29.11.05

Entre trebóns e catarreira

arealoura
Entre trebón e trebón hai claros que permiten paseos máis ou menos tranquilos, sempre tonificantes, nos que botamos unha ollada aos parrulos e demais fauna que acampa na vella Arealoura. Entre trebón e trebón hai ocasión para pillar unha catarreira con todos os mocos, esbirros e calafríos que trae consigo, ideais para meterse na cama e intentar desaparecer da consciencia. Entre trebón e trebón, cargados de nordés e de chuvia xeada, hai tempo para soñar.

26.11.05

Mini conversa

Falei con Vicente e o seu novo corazón a través dun invento que nunca coidei que gabaría tanto: o telefonino. Ten a voz tomada polos tubos que lle puxeron mentres agardaba pola vida, pero segue conservando o xenio e a figura, de tal xeito que protestaba pola lentitude do proceso, polo moito que se aburre no hospital e polas ganas que ten de emprender as súas ocupacións habituais. Supoño que é consciente de que non lle queda máis remedio que tomalo con paciencia, pero alarmáronme un chisco as súas ganas por volver ao traballo e a todas as actividades suplementarias que lle inzan a vida.
Está moi recente a operación, meu querido amigo, demasiado recente; non todos os días lle cambian a un o motor; sospeito que deberás coidalo e iso implica que, polo momento, non te poderás meter nun partido de baloncesto a berrar coma un poseso nin nunha aula con trinta e tantas feras a actuar de domador nin, se me apuras, a batallar cos compañeiros de traballo. Algo mudou en ti, amigo; seguro que ti tamén mudarás. Calma.

23.11.05

Pandora

Pandora en el Congo
Cando lle lin La piel fría miraba a cada pouco a lapela do libro onde figuraba a foto de Albert Sánchez Piñol, se cadra pola necesidade de constatar que o autor non tiña cornos nin rabo, que era un ser humano coma min e que os arreguizos que me percorrían o lombo viñan provocados tan só por obra e maxia das palabras.
Con Pandora en el Congo non houbo necesidade de mirar foto ningunha, pois xa lle teño a cara máis que sabida, pero si hei de dicir que o efecto foi semellante nalgúns aspectos, sobre todo na contradición de, por unha parte, avanzar na lectura; por outra, afastar o libro de min de cando en vez para respirar aire fresco. Porque se algo consegue este autor é crear atmosfera, mergullar ao lector até a medula nun ambiente abafante, mesmo aberrante, que son varios; porque hai varios ambientes que, coma capas de cebola, se van desenvolvendo ante os nosos ollos a medida que pasamos as páxinas.
Non é doado resumir este libro sen destripalo, e non serei eu quen o intente; direi tan só que quen queira atopar aquí unha novela de aventuras, atoparaa porque a hai, pero tamén atopará unha novela que mestura xéneros sen importarlle as cuadrículas ao uso, un xogo de planos en que se chega a dubidar de quen é o autor e unha prosa rica e coidada que deixa moi claro o significado da palabra escritor.

22.11.05

Progresos

Durante moitos anos tiven fobia aos cans; non lembro ningún incidente especial que a espertase, se cadra tan só a pillei por ver comportamentos semellantes no meu contorno máis íntimo. Custoume ferro e fariña irme desfacendo dela, sobre todo porque non era plan saír de paseo coa antena do perigo posta; a vontade de superala puido máis có medo e empregueime a fondo para que non se me disparase a adrenalina cada vez que vía un.
Onte estivemos de visita nunha casa onde había tres, os tres con ganas de aloumiños que os donos non eran quen de saciar. Permanecín tranquila, fondamente tranquila, cando me rodearon para osmarme, mesmo lles dei unhas caricias sen que me tremesen as mans; puiden gozar da conversa cos amigos sen sobresaltos, a pesar de que un deles roldaba entre nós sedento de mans.
Volvín á casa máis contenta ca un axóuxere por terme superado a min mesma. O próximo paso será conseguir un para min.

