29.1.08

Para o "lector"

Non me considero escritora profesional, entre outras cousas porque non vivo do que escribo, algo, por outra parte, case imposible neste pequeno país en que tantas e tan boas plumas se disputan as coroas de loureiro. Ademais, nunca fixen da escritura unha carreira, senón máis ben un desafogo que en tempos me era tan necesario como respirar. Intentei prepararme ben, madía leva, e sigo preparándome, pero iso non implica que xurdan sempre ideas atraentes. Ademais, leo tanto, bo, malo e regular, que con frecuencia teño a impresión de que queda moi pouco que dicir.
Escribir un libro leva tempo e por veces publicalo aínda máis; de feito Vidas exemplares tardou dez anos en ver a luz por motivos que non veñen ao caso.
Ando con varias cousas entre os dedos, pero son unha escritora lenta. Non teño nin idea de cando rematarei algunha e non me preocupa; as cousas saen cando teñen que saír e de nada vale intentar forzar a marcha. Non me xubilei con tanta antelación para cambiar de profesión, senón para procurar tomar a vida con máis calma. Grazas, lector, polas súas amables palabras; déronme moitos ánimos.

25.1.08

Unha familia normal


Por veces divertida, por veces dramática, Un pequeño inconveniente, a última novela de Mark Haddon lese con facilidade e pracer. Non ten nada que ver con El curioso incidente del perro a medianoche, como debe ser, aínda que algúns comentarios que lin por aí parecen translucir no fondo unha especie de decepción por ese feito, algo que non deixa de sorprenderme.
Altérnanse os puntos de vista con axilidade, os personaxes están ben trazados e deixan pouso no lector, as peripecias que atravesan ás veces póñennos un nó na gorxa, outras inquiétannos e outras fannos soltar a gargallada e case en ningún momento decae o interese porque, á fin e ao cabo, se trata de vidas humanas nas que nos podemos ver reflectidos con facilidade.

23.1.08

Meme-Horario

Pásame Mak desde De todo un poco o meme do horario cotián. Dáme un chisco de reparo, a verdade, porque ao pertencer ás clases pasivas e carecer de grandes obrigas, o meu horario é, en certo modo, privilexiado, non coma os dos que deben fichar día a día no seu lugar de traballo. Pero, en fin, chegados a este punto en que xa amosei parte do meu recuncho, deixo fóra pudores e alá vou.
Como Mak, teño días A (de luns a venres) e días B (sábados e domingos).
Os días A érgome sobre as oito, cando B me dá o segundo toque (o primeiro vén do espertador, ao que non lle fago máis caso có orientativo), almorzo e antes das nove levo a B ao instituto. Logo volvo á casa (agás se teño sesión de fisioterapia, os xoves) arranxo o pouco que a saúde me permite (as camas) e saio pasear. Adoito descansar un anaco no Plaza para tomar un té e charlar con Juan. Volvo á casa, miro o correo e os blogs e cociño o xantar. Sobre as doce e media ou unha e media (depende dos días) vou recoller a B ao instituto, xantamos e durmo a sesta. Se non hai que facer compra, ao levantarme métome no estudio a escribir até a hora da cea, que corre ao cargo de B. Lectura até as doce e media ou unha e logo maldurmir.
Hai unha variante os luns, que é cando B ten clase pola tarde: con frecuencia vou ao Plaza (cerrado ao público) a unha pequena tertulia con Tucho e con quen se presente.
Os días B son bastante diferentes, pois érgome tarde. Ás veces imos ao mercado dos sábados, compramos a prensa, xantamos por aí e damos un paseo. Podemos seguir de troula se empatamos con amigos ou ir ao monte recoller leña se o tempo o permite ou volver á casa a seguir o ritmo pousón. Os domingos case nunca saímos e paso case toda a tarde blogueando e escribindo.
Hai variantes, por suposto, debido a imprevistos, ao mal tempo ou ao meu estado de saúde, pero en liñas xerais así son os meus días fóra das vacacións.

