullarme en armarios e caixóns para desfacerme de roupa e calzado aínda en uso que hai séculos que non poño. Quédanme escasas as bolsas da casa para levar ao colector e sorpréndeme non sentir mágoa nin dó. Aparecen un par de chales con flocos que non lembro ter posto xamais, aínda que si lembro quen mos agasallou (vólvoos gardar envoltos en cadanseu papel de seda, se cadra á espera da súa ocasión); camisetas con imaxes medio esvaídas de tantos lavados; botas e sandalias case esquecidos que pasan a engrosar as segundas oportunidades alleas.
Ten algo de revisión vital este paseo entre a roupa e o calzado, coma se a parte de min que foi pero xa non é se me puxese diante dos ollos para revisitala. Hoxe tócame a sección de pantalóns e xerseis, algúns -seino- en estado tan deplorable que ignoro se terei corazón para guindar con eles; porque, meus, práceme a roupa vella, a que conserva as marcas do corpo e se foi adaptando ás circunstancias. Non sinto especial querenza por mercar pezas novas, esas que non acaban de ser cómodas ao cento por cento até que non se van desgastando.
Mentres, no exterior, moreas de veleiros indican que xa chegaron moitos visitantes a pasar os seus quince ou trinta días de vacacións; a brétema e o fresco converten o ambiente en respirable e fai o traballo soportable, aínda que aos visitantes non lles guste.

Ningún comentario :