20.11.05

Sentirse mirado

cosco
É unha das sensacións que máis me intriga, cando estás absorto en algo e, de súpeto, notas unha presenza, unha mirada pousada sobre ti; igual que se acabasen de chamarte en voz alta, ergues os ollos cara ao punto onde o mirón se asoma e velo aí, serio, con cara de revello aínda que non ten nin un ano completo, guapo e coa lingua presta a lamberte a man en canto te achegas dándolle aloumiños coa voz.
Será porque o vin medrar ou porque me gusta a súa raza ou porque é un encanto, pero é o primeiro can ao que lle permito lamberme.

17.11.05

Nubes

nube
Dá gloria ver como se retiran as nubes despois dun bo trebón. O ceo aparece moito máis limpo ca antes; o aire, lavado pola chuvia, penetra mellor nos pulmóns, sen impurezas, e entran ganas de saír calzada cunhas fortes botas para meter os pés nos charcos antes de que o sol os vaia secando.
Con sorte, crúzaste con alguén que fai o mesmo ca ti, pero intenta disimular, por aquilo de que os adultos non se comportan coma nenos; ti, lanzándolle un sorriso cómplice, segues batuxando en todo canto charco ves e continúas o camiño notando os seus ollos chantados nas túas costas.
Por un momento, só por un momento, sénteste o amo do mundo, se cadra só porque estás facendo o que che peta.

16.11.05

Blogonovela

blogonovela
Más respeto, que soy tu madre é unha blogonovela de Hernán Casciari que atopei de milagre na librería da zona despois de ter lido e escoitado sobre ela. Merqueina, claro, podíame a curiosidade xa que lle leo de cando en vez o blog persoal e tamén teño aterrado nalgún outro dos varios que mantén abertos.
Confeso que rin moito con esta lectura, pero era un riso ás veces tinguido de certa amargura, polo que hai detrás dalgunha disparatada aventura, que máis parece cousa dunha mente perversa ca dunha normal. Sospeito que os escritores deben de contar con certa perversidade mental para inventar situacións delirantes que resulten verosímiles. Lola, a protagonista, chega a espertar tenrura, por momentos case patetismo, rodeada, a pobre, dunha familia tan "orixinal", descubrindo a súa ignorancia en cuestións sexuais e laiándose só un pouquiño das persoas coas que convive.
Este libro está moi ben escrito, case concordo cun entrevistador que une o feito de ser arxentino coa facilidade para escribir, aínda que só sexa casualidade.

13.11.05

Entre libros

Chegáronme case xuntos varios pedidos de libros; aínda que este sistema ten o seu encanto, boto de menos meterme nunha gran libraría e remexer entre mesas e andeis para dar con algún achado marabilloso, ou non tan marabilloso.
Paso as follas dun dicionario novo (o meu cos dicionarios roza a loucura) que me parece bastante bo, sigo co delicioso libro de Anxos Sumai (ligado dous posts máis abaixo) sen apremios nin preocupacións e boto un ollo aos catro que me restan e dos que xa falarei. Porque continúo coa miña febre case enfermiza de ver libros ao meu redor, ulilos, tocalos, sentilos, gozalos coma se fosen amantes.
Respiro fondo esta tarde fría en que Vicente espertou á vida por terceira vez, en que nos movemos no coche para ir tomar unhas cañas mentres a noitiña caía regalándonos, de novo, un solpor entre nubes tan precioso que me colleu sen a cámara preto, pero tanto ten.
En canto remate aquí, irei preparar a cea, chocos da ría na súa tinta, para envexa de MH; a ver cando lle podo regalar a el un prato que non me sae mal, malia que convirta os beixos en negras marcas nas meixelas.
As cousas non van mal, nada mal.

12.11.05

Corazón II

Desde esta madrugada o meu amigo Vicente ten un novo corazón latexándolle no peito.

