20.3.08

O concerto


O concerto do sábado do Sonoro Maxín por mor da Festa da Chuvia foi para min, sobre todo, emocionante pola cantidade de vellos e queridos amigos que atopei, desde os compoñentes do grupo aos acompañantes que sempre que poden non perden ocasión de arroupalos co seu entusiasmo. Moita marcha (quizais demasiada para o meu pobre corpo), ambiente cálido e amor por arrobas. Había tempo que non o pasaba tan ben entre tanto rebumbio. Non faltaron os aplausos de Marusela, Vero e Cris, que se sumaron á festa cunha enerxía envexable.
Pero antes houbo o espectacular disparo do home bala cunha gran cantidade de preparativos, incluída unha saba amarrada por varios colaboradores para que a aterraxe da bala non se producise no duro asfalto. Confeso que levei un sobresalto cando o home caeu no chan por poucos centímetros, pois pensei que se esnafrara de verdade; pero non, ao final era un boneco, ese que se ve arriba.
Cando remataron, as despedidas, tan cheas de cariño que coidei acharme quince anos atrás noutros tempos en que eu era máis nova e eles uns adolescentes. Ai! Que bonito é que as amizades se transformen pero que perdure o afecto sincero.

Ningún comentario :