4.11.12

Bechocos


Unha das facetas que máis aprecio desta vida semicontemplativa que levo é a posibilidade de observar polo miúdo detalles, persoas e animais con todo o que iso trae consigo. Unha casa con horta constitúe un escenario ideal para exercer esa capacidade de observación, pois a cantidade de bechocos que xorden día a día chega a ser innumerable. Esa araña, por exemplo, leva instalada na súa arañeira máis dunha semana, entre o piar e o teito do alpendre onde dorme o coche. En aparencia, non fai nada máis que agardar e a súa espera debe de ser frutífera, xa que está gorda  e semella sa.
Na tenda de agrofauna tiven ocasión de ver de preto un dragón barbudo sobre a man do dono e sorprendeume comprobar o pacífico e tranquilo que semellaba malia o seu impoñente aspecto. Os hámsters e coellos non por cotiáns resultan menos interesantes e gústame observalos cando comen ou se acochan uns con outros, ou cando se erguen sobre as patas traseiras e ollan ao seu redor cheos de curiosidade.
E que dicir das cadelas? Á parte de seren de seu un espectáculo moi agradable, ás veces traen inquilinos do máis sorprendente, coma o diminuto caracol -a veciña chámao caramecha- que viña prendido nun rizo de Melas. Cando o coloquei no cinceiro e vin como se movía e intentaba zafar, non puiden evitar collelo con coidado e botalo ao xardín antes de que a súa caseira se interesase demasiado por el.

4 comentarios :

Fontenova dixo...

non sei o porquè,pero antes de sacar unha caramecha da casa pra horta hai que decirlle:
Caramechinha,caramechola
vaite ti pra casa sola.

matrioska_verde dixo...

a túa vida contemplativa é moi fructífera é para mín unha gozada... aínda que lle teño fobia ás arañas.

o sentido do asombro, do que falaba eu o outro día no blog.

biquiños,

Chousa da Alcandra dixo...

Está ben observar. Moi seguramente eles tamén nos observan a nós...e canto rirán polos comportamentos que adopatamos!

Paz Zeltia dixo...

pois a min o dragón ese ... dame algo de cousa.!

os insectos non son moito do meu gusto, inda que non os mato; pero os réptiles... uf

mellor as cadeliñas :-)