4.6.04

Calor
Un día máis de calor abafante que pon a proba a resistencia dos máis febles. Eliminar tanto líquido empúrrame ao delirio e véxome convertida nun pekeno charco que B recolle coa fregona sen decatarse de que son eu. Sen dificultade vexo tamén cómo se me derreten as neuronas, anoxadas de permanecer encerradas nunha caixa sen fiestras, ávidas dun frescor que nin o piñeiral máis mesto dá conservado máis alá de dúas horas.
Onte, tras unha estraña cea cun máis estraño colega de B, viñemos camiñando desde a Vila Real ata a casa agradecendo a ocasión de respirar e renegando (eu) do sono e de todos os taxistas da zona que, madía leva, desapareceran de escena sen deixaren rastro.
Hoxe púxenme a pensar no famoso colega, do que en realidade non sei qué pensar. Unha, modesta de seu aínda que non queira, sente certo estupor ao escoitar frases como realicei unha exposición brillantísima, fíxeno de xeito excelente ou a miña ****** é marabillosa. Decontado, cun aceno de inxenuidade que desarma a calquera, expón a súa perplexidade ante a tépeda reacción duns oíntes incapaces de aprezalo.
Admíranme as persoas que se cubrirían a face de bicos se puidesen; sen dúbida son as máis felices do Universo.

Ningún comentario :