20.1.08

O recuncho de verdade

Aínda que a foto está un pouco cegada pola luz das fiestras, este é o verdadeiro recuncho onde paso moitas horas ao día. Vexo ao mar de fronte (e o tellado dunha casa) e do lado esquerdo, máis casas, árbores e monte. Non é o colmo da orde (nin falta que fai mentres me sirva), pero atópome a gusto, máis ca en ningún dos recunchos anteriores, quizais porque teño máis espazo e moita máis luz natural.
Á dereita da mesa do ordenador hai unha parede con andeis de obra no que figuran libros de psicoloxía, autoaxuda, reflexións de pensadores, teoría da arte e literatura clásica, todo un rustrido froito das présas e do tamaño dos volumes, moitas veces pensados para amolar e desbaratar as mellores intencións. No bauliño que está preto da lámpada (por certo, teño que retirala de aí, pois nunca a acendo) hai unha morea de variñas de incenso para escorrentar o cheiro a tabaco, e á beira, unha caixa con disquetes que non me serven de nada, porque este ordenata non ten disqueteira.
Espero que lles guste, sobre todo a Kaplan, curioso de seu.

19.1.08

Parte do meu recuncho

Esta é unha parte do meu estudio, a dedicada á novela negra, aínda que hai elementos estraños aos que non lles atopei sitio mellor por aquilo de manter os autores xuntos. Vaime quedando pequena a pesar de que conto con seis paredes para libros, algunhas non completas porque están as fiestras, necesarias para dar luz aos case corenta metros cadrados que conforman o habitáculo.
Como me din algúns, debería mercar por internet, e fágoo ás veces; porén sigo fiel a un principio que me move desde que teño memoria: dar de comer aos libreiros da vila que me acolleu. Por iso é un pracer ir mercar a prensa e que che diga a libreira erguendo o furabolos: chegou un, e que ese un sexa A pista de area do meu adorado Montalbano ou, mellor dito, do meu adorado Camilleri. E iso a pesar de que ás veces lle daría de sopapos cando de xeito sibilino deixa as mulleres en mal papel (putas, raposeiras, incitadoras ao pecado, manipuladoras e un longo etcétera), pero a provecta idade de Camilleri, o pracer que me reporta coas súas novelas, a súa retranca irrepetible (e logo falan dos galegos), a aparente facilidade con que retrata a sociedade siciliana lévanme a perdoarlle case todo.
Noemí, miña rula, esta é a primeira que se traduce ao galego antes ca ao español. Ou esperas ou a les en galego. Serás capaz?

16.1.08

Relecturas


Volvín ler as tres obras que teño de Petros Márkaris depois de ver en Qué leer que Tusquets acaba de publicar unha novela nova, El accionista mayoritario, promesa de máis doses do comisario Jaritos.
Este grego nacido en Estambul, guionista de cine e televisión coma Andrea Camilleri, imprime un ritmo particular ás súas obras asemade que retrata unha Atenas diferente e moito máis real cá idealizada imaxe soñada polos estranxeiros. Seica non hai demasiada tradición de novela policial en Grecia, de feito só tres autores a practican, e desde a primeira vez que o lin atopei puntos en común co siciliano e diferencias notables cos ingleses, nórdicos e norteamericanos. A pesar de que me gusta o xénero en xeral, recoñezo que me identifico máis cos autores mediterráneos (como di Márkaris), se cadra porque a súa cultura me queda máis preto.

15.1.08

Blog

Un bo amigo abriu blog. Polo momento está de probas pero vai rápido.

