12.1.14

Raíces

Un dos últimos temporais deixou bastantes estragos na horta e no monte. O recipiente para facer fertilizante (argheiro, chámanlle aquí), non aturou a forza do vento e desfíxose por completo, ata o punto de quedar inutilizable, pois as pestanas que agarraban as distintas pezas racharon de vez. Algúns xeranios, antes mestos e rufos, apareceron desmaiados, coma se os azos non lles abondasen para recuperarse da noite. As follas do rícino semellan peneiras despois de recibir os golpes asañados da sarabia. Algúns piñeiros do monte da Garita, amais de perder pólas e follas, víronse desarraigados e caídos case sen decatarse. E, en xeral, semella que unha batalla campal tivo lugar entre os camiños pola cantidade de pólas, piñas e follas arrincadas. Porque non todas teñen raíces tan fortes coma a da foto, que asoma nunha corredoira e é un dos motivos que obriga a mirar acotío o chan. Hoxe o ambiente está calmo. Non sei canto durará.

1.1.14

Perrografías

Amparo Garrido é fotógrafa e tíñalle medo aos cans, coma min. Conseguiu vencelo psicanalizándose e descubrindo que provocaba ese pánico. Eu non acudín a esa panacea que seica din produce marabillas, quizais porque non me fixo falta ou porque son demasiado teimuda como para non intentar por min mesma atopar a orixe dos meus medos, probablemente porque me era máis doado ca a ela dar co dispositivo que se poñía en marcha cando vía un can.
Coñecina a través de FB e gustoume o seu proxecto; Dona e Melas xa estaban connosco e creo que foi por iso que o seu libro me atraía tanto: retratos de cans en primeiro plano que amosan toda a súa caninidade e a súa beleza e que lle axudaron a vencer definitivamente a súa fobia. Hai un par de días chegoume o seu libro, cunha sentida e fermosísima dedicatoria (para Peke, con todo el cariño del mundo, y también para Dona y Melas, quienes con su ternura, transformaron el miedo en amor. Amparo Garrido), que me fixo máis valioso o exemplar. E aí está, sobre a saba, a superficie máis cómoda que atopei. Encántanme as fotos, o resultado final e as palabras de Amparo; un precioso autoagasallo de Nadal.

29.12.13

Rochas

O monte da Garita queda moi preto da casa e a el imos acotío a pasear coas cadelas; elas dedícanse ás súas ocupacións favoritas, que consisten en osmar todo a fondo, buscar coellos e non pillalos nunca (do cal me alegro), choutar e correr con liberdade, roer piñas e paus e saudar a quen nos cruzamos. B goza coma un cosaco ollando as novidades que se produciron desde o día anterior e eu, basicamente, procuro non despegar moito os ollos do chan para non tropezar coas raíces e pedras; detéñome de cando en vez para mirar a contorna e descubrir cousas que non deixan de sorprenderme, coma ese piñeiro que medra no medio e medio das rochas. Porque a Garita está salferida de penedos enormes e un dos máis grandes é o miradoiro, que mesmo ten uns chanzos primitivos para agatuñar ao cume e contemplar as amplas vistas. Eu nunca subín pola sinxela razón de que logo hai que baixar e dubido moito da miña habilidade para facelo sen dano. A B, porén, encántalle imitar a Tarzán e emitir berros inconexos que o deixan coma novo.
Resulta rechamante este monte penedoso, dividido en leiras de distintos donos, cruzadas por unha morea de camiños, ao que acode xente de todo tipo: ionquis, amantes do botellón, amantes a secas, paseantes, deportistas, buscadores de setas e recolectores de piñas. O que non acabo de comprender é por que, se existen varios puntos limpos e recollida de trastes a domicilio, hai persoas que se molestan en levar alí colchóns, sofás, lavabos, bañeiras, persianas e restos varios. Sospeito que é un costume moi galego difícil de erradicar.

20.12.13

Selos

En USA é posible encargar selos co motivo que queiras e empregalos para franquear cartas e paquetes. O home de Maryland -amigo meu desde hai anos- mandou facer estes cunha foto de Dona e Melas (que figura no meu perfil de FB). Cando me chegou a súa postal de Nadal case non podía crer o que vía no sobre e sentinme moi alegre. Falei con el, agradecinllo, pero faltaba por chegar a plancha enteira con selos que aquí non son de curso legal. Gardareinos e, se podo, coareinos coma quen non quere a cousa nas escasas cartas que envío. Abofé que están guapas as nenas! Merecen divulgarse por todos os lugares do mundo. Espero que Correos non se mosquee.

