17.11.04

De linguas
Cada vez que traduzo un libro do galego ao español, constato con invariable estupor as enormes diferenzas que existen entre dúas linguas tan próximas. Non se trata só de cuestións sintácticas ou léxicas, senón -e sobre todo- estilísticas. Coñezo ambas as dúas bastante a fondo por estudar os seus recunchos e reviravoltas desde hai anos, vivir rodeada de dicionarios, gramáticas e outros libros especializados e sentir unha paixón ilimitada cara ao tema.
Sen ter en conta a lingüística nisto, hai algo que eu chamo espírito dunha lingua; con el intento referirme ao que desvela dos seus falantes e do temperamento que a fixo xurdir. Aí é onde mellor aprecio o que ten e o que lle falla a cada unha, non por incapacidade expresiva, senón por ausencia da necesidade de expoñelo.
No primeiro libro que lin de Alexandra Marínina produciume unha sensación estraña a cantidade de manifestacións afectivas empregadas polos personaxes, pois resultaba chocante en español, e lembreime dos contos populares rusos recompilados por Afanásiev, que xa de cativa me chamaban a atención polo mesmo.
En galego éme moito máis doado conseguir musicalidade na prosa xogando coas aliteracións de determinados sons ou expresar con enorme economía de medios unha idea; porén, se intento verter o mesmo en español, acotío quedo coa descougante impresión de que o resultado é pobre.
Quizais ocorre tan só que me falta práctica continuada.

Ningún comentario :