13.11.04

Un San Martiño sen verán
Hai dous anos un forte temporal deixou a San Martiño sen o seu verán. Desde a ventá do apartamento de Vila Real observamos os efectos dun vento atolado que empurraba a choiva contra os cristais e creaba unha desacougante música cacofónica; caeu tanta auga e con tanta furia que se inundaron as rúas, os garaxes do edificio e a gasolineira do lado. Atendiamos estupefactos as alarmantes novas da tele sobre un petroleiro que andaba case á deriva.
Axiña haberá dous anos que uns mariñeiros bateron no alcalde dunha vila mariñeira, furiosos e angustiados polo que estaba ocorrendo; foron os primeiros en saír cos barcos a recoller chapapote. Foron os primeiros en moverse, á vista da inmobilidade oficial.
Lembro a preocupación de Flo, propietaria dunha pescadería; o pesar de Frodo ao erguerse unha mañá e ollar os cons de Oia convertidos en aprendices de asfalto; a incerteza de Te (cuxo home traballaba na lonxa da cidade) ante a redución de persoal que se achegaba; lembro as caras longas, as olladas tristísimas, de homes e mulleres que dependen do mar para comer, para vestir, para vivir... Lembro o cheiro a chapapote que inundou todos os recantos da vila a medida que chegaban os colectores ennegrecidos, os barcos saíndo frenéticos, o ferver de xente, a riada de miróns, a outra riada -esta si- de colaboradores...
Hai dous anos non houbo verán de San Martiño na costa galega.

Ningún comentario :