9.11.04

Procuras
amatista Non hai como as explicacións claras e sinxelas para aprender a facer as cousas; porque acotío non abonda con ter moitos coñecementos sobre un tema para transmitirllo a un profano de xeito que o comprenda.
Lembro con admiración un amigo físico a quen lle consultara sobre un asunto do que era experto e eu coñecía de oídas; precisaba que me clarexase escuridades para imprimirlle a unha novela certa pátina de verosimilitude, pois estaba bastante avanzada e eu, pouco disposta a botarme atrás ante as dificultades.
A claridade deste home foi meridiana; incluso intentou explicarme a teoría da relatividade, xa que a conversa derivara por aí (hei de confesar que me perdín un chisco nos detalliños). Tamén meridiana foi unha bióloga presentándome uns misterios do ADN que me traían de cabeza, pero necesitaba para a mesma obra.

Agora manéxome algo mellor con este trebello do diaño; o quid radicaba en cómo o utilizaba eu hai menos dun ano. Non se me ocorreu preguntarlle a ninguén para qué servían tantos botóns; supoñíase que as palabriñas que os acompañan aforraban esforzos e aclaracións. Pois non. No meu caso, non.
Aínda que procuro ser autónoma, agradezo que me collan a man para cruzar unha calzada, sobre todo se ando por unha cidade descoñecida e grande.

Teño dous cuarzos amatistas enriba da mesa do ordenador e, nun andel, un libriño de O' Keeffe con esa portada que me trouxo de Reading unha amiga. Son algúns dos meus tesouros.

Ningún comentario :