|
|
|
Enquisa orientativa Como este ano me portei ben, vou pedirlles aos Reis Magos unha cámara dixital. Dorvisou fala de tres que lle enchen o ollo (el tamén foi bo, ou iso asegura), o cal me axuda bastante, mais gustaríame coñecer outras opinións. Á parte dos requisitos técnicos, debe reunir as seguintes características: -Non pesar nin avultar moito. -Ser doada de transportar (moito mellor se cabe nun peto amplo do chaquetón). -Zoom versátil e con nitidez en todos os casos. -Aínda que o prezo non constitúe un gran problema, tampouco quero que os Reis se empeñen pola miña causa. |
|
|
|
|
|
Sen pausa Deixo o Capitán Osoazul de camiño ao cerebro do bologg guiado por 16H, unha mala idea, tras saír coa súa axuda dun charco de cerume (puagggg). Non esperaba semellante escena despois do xantar, pero o humor e a retranca de Walter Moers evitaron que me librase da comida antes de tempo. Agora estou na fase devoradora; arrastrada pola fantasía febril do autor, por unha imaxinación demoledora, tiro para adiante coa lectura ansiosa por saber qué novas sorpresas me depara; ironías, chiscadelas e sornas varias escápanme unhas cantas -temo-, malia que pillo as suficientes para gozar coma unha pirata anana de Zamonia e dos seus curiosos seres. Había tempo que non me notaba tan sorrinte mentres leo. |
|
|
Máis que latiña Pois xa comeza a ser algo máis que amolada esta teima do corpo por acoller con tanta hospitalidade as alteracións do espírito. Hoxe o fisio deixoume desfeitiña de vez e instoume a volver pasadomañá, supoño que para rematar a faena con gusto. Marabíllame a capacidade destes profesionais para levar o dedo xusto onde máis dano vai facer, coma se tivesen un radar específico para identificar contracturas. Iso si, porteime coma unha campiona -¡que carafio!-, inda que nestes momentos, francamente, me importa unha mincha. |
|
|
|
Xenio e figura... Non hai qué lle facer: caín nas gadoupas da morriña, no tremor de mans e beizos, no proído de ollos acuosos, no cariño arrombado por un tempo pero sempre presente. Unha antiga alumna, a florista xorda, dous ex-compañeiros de traballo (e porén amigos), un dos meus libreiros preferidos, o dono dun pafeto da zona ao que operaron dunha úlcera perforada hai tres meses (a cicatriz aínda está tenra), o propietario da nosa cervexaría, o seu antigo socio, a miña audioprotesista... (¡Ai!). Menos mal que marchamos de Auria a media tarde, porque a min xa non me cabía tanto pasado no peito. Cando volvamos en decembro, xa sei o que me espera (cando menos, estarei preparada). |
|
|
|
Paradoxos O último asunto que nos quedaba en Auria liquidarase en breve; debería estar contenta por sacar do medio unha preocupación, porén síntome bastante furiosa. Non serei moi aleuta para certas cuestións, mais para outras posúo uns radares que para si quixeran determinados organismos. Por exemplo, cheiro ás leguas os intentos de manipulación, rebótome coma unha tigresa se me intentan presionar e, de propina, todo o que soe a chantaxe sentimental reméxeme as tripas. Os primeiros seméllanme un insulto á intelixencia; os segundos, unha falta de consideración imperdoable, e a terceira, un xogo rastreiro e indigno. Non respondo ao estereotipo do galego do que non se sabe se sobe ou baixa unha escaleira; non entendo as medias palabras e, aínda máis, négome a entendelas; os rodeos para tratar un tema sácanme dos eixos; gústanme as cousas claras, o chocolate mesto e chamarlle ao pan, pan e ao viño, viño. Amólame ter que manter a cabeza fría no asunto de Auria; se por min fose, xa os estaba mandando a todos a tomar o aire do vertedoiro municipal. |
|
|
|
|
|
|
