Y punto é a primeira novela de Mercedes Castro, unha escritora galega que empeza forte cunha obra de máis de seiscentas páxinas. Tardei un chisco en collerlle o punto por algo que me parecía unha esaxeración: o ambiente tan machista no que se desenvolve a subinspectora de policía Clara Deza; pero, claro, eu case nunca padecín ese tipo de bromas pesadas que algúns homes coidan simpáticas e non son máis que a perpetuación de actitudes tan obsoletas que darían risa se non desen tanta mágoa. Esa foi a única pega que lle vin á novela, decontado arrombada por unha prosa áxil e fluída, un magnífico dominio dos recursos narrativos, unha estrutura redonda e unha trama absorbente e poderosa; por riba, a caracterización dos personaxes está moi lograda, os temas que toca dan que pensar e a alternancia entre a primeira e a terceira persoa sucédese con tal naturalidade que un case non se decata de que de súpeto se atopa na cabeza de Clara.
Á marxe do valor da novela, continúo remoendo nese machismo que o impregna todo e que eu non padecín no meu ámbito laboral e persoal; nun momento dado da vida decidín que o mundo non se dividía por sexos senón por calidade humana e tal foi a forza desa decisión que acabei crendo firmemente nela. Esa firmeza, por curioso que pareza, cambalea nos últimos tempos, desde que vivo nunha vila pequena e vexo actitudes que me lembran que as crenzas persoais non son necesariamente verdade.
Ese é o poder da boa literatura: abrir a mente a outros mundos, que son este, porque cada un ocupa só unha parcela de realidade. Continúo remoendo.
Ningún comentario :
Publicar un comentario