12.12.13

Reaccións

É a primeira vez en sete anos que o concello pon un adorno de luciñas de Nadal na nosa zona. Como Melas non ten moito percorrido nin demasiado horizonte (a pesar dos seus tres anos e medio), os primeiros días que viu tal trebello lanzouse a ladrar coma unha tola montando tal escándalo que daban ganas de poñerlle unha buceira. Que dano poden facerlle esas luciñas? Misterio. Supoño que o descoñecido, o nunca visto, a novidade, pero é matemático: ver o trebello aceso e ladrar coma unha posesa é todo un. De nada vale que intentes calmala ou engarguelala con algunha chuche; de súpeto ponse a rosmar e ten que saír a desafogar a gusto durante todo o tempo que lle pida o corpo. A nai mírame como dicindo: "Déixaa; non ves que non entende nada?". E así andamos, entre ladridos, rosmidos, procura de aloumiños e inseguridades varias. Desde logo que, seguros, estamos seguros.

6.12.13

Grazas, grazas, grazas, MH

Cando vin que Gradicela desaparecera do panel de control (e, por tanto, non podía entrar no blog para fochicar nel, nin escribir nin editar nin publicar), pensei que sería unha cousa pasaxeira que axiña se arranxaría de seu. Pasaron os días e saltáronme todas as alarmas: aquilo non tiña boa traza. Resistinme a pedirlle axuda a MH, non por falta de confianza, senón porque sempre lle dou a vara con este tipo de problemas e xa me parecía abusar. MH foi quen contribuíu a armar este trebello, vestiuno ben e lindo e ao longo de case dez anos respondeu as miñas dúbidas con paciencia intentando aprenderme o que el aprendera; claro que este animal -Peke- é moi túzaro para asimilar determinadas cousas e case sempre volvía a este bo amigo para resolver os atrancos.
Estaba xa disposta a abrir outro blog, laiándome coma unha cadela por non poder celebrar o décimo aniversario de Gradicela; bobadas, se cadra, pero... son case dez anos!, téñolle cariño!, hai moito de min nas mil e pico entradas que publiquei! Que non lle importa a ninguén? A min si me importa e moito máis que moito. Son unha sentimental, que lle vou facer?
El non querería que puxese un enlace que o identificase: é así. E non o vou poñer para non amolalo; só direi que é un home brillante, moi brillante. Para el o meu máis grande agradecemento. Graciñas, meu! Bicos a tutiplén.

23.11.13

Vestida de gala

Que Antón Riveiro Coello é unha persoa encantadora ninguén o pode negar; que escribe moi ben, tampouco, e que con Laura no deserto a literatura galega vestiuse de gala, aínda moito menos.
O xoves pasado o club de lectura de Ribeira tivo a honra de compartir a sesión con el e gozar coma nunca do verbo fácil e fluído deste gran escritor. A pesar de que cheguei á reunión co libro sen rematar (aínda me quedan unhas cincuenta páxinas: un nada, se temos en conta que a novela ten máis de setecentas), a medida que avanzaba na lectura a sensación de marabilla ía a máis. A unha estrutura abondo complexa (que non é o que máis adoita gustarme, pero neste caso está máis que xustificada) únese unha historia engaiolante e dura, narrada cunha mestría e delicadeza que non  fan máis que confirmar que estamos ante un autor capaz de crear mundos enormes cunha prosa elegante e áxil, afondar na psique dos personaxes sen que nada resulte chiante e sorprendernos coas reviravoltas polas que a historia vai cobregueando sen perder en ningún momento o pulo inicial.
Entre chuches humanas (cacahuetes, millos, tapas de carne con queixo...) e algunha caña, público entregado e curioso, ambiente distendido e agradable, Antón contounos cousas ben interesantes do proceso que durou seis anos e desembocou na conclusión desta novela que ninguén debería perder. Un luxo ao alcance de calquera. Por riba, recibín unha dedicatoria ben agarimosa e, aínda que non son fetichista, volverei ler acotío coa mesma emoción. Grazas, Antón!

3.11.13

Olivas

Aínda que eu realicei a colleita, B encargouse de buscar unha receita para facer comestibles as olivas. Atopou dúas algo diferentes e colleu polo camiño do medio; é dicir, mesturou as dúas.
As olivas deben permanecer nun recipiente con auga entre dez e vinte días (as nosas estiveron quince), auga que cómpre cambiar a diario. Tras isto, póñense en auga con sal, en cantidade suficiente para que flote un ovo; o cambio da auga con sal realizouse cada tres ou catro días durante un total de doce, máis ou menos. Agora xa están listas para aliñar e, como se ve na foto, cada tarro ten un aliño diferente; o líquido segue a ser auga e o aliño depende, coma todo, da imaxinación e os gustos de quen as prepare. O aliño oriental leva xenxibre, cúrcuma e non sei que máis, pois B case non lembra o que lles botou; noutro tarro, o do aliño occidental, hai romeu, ourego, pemento moído e tomiño, entre outras herbas. No último, vinagre, pemento, allo (coido que se pasou con el, porque cheira que tira para atrás) e algo máis. De cando en vez axítanse os tarros para que as olivas collan ben o sabor. Onte probamos unhas poucas e podo asegurar que non están nada mal.

