24.3.07

O mercado

Como en toda vila que se prece, aquí hai un mercado que se ergue os sábados na explanada do porto. A primeira vez que o vin -hai xa máis dun ano- abraioume por ser un dos máis grandes dos que teño constancia, e coñezo algúns. Postos de queixos, embutidos, confeitería, bacallao, froitas e verduras, plantas, calzado, roupa do máis variado, calcetíns, apeiros, alfombras, teas, churros... espállanse ao longo de preto dun quilómetro que percorren os miróns ou, tan só, o pasean. Nós adoitamos chegar tarde, cando moitos dos vendedores están recollendo para retirarse, aínda que sempre hai ocasión de atopar algunha desas cousas que cómpren antes de que sexa demasiado tarde. Hoxe mercamos unha planta de romeu e unha especie de sacho de mango curto, co que B pensa facer marabillas. Xa ten un legón de mango longo co que se deslomba de cando en vez, a pesar de que di que lle é moi útil.
Antes encantábanme os mercados, percorrelos de arriba abaixo fixándome en todo e parábame a cada pouco para observar os produtos; agora non me fan tanta graza, quizais porque duns anos para acá amólanme as moreas de xente que cos seus carriños e bolsas arremeten contra todo o que se cruce no seu camiño. Sen dúbida, fágome maior.
Unha das cousas que máis me chama a atención é observar como recollen; ordenan a mercadoría con detalle, gárdana nas furgonetas e tardan menos do que eu tardaría en facer unha bolsa para saír de viaxe. Un xeito de vivir nómade que a min me choca moitísimo, se cadra porque son moi cómoda.

Ningún comentario :