10.7.05

Impresións

Fomos á aldea sagrada para devolver o vehículo prestado; coma sempre, descoñezo parques, barrios, zonas que antes eran campos ou estaban baleiras e agora amosan un plantío de edificios modernos. O que eran arrabaldes ou aldeas estremeiras intégranse na cidade coma se sempre tivesen formado parte dela e os ollos transfórmanseme en pratos pensando, unha vez máis, no tempo como facedor de realidades diferentes.
O día anterior veu visitarnos Cesare, quen, coa súa sorna habitual, decide que o meu novo coche é de señora maior; B, porén, cóidao agresivo, así que quedo con cara de desconcerto ante opinións tan opostas e paso de ambos os dous mentres ollamos as luciñas, bonequiños, figuriñas e todo o aparato parafernal que traen de serie os actuais automóbiles. Para min é unha máquina e o único que lle pido é que funcione como debe.
Ante o cúmulo de opcións, actividades e camiños que nos mostra o noso visitante verbo da súa vida éntrame un chisco de vertixe; a min, que nin sequera sei comprar nas rebaixas porque me atordo, tantas posibilidades antóllanseme unha complicación. Prefiro que me veñan en fila india, non todas á unha. A Cesare, pola contra, parece sentarlle ben estar dentro dun batedor.
De aí paso a reflexionar sobre a condición humana, a diversidade de tipos e anceios que nos moven, as ansias tan opostas que nos fan vivir, e remato sorrindo. Decote me agradou a variedade.

Ningún comentario :