8.6.04

Vergonzas
Entrei hai uns días nunha desas fases que me dificultan bastante a vida: as vergonzas. Chámolle así familiarmente, aínda que o termo non sexa moi exacto; en esencia consiste nunha timidez esaxerada mesturada con incapacidade para desenvolver actividades normais, como charlar coa caixeira cando lle pago a compra ou preguntar calquera miudeza a un descoñecido ou saberme mirada. Quixera desaparecer. Creo que está relacionado coa bipolaridade.
Antes desesperábame sentirme así; fuxía dos compañeiros, dos amigos e ata intentaba illarme de min mesma; traballar convertíase nun suplicio benfeitor, se cadra porque me obrigaba a asomar a cabeza pola casca e seguir piando, xa que me pagaban para iso.
En tempos referíame a esa faceta como o inquilino e tardei o meu en reconciliala coa extrovertida e sociable; parecíame imposible ser de dous xeitos tan dispares.
Agora...; en fin, agora toléroa sen notar case o seu peso, sabendo que acabará pasando coma as tormentas do verán. Iso si, encargas, recados e demais asuntos que requiren trato con persoas fágoas coma os ladróns: furtivamente.

Ningún comentario :