11.11.05

Corazón

Leo a Anxos Sumai intentando non pensar en Vicente, pero a prosa melancólica por veces, intimista e envolvente sempre, tráemo á memoria sen cesar, mesturando pracer e esperanza.
Vou á pescadería mercar peixe fresco e lembro a Vicente, que quería vir hoxe por aquí para empezar a aprender a comer sen sal.
Ando pola Ramallosa e penso en Vicente, cada día que pasa a súa imaxe faise máis presente, esperando coma todos os que o queren, que chegue axiña o corazón.
Miro as Estelas desde este balcón que el tanto aprecia e lembro a Vicente apoiado na varanda e aspirando o aire mariño coma se fose unha droga benfeitora.
Subo e baixo pola escaleira da casa pensando en Vicente, lembrando o seu afecto e as súas constantes atencións desde o mesmo intre en que empecei coas baixas.
Durante esta semana non fago máis que pensar en Vicente, ese bo amigo que agora está sedado sen saber que agarda un corazón.

8.11.05

Novembro II

A contractura lumbar vai algo mellor, aínda que para os enfermos de fibromialxia non deixa de ser un de tantos episodios dolorosos que máis cedo ou máis tarde se repetirá ciclicamente, coma a caída da folla no outono ou o retorno das flores na primavera. Agora, con menos dor grazas ás presións do fisio e ao cheirento ungüento que me bota B con todo o amor e coidado, sigo pensando que non somos nada, que me fixeron defectuosa e que a ver se isto desaparece até volver ao seu estado normal, malia que no meu caso o estado normal non é como para botar foguetes.
A pesar de todo, hoxe levanteime de bo humor, con ganas de pasear xusto cando cae unha treboada de mil pares de demos e coa intención de enfrontarme de novo á novela aparcada. Polo momento agárdame un día tranquilo e caseiro, nada de ioga nin de esforzos que non se sabe en que poden derivar. Mesmo me fai sorrir o día chuvioso visto desde as fiestras, ben abeirada no meu tobo, igualiño ca unha toupeira.

7.11.05

Novembro

Visita rápida á aldea sagrada, onde tiven o pracer de coñecer a Francisco Castro, María, Ian, Folerpa e volver ver o sempre encantador Martin Pawley e a Brétemas, con quen había tempo que non coincidía e, por suposto, a Cesare, con que dei un paseo bastante longo para ir recoller a Lola.
Un frío que xa non lembraba, as locomotoras das castañas asolagando as rúas co seu inconfundible cheiro, turistas a moreas, bares, librerías, tendas de roupa e de produtos fotográficos..., todo semellante e distinto, case en eterna mudanza e permanencia. Á volta, unha contractura lumbar converteu o traxecto nunha especie de pesadelo, dura proba para os meus cadrís e bo traballo para o fisio; polo momento, aínda que algo aliviada, continúo camiñando algo torta e temendo determinados movementos que desatan o lategazo de dor.
B, encantado da vida por verme saír do meu retiro, preguntoume que tal fora todo pedíndome detalles e fíxenlle un resumo bastante completo da estancia e do Simposio do que case todos os citados falan.
Foi unha boa experiencia.

2.11.05

Temporal

temporal
Levamos varios días co temporal enriba, o canaval do lado ameaza con ceibar canas na rampla de acceso ao garaxe e o burato que serve de desaugadoiro atóase de follas mortas cada dúas por tres co risco de inundalo; o vento zoa entre os eucaliptos e piñeiros, e o mar, acá embaixo, brama con furia desatada, coma se quixese reclamar algo que non entendemos.
A casa semella illada ao capricho de ballóns e refoladas; se non estivese ancorada con firmeza na terra, pensaría que en calquera momento -casca de noz- sairía ao océano a loitar contra sereas, tritóns e monstros varios para demostrar non se sabe que escura valentía. A noite cae antes do pensado mentres a sala se caldea con lapas de carballo e acacia, olorosas a outono novo, a castañas asadas, a Natureza acabada de estrear.
Non teño medo cando o lóstrego atravesa a badía nin cando estoura o trono na distancia, só un chisco de respecto.