13.1.08

Da vida e do desconcerto

Cando era nova coidaba que ao chegar a certa idade a madureza traería un acougo e unha serenidade que daquela era incapaz de sentir, a pesar de que os desexaba máis ca nada no mundo; cada cousa ocuparía un lugar recoñecible, case inmutable; tería aprendido moito sobre o xénero humano e sabería desenvolverme sen atrancos, con naturalidade verdadeira, entre todo tipo de persoas; as miñas ideas, mesmo a miña ideoloxía, volveríanse claras coma a auga e, así, o meu lugar no mundo deixaría de ser unha busca permanente que calmase a miña dispersión porque por fin o tería atopado.
Cando era nova soñaba cun futuro de estabilidade, coas emocións xustas para manter a ilusión de sentirme viva, con arelas abondas que contribuirían a facer da existencia un alegre fluír. Tería superado os conflitos que me inquietaban e me desequilibraban, o horizonte estenderíase limpo de nubes e sabería como actuar en cada momento, por moi complicado que se presentase. E sempre, sempre, contaría co refuxio indestrutible de contar historias.
Atópome na suposta madureza, que si me trouxo acougo e serenidade, pero moitas cousas non teñen un lugar recoñecible, e menos inmutable; o xénero humano segue a sorprenderme, mesmo desconcertarme, e por veces non sei como desenvolverme con certo tipo de persoas; as miñas ideas, mesmo a miña ideoloxía, flutuan ao ritmo que marcan as mareas e non acabo de ver con claridade cal é o lugar que me corresponde. Os conflitos non superados convertéronse en tolerables e continúo cargando con eles coma un fardo cuxo peso xa non molesta tanto, por aquilo do costume; no horizonte seguen aparecendo nubes que non chegan a inquietarme, aínda que ás veces me sorprendo soprando contra elas sen demasiada convicción, se cadra porque sei que se desfarán en auga cando lles toque, non cando eu queira. E o refuxio que coidaba eterno mantén en ocasións a porta fortemente pechada sen permitirme acceder á chave agachada nun recanto que non acabo de descubrir.
A madureza. Ha. Cómpre seguir vivindo para atopala. A busca continúa.

7.1.08

Así nacen as baleas


Descubrín a Anxos Sumai en Melodía de días usados e gocei coa súa frescura e lirismo, coa súa corrección e espontaneidade, algo non moi habitual nas nosas letras. Recunquei con Así nacen as baleas e volveume gustar, se cadra porque agradezo ler un libro en galego sen erros nin atrancos, ou porque a historia é bastante orixinal, ou porque está ben escrita. En principio non parece prometer nada que non se dixese sobre unha moza que volve á casa e atopa o universo familiar case igual que o deixou, pero neste caso os ingredientes son diferentes, e a novela cobra pulo a medida que avanza.
Merecidos os premios, abofé.

6.1.08

Unha de Montalbano


A estas alturas afirmar que sinto devoción por Andrea Camilleri é bastante superfluo, pois teño falado aquí de moitas das súas obras a medida que ían caendo nas miñas mans. La luna de papel saíu ao mercado hai pouco (setembro de 2007) e lina onte desde á tardiña á noite gozando de cada capítulo, de cada parágrafo e de cada palabra coma se estivese gorentando un pastel de chocolate.
Salvo Montalbano conserva esa retranca tan súa que o leva a ver as cousas desde varias perspectivas, por moi delirantes que semellen; tamén conserva a debilidade polas mulleres e o seu amor á boa mesa, así coma a perspicacia á hora de lidar coa psicoloxía humana sen perder el mesmo nin un ápice de humanidade. Se cadra os seus defectos (ás veces impaciente cos seus subordinados, rosmón, imprevisible para os demais, desafecto ás rixideces da lei) fano máis atractivo aos meus ollos.
Aínda que a propaganda da editorial o describe coma o caso máis turbio do comisario, coido que todos, en maior ou menor medida, o son, de xeito que consegue sorprendernos en cada entrega con reviravoltas inesperadas na trama. Ironía, fluidez, matices inesperados e unha atmosfera envolvente son características do seu estilo impagable, sempre abraiante.

1.1.08

Luciñas

Conservo de cando era cativa o gusto polas luces de Nadal. Ver a cidade engalanada convertía a festa en máis grande e mellor; ollaba marabillada para elas coma se xurdisen da nada para o pracer dos pequenos. Non me perdía ningún acontecemento que tivese lugar por esas datas e, por suposto, acudía puntualmente á cabalgata de Reis na que nunca conseguía pillar un só caramelo. Un ano decateime de que Baltasar era diferente ao do anterior e sentinme moi desconcertada, até que miña nai me explicou que enviaban embaixadores porque eles sós non daban feito.
Ás veces boto de menos aquela ilusión desaforada que me poñía nerviosa até o punto de xurar unha vez que vira a capa de Baltasar saíndo do meu cuarto. Quen me ía chamar mentirosa?
Gocemos das luciñas mentres duren e afastemos a nostalxia da nenez.