Amosando publicacións coa etiqueta negra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta negra. Amosar todas as publicacións

16.1.08

Relecturas


Volvín ler as tres obras que teño de Petros Márkaris depois de ver en Qué leer que Tusquets acaba de publicar unha novela nova, El accionista mayoritario, promesa de máis doses do comisario Jaritos.
Este grego nacido en Estambul, guionista de cine e televisión coma Andrea Camilleri, imprime un ritmo particular ás súas obras asemade que retrata unha Atenas diferente e moito máis real cá idealizada imaxe soñada polos estranxeiros. Seica non hai demasiada tradición de novela policial en Grecia, de feito só tres autores a practican, e desde a primeira vez que o lin atopei puntos en común co siciliano e diferencias notables cos ingleses, nórdicos e norteamericanos. A pesar de que me gusta o xénero en xeral, recoñezo que me identifico máis cos autores mediterráneos (como di Márkaris), se cadra porque a súa cultura me queda máis preto.

6.1.08

Unha de Montalbano


A estas alturas afirmar que sinto devoción por Andrea Camilleri é bastante superfluo, pois teño falado aquí de moitas das súas obras a medida que ían caendo nas miñas mans. La luna de papel saíu ao mercado hai pouco (setembro de 2007) e lina onte desde á tardiña á noite gozando de cada capítulo, de cada parágrafo e de cada palabra coma se estivese gorentando un pastel de chocolate.
Salvo Montalbano conserva esa retranca tan súa que o leva a ver as cousas desde varias perspectivas, por moi delirantes que semellen; tamén conserva a debilidade polas mulleres e o seu amor á boa mesa, así coma a perspicacia á hora de lidar coa psicoloxía humana sen perder el mesmo nin un ápice de humanidade. Se cadra os seus defectos (ás veces impaciente cos seus subordinados, rosmón, imprevisible para os demais, desafecto ás rixideces da lei) fano máis atractivo aos meus ollos.
Aínda que a propaganda da editorial o describe coma o caso máis turbio do comisario, coido que todos, en maior ou menor medida, o son, de xeito que consegue sorprendernos en cada entrega con reviravoltas inesperadas na trama. Ironía, fluidez, matices inesperados e unha atmosfera envolvente son características do seu estilo impagable, sempre abraiante.

18.12.07

Petra e Fermín

Gústanme as novelas de Alicia Giménez Bartlett protagonizadas por Petra Delicado e Fermín Garzón. Nido vacío é a sétima entrega da serie e un dos casos máis duros e difíciles na súa carreira. Ten o que debe ter unha novela policial e por riba unha sorpresa final na vida da inspectora que, confeso, me puxo cara de parva e un sorrisiño destes de coello que me saen a min.
O tema é o sempre horrible e desagradable a máis non poder da prostitución e explotación infantil, no que os policías se ven mergullados a raíz do roubo da pistola de Petra por unha meniña de menos de dez anos.
Acción, intriga, ritmo por veces trepidante con remansos que non veñen mal e ese humor entre sardónico e brutal que caracteriza o personaxe son os elementos que me levaron a meterme na novela o domingo e rematala o luns. Estou desexando que escriba a próxima entrega.

13.12.07

Frío

Fago uso dos meus xerseis máis grosos para saír á mañá; o frío non é tan intenso coma en Auria pero chégalle e unha capa de xeada cobre os campos verdes e a terra marrón suavizando a intensidade das súas cores. Mentres circulo polas estradiñas locais para levar a B ao instituto vou pensando na fermosura da luz alaranxada que se alonga sobre as casas e paisaxes, en que me espera unha sesión de fisio nas mans sempre hábiles de María (agora, visto o novo informe médico, tamén me colga polo pescozo), un té no bar de sempre e despois un paseo bordeando o porto ou atravesando a vila.
Paso pola libraría e avísanme de que chegou un dos libros que teño encargados, Las saturnales de Lindsey Davis, a cuxa serie son adicta desde o principio. A pesar de que fixen pedidos a principios de agosto, non chegou nada máis e dígolles ás libreiras que se atopo algún na aldea sagrada cando vaia dentro de dez días fareime con el. É o malo de vivir nunha vila relativamente pequena, que non hai librarías grandes nin feiras do libro e que as distribuidoras funcionan daquela maneira.
Agora só me queda rematar o libro co que estou agora (El significado de la noche de Michael Cox), que, por certo, se me está facendo un chisco pesado, para meterme de cheo na Roma de Marco Didio Falco.

6.12.07

Entre a reportaxe e a novela

Aínda que pareza mentira, non lera A sangre fría de Truman Capote até esta semana. Trátase dun relato que parte do asasinato dunha familia de catro membros, os Clutter, a mans de dous individuos que só os coñecían de oídas e que deriva nun bo retrato de parte de sociedade americana.
Inclúe recreación de diálogos (aínda que Capote falou polo miúdo cos asasinos mentres estes permaneceron no cárcere varios anos) e de situacións e cara ao final as análises dos psiquiatras que estudaron a personalidade dos mesmos e as circunstancias do crime.
Gustáronme a prosa áxil e vivaz tan típica de certos escritores norteamericanos de mediados do século XX (e de aí en adiante, dito sexa de paso), a frescura que aínda conserva malia o tempo transcorrido e a tensión narrativa a pesar de que desde o comezo coñecemos boa parte da historia, se non toda.

