16.6.04

A praia
Untada de proteción 15 dos pés á cabeza, vou a unha das praias máis pijas da zona, a que me queda máis preto da casa; antano chamábase Area Loura; hogano, Praia América. Polo de agora a invasión non é excesiva, sobre todo a horas tan temperás; crúzome con persoas de todo tipo, idade e condición, a maioría habitantes da zona.
Camiñamos todos pola beira a paso máis ou menos marcial, uns cara alá, outros cara acá; supoño que mirados desde o ceo pareceremos formigas carrexando mantenza invisible para unha inexistente raíña. Atopo a miña fisio lucindo barriga, feliz coa súa Marta dentro; cóntame que á futura cativa lle gusta que ela pasee, adormece co meneo e rara vez dá patadas; esas resérvaas para os momentos en que a nai repousa. He; aínda non naceu e xa está impoñendo a súa tiranía. Polo que se ve, encántalle a marcha.
Gordos, fracos, musculados, fofos, tersos..., escasísimos top models. Agradezo observar tal variedade de corpos e formas; por fortuna, a uniformidade non acadou as cotas que os creadores de imaxe pretenden. Será que a Natureza -tan sabia ela- non entende de modas.

Ningún comentario :