A pesar de coidar a boca desde cativa, teño unha dentamia que me deu problemas sempre, de xeito que ando fatal de moas. Agora, por fin, farta a máis non poder da prótese que uso, decidinme a poñer implantes nunha clínica que abriu as súas portas non hai moito aquí e que, polo momento, me parece moi profesional.
A primeira sesión (hai varias semanas), que consistiu no implante de dúas pezas do lado dereito, foi un chisco amolada por mor duns martelazos que o odontólogo me propinou non sei moi ben para que, pero que sen dúbida eran necesarios. A segunda, onte, deixoume máis contenta pois non me inchou a cara coma a dun coello nin se me puxeron negróns nin me doe a zona coma a anterior vez. O experto é un sudamericano que se chama coma min, gordo coma un mundo (a súa barriga tropeza coa miña cara cando está traballando) e amable coma varios, de xeito que me sinto, cando me explica as cousas, coma se me estivese fornecendo toda clase de aloumiños, algo que agradezo igual que se me acariñasen ou case.
Sería longo de explicar o trauma que me provocou a tal prótese cando a puxen, aínda hoxe experimento un rexeitamento bastante grande cara a ela. Como son medio somnámbula, adoitaba ao principio quitala durmida (o odontólogo que ma fixera recomendárame mantela no sono) e "atacaba" a B con ela; ás veces aparecíame na man sen saber como nin porque non, e rompeume en varias ocasións sen que eu fixese nada por destruíla. Un horror. A ilusión que me move arestora é poder comer sen incomodidades, non ter que andar coas moas da boca para un vaso e comportarme con elas coma se fosen miñas. Por sorte, as técnicas actuais permeten enxertar óso cando non o hai (un dos grandes problemas á hora de poñer este tipo de pezas) e que o corpo o asuma coma propio.
Por outro lado, ando dándolle clases de lingua ao bo amigo Juan, irmán e socio de Tucho, que está estudando bacharelato, a pesar de non o precisar para nada. Véxoo traballar polas mañás no bar e non podo menos que abraiarme ante a súa amabilidade extrema, a súa profesionalidade e o seu saber facer. Gústame este home encantador que amosa un interese fóra do habitual e unha cabeciña moi ben posta que capta á primeira o que imos mirando e que me retrotrae a un pasado non moi remoto do que me lembro menos do esperable. Dáme un inmenso pracer compartir o que sei e constatar que o aprendido non queda no baúl dos recordos sen aproveitar a ninguén.
Ningún comentario :
Publicar un comentario