12.7.05

Calor e flores


O Val Miñor é célebre por gozar dun microclima que o converte na zona de Galicia onde menos chove e onde menos contrastes de temperatura se producen ao longo do ano; aínda así, a calor destes días faime suar a fío e por veces mesmo desexar que o inverno -cando menos o outono- non tarde moito en chegar. Non gardo memoria de que de máis nova me afectase tanto a calor coma agora, pero é probable que tivese máis resistencia e moita máis enerxía para compensar o desgaste que provoca.
Na zona baixa da casa estase bastante a gusto e até o balcón chegan inconcretos recendos a flores das que ignoro o nome galego, pero abren de noite para beber o frescor e préganse de día para agocharse das calores; miña sogra chámalles -creo- dondiego de noite. Cheiran doce sen repugnar e evitan estar bebendo a cada minuto non sei por que estraño efecto psicolóxico.
A pesar de non ter olor, a min encántame a buganvílea, planta que aquí prolifera tanto coma os pradairos e non hai casa que se prece sen a súa, sexa en forma de arbusto, sexa en forma de parra ou incluso formando parte dunha sebe, que de todo teño visto por estes lares. As brácteas -que eu tomaba por pétalos- semellan de papel para os expertos, aínda que a min me lembran un vestido de seda que posuín hai anos e que me encantaba por lixeiro e acariciador. Duran unha enormidade, mesmo no inverno conservan color, malia que menos vizosa ca na foto.
Nesta casa tamén hai rosas nun terrado, mais son desas sen recendo ningún, pura pirotecnia sen eco, bonitas de ver, si, pero carentes de miolo.

Ningún comentario :