27.6.04

Unha historia vulgar
P e M forman parella desde hai tanto tempo coma nós. Viámonos con relativa frecuencia en Auria, cando eu aínda podía saír polas noites, e en Portonovo, onde se refuxiaban sempre que tiñan ocasión. A M atopábaa de cando en vez a media mañá e charlabamos uns minutos sobre o divino e o humano, evidentemente sen afondar. Un día estaba demudada; P contáralle que tiña unha historia cunha mociña e non sabía se iría a máis, que debía pensar e sopesar; a inquietude de M, a incerteza, palpábase a tres metros de distancia. Doeume a súa dor.
Deille voltas á situación porque son unha sentimental sen remedio; amólame que unha parella se desfaga, malia saber que as liñas da vida nin son rectas nin son liñas. Ao cabo dunha semana volvín atopar a M, moito máis relaxada. A historia de P coa mociña pasara sen maior transcendencia deixando tan só un pequeno pouso de medo e angustia axiña esquecido. Nestas estabamos, cando apareceu P sorrinte coma un axóuxere; quedara con M para tomar un café. Olleinas marchar xuntas sentindo latexos felices no corazón; M aínda virou un momento para chiscarme o ollo e eu..., eu lanceilles un bico coa man.

Ningún comentario :