14.11.04

Bukowski

Buscando buscando, atopo imaxes deste artista cuxa febre creadora o empurra a darlle ao lapis sen descanso. De cando en vez envíame por correo electrónico algunha obra que me apresuro a pasar a unha carpeta (agora que sei) para non correr o risco de ateigar a conta de correo ou perder o arquivo.
Teño falado del nalgunha ocasión, ao igual ca Cesare, de quen tamén é amigo. O alcume púxollo B un serán, por aquilo da vida bohemia e atormentada salpicada de tabaco, cervexas e alcohol; fíxonos graza, se cadra porque lle acaía coma anel ao dedo naquelas circunstancias.
Téñoo visto debuxar nunha pizarra un primeiro plano dunha face ante a expresión admirada de trinta adolescentes, cuxos ollos ían del a min en canto soltaba un novo palabrón para explicarse. Porque Bukowski, cando se pon nervioso (e naquela ocasión estábao) é incapaz de falar sen intercalar no seu discurso moreas de palabras contundentes.
Non podo poñer aquí o último agasallo que me enviou porque o tamaño sobrepasa o admisible (amais de non estar aínda publicado), pero serviume para rir e volverme abraiar do seu talento.
autorretrato
Ama e odia con paixón furibunda, a mesma que o leva a anotar ideas, esbozar tebeos, apuntar imaxes nun caderniño que cobizo desde hai un lustro e nunca me pertencerá. Confío en que remate unha encarga que lle fixen tres anos atrás.

Ningún comentario :