1.12.07

Sara e Victoria

Da man de Noemí chego a Lista negra de Sara Parestky, creadora da detective privada V.I. Warshawski de quen lera hai algún tempo Sin previo aviso e Tiempos difíciles que non me deixaran grande pegada, pois non volvera facerme con ningún.
Este que nos ocupa introdúcenos nun mundo de vellas vacas sagradas dispostas a defender con uñas e dentes os seus privilexios de clase poderosa, a pesar de que no medio haxa unha investigación de asasinato. A paranoia xurdida despois do 11 de setembro plásmase na persecución dun adolescente exipcio e na invasión da intimidade sen ordes de rexistro nin permisos de ningún tipo. Parestky non aforra censuras sobre este xeito de actuar por parte do FBI e doutras forzas de seguridade.
A primeira persoa narrativa, a linguaxe directa, as frases curtas e a precisión lingüística imprimen un ritmo veloz á novela que se le bastante ben malia algunhas repeticións un pouco irritantes. Recoñezo que case acabo tan esgotada coma a propia Warshawski, que ao longo da obra comenta unha chea de veces o exhausta que está.
As diferencias sociais, os prexuízos e o medo son outros aspectos que quedan abondo ben plasmados. Quedei remoendo algúns ao meu pesar.

21.11.07

Substituto de Pendergast


Xa teño falado aquí de Douglas Preston e Lincoln Child, creadores do meu adorado Pendergast e doutros libros cuxo protagonista non era el. Atopei por casualidade no centro comercial unha novela xa algo vella, La ciudad sagrada, cuxa figura central é Nora Kelly, unha antropóloga que se atopará co axente do FBI en Los asesinatos de Manhattan. Sérveme para informarme de certas incógnitas que me tiñan intrigada por non o ter lido antes, digamos que a historia previa de Nora e dalgún personaxe máis que sae en posteriores entregas.
Aínda que o comezo non é dos que apreixan a atención desde o primeiro momento, vai gañando pulo e garra a medida que avanza e xa agora me ten o corazón nun puño. Doses de intriga, misterio, aventuras e un toque de fenómenos inexplicables fan destes libros un bo remedio contra a desgana e o aburrimento, amais de unirse unha calidade non despreciable que contribuíu en boa medida ao seu éxito, cando menos nos USA.
Á espera da seguinte entrega de Pendergast (quero crer que a haberá despois de ver como remata a última), resulta estupenda para facer boca.

10.11.07

Novela de suspense

Aínda que non todas as novelas de José Carlos Somoza teñen o mesmo nivel (das que lle lin, La caverna de las ideas segue parecéndome a mellor), esta consegue sorprender de novo o lector pola orixinalidade da trama (marca da casa), o ritmo trepidante, os recursos variados que o autor emprega na súa construción, a diversidade de tipos humanos que desfilan perante os nosos ollos, a corrección lingüística e o(s) tema(s) que trata cunha fluidez envexable. Vémonos metidos nun mundo futurista que imos comprendendo pouco a pouco, como debe ser, e que sorprende e repele a partes iguais. De fondo unha estraña biblia de cuxos capítulos hai crentes capaces de facer cousas extraordinarias e un non crente que quere vingarse e buscar a verdade.
Saín do seu influxo magnético mergullándome noutro libro bastante diferente pero non menos fascinante: La muerte lenta de Luciana B de Guillermo Martínez, o mesmo que me marabillou con Los crímenes de Oxford hai xa un par de anos. De lectura doada e riqueza lingüística, a trama atrapa desde o primeiro momento e lévanos a oscilar entre a delirante versión de Luciana e a de Kloster até chegarmos a un remate abondo inesperado. Tanto unha coma outra son moi recomendables.

18.10.07

Máis lecturas

Por recomendación de Torredebabel fíxenme con El enigma de París de Pablo de Santis, flamante gañador do premio Planeta-Casamérica de literatura iberoamericana, convocado por primeira vez. De lectura bastante doada e baixo a forma de novela de detectives, está ambientada no París da exposición internacional de 1889, cando se está construíndo a torre Eiffel. Os doce detectives máis importantes do mundo reúnense tamén para amosar as súas habilidades baixo a forma de obxectos que mellor signifiquen os seus métodos. Un deles morre asasinado. Falan moito de enigmas e eles mesmos, por veces, semellan outros tantos enigmas.
Por unha entrevista que lin en Biblos merquei O soño da febre de Miguel Anxo Murado de quen xa lera un libro de ensaio ambientado en Tokio que me sorprendera gratamente. Nestoutro, a partir dun suceso verídico (a febre que o autor padeceu no Cairo), preséntanos unha serie de relatos cuxo protagonista é a febre e nos que por veces non se sabe se o acontecido é froito dunha alucinación ou é real. A pesar dalgúns erros lingüísticos, eses que tanto afean a prosa de calquera, a súa lectura resulta agradable, lonxe de malabarismos e escuridades, mais non de calidades literarias.