En globo Había tempo que un libro non me provocaba tal sacudida. Remateino onte e non o dou sacado da cabeza. A aparente economía de medios consegue introducir o lector na mente do narrador, un adolescente cuxo talento son as matemáticas e o mundo, o seu peor inimigo. Desde a súa perspectiva observamos as relacións entre adultos considerados normais nun mundo en aparencia normal; percorremos o proceso que o leva a abandonar o pai e buscar a nai que el coidaba morta. Unha bagatela para os capaces de relacionarse con fluidez, mais unha odisea para un autista. Christopher non só consegue chegar a Londres e atopar a nai, senón que tamén supera con sobresaliente o exame de bacharelato en Matemáticas. Logo soña co título de bacharelato en Física e licenciarse con Matrícula de Honor na universidade. "E sei que podo facer iso porque fun a Londres eu só, e porque resolvín o misterio de ¿Quen Matou a Wellington? e atopei a miña nai e fun valente e escribín un libro e iso significa que podo facer calquera cousa". |
|
|
|
|
Cinco meses de vida no colo O sábado -hai apenas unhas horas- tiven o indescritible pracer de acoller no meu colo a Opedro, o tenro fillo de Opaco e señora. Non quero darlle envexa a ninguén (¿ou si?), pero as fotos de Opaco non lle fan xustiza a Opedriño; é tan lindo como se ve e moito máis. Mentres lareaba con discreción rodeado polos meus brazos chuchoume unha man a conciencia; estanlle a piques de rebentar os dentes e a sensación é impagable, coma se unha caricia rotunda se apropiase do molete previo ao polgar e uns beizos ávidos e delicados coma os do bebé que é buscasen satisfacer a súa sede de aprender. Non creo pecar de indiscreta se digo que os pais se derreten ante el, porque non me estraña; eu tamén me derretín. Imposible o contrario. Se Opedriño segue sendo tan feliz como semella, o tempo -e todo o demais- converterao nun adulto ao que dan ganas de amar a conciencia. Imposible o contrario. (E non me estendo describindo o seu recendo, o tamaño da súa man abranguendo o meu dedo, o nariz de botón tan apetecible, o remuíño no curuto da cabeza, os movementos constantes de pernas e brazos, a boquiña de... ¡En fin!) |
|
|
|
|
O fotógrafo Un rapazolo duns vinte anos, coa melena crecha atada nunha coleta, barba rala e pendentes de aro nos cartílagos das orellas, enfócame coa cámara e rompo a rir. Cando quero decatarme, e tras mínimas indicacións que case non me dá tempo a seguir, o retrato está feito; amósamo, non me gusta, retrúcame un lacónico marabillosa e, pouco convencida, non insisto en que ma repita. Cando lla amoso a B, segura de que terá algo que apoñer, sorpréndeme facéndose linguas da fotografía, que se patatín que se patatán. ¡En fin! ¿Con que ollos me mirarei? |
|
30.11.04
que me pasou con delicadeza polas feridas (conservo as cicatrices) mentres eu sorbía os mocos ollándoo alucinada; tanto dous vellos coma dous curas pasaran antes perante miña sen dignarse facer outra cousa que soltar a gargallada (tamén conservo a lembranza).
Era máis grande ca min, mais iso non minguaba en absoluto o meu desexo de contemplar cómo abanaba unha e outra vez de arriba cara abaixo e de abaixo cara arriba. Mentres, a nai e a irmá agardaban pacientes o remate da miña dose case diaria preguntándose por enésima vez qué lle atopaba ao famoso boneco.
que aturou indicacións contraditorias, gustos dispares, contragustos e todo o que se nos ía ocorrendo aos membros deste grupo de chalados medio muggles medio meigos.
promete grandes doses de imaxinación, unha fantasía engaioladora e sorrisos a esgalla.
Non hai como as explicacións claras e sinxelas para aprender a facer as cousas; porque acotío non abonda con ter moitos coñecementos sobre un tema para transmitirllo a un profano de xeito que o comprenda.
Non deixa de ter a súa graza que aos catro anos a miña aspiración fose ser nai e pasear os fillos nos seus carros á beira da miña propia nai cos seus; as dúas paseabamos en amor e compañía comentando as nosas cousas mentres os cativos tomaban o aire. Cando crecín un chisco decateime do absurdo da idea; miña nai sorría ao dicirme: ¿imaxinas?, eu empurraba o carriño onde ti ías e ti facías o mesmo con outro carriño onde ía teu fillo. Unha amorosa cadea, nin máis nin menos.