2.11.13

Información

Como é evidente nada máis botar un ollo, ando con cambios no blog; non por gusto, senón porque non me quedou máis remedio. Como non son nada destra con estes trebellos, a cousa vai lenta porque, por riba, non atopo por ningures a copia que o sistema dixo que gardaría do anterior modelo. Supoño que se fochico un pouco máis acabará por aparecer. O dito. Suspiro.

1.11.13

Sorpresa

Coidei que xa non se estilaba premiar blogs, por iso sorpréndeme que desde Maleducadas (ao que dou as máis abraiadas grazas) me chegue este Liebster Award, pero non poderei cumprir todas as bases, que son:
- Dar as grazas ao blog que me nominou e nomealo (feito).
- Facerte seguidor do mesmo (sen problema, pois ten moi boa pinta).
- Responder as once preguntas que che presenta (irán decontado).
- Conceder once nominacións a outros once blogs.
- Informar os once blogs de que os nominaches.
- Presentar once preguntas para que os teus nominados respondan.

As tres últimas non as vou cumprir, pero vou coas preguntas (e que preguntas!):
Maleducadas: Cal é o significado da vida?
Peke: Ufffff! Se tivese unha resposta válida para todos sería dona da pedra filosofal. Para min, aquí e agora, é vivir o que me toca, gozar todo o que poida do que vivo, permanecer aberta ao que me rodea, aprender o máis posible e axudar a outros en todo o que estea na miña man. En fin, ser o máis humana posible e non perder o tempo co que eu coido lilainas.
Maleducadas: Que libro escrito por muller non pode faltar nos nosos andeis?
Peke: Son moitos os que citaría, pero como só pode ser un, quedo co que máis veces lin e volvín ler e que me axudou tanto e tanto nunha época bastante desnortada da miña vida: Memorias de África de Karen Blixen ou Isak Dinesen. Fíxome máis doado medrar.
Maleducadas: É certo que os blogueiros se divirten máis?
Peke: A verdade é que non teño nin a menor idea. Depende, coma todo, dos intereses de cadaquén. Ademais, como se entende a pregunta? Divertirse máis en relación a que? Sospeito que un triatleta se divirte moitísimo máis correndo, pedaleando e nadando que sentando ante un ordenador dándolle á tecla. A diversión sempre é relativa, persoal e intransferible.
Maleducadas: Cal é a túa rede social de referencia?
Peke: Esa é doada: facebook.
Maleducadas: Hai alguén ahí fóra?
Peke: Como se entende ese fóra? (perdón por relativizar tanto, pero non o podo evitar). Se se refire ao que está fóra de min e do meu mundo máis inmediato, por suposto que hai alguén e moitos. Se hai que entender por ese fóra vida extraterrestre, tamén diría que por suposto, porque me resulta moi difícil dixerir que nun Universo tan grande só a Terra estea habitada. Si, estou convencida de que hai alguén ahí fóra.
Maleducadas: Quen é a persoa máis famosa do mundo? Ten algo que ver coa literatura?
Peke: Encantaríame poder dicir que Cervantes ou Shakespeare, pero hoxe por hoxe, tal e como están as cousas, sospeito que gañaría por goleada calquera futbolista. É como o da diversión: depende dos intereses de cadaquén. Se se trata de dicir a quen admiro máis, entón xa me pronuncio: todas aquelas mulleres que me serviron de exemplo nalgún momento importante da vida: Karen Blixen, Georgia O'Keeffe, Frida Kahlo, Carmen Martín Gaite, Ana María Matute e tantas outras mulleres anónimas que nos abriron portas ao longo da Historia. Non todas teñen que ver coa literatura ou outras artes, pero todas foron unhas artistas.
Maleducadas: Que é o amor? Se iso é difícil de responder, que historia de amor literario consideras a mellor?
Peke: Uffff! Hai trinta e dous anos (os que levo xunto ao meu amado) diría que paixón arrebatada. Hoxe a resposta é máis complexa: camiñar xuntos (soa cursi, seino, pero é o que hai), vernos evolucionar, apoiarnos e coidarnos mutuamente, respectarnos, confiar un no outro, valorarnos... En suma: querernos.
En canto á mellor historia de amor literario, confeso que non me van demasiado e a primeira que me vén á cabeza é un tópico: Romeo e Xulieta. Ignoro se é a mellor, pero non hai dúbida de que é a máis coñecida. E se ampliamos o concepto amor, contesto de cabeza que a historia de Don Quixote desde a primeira liña á última.
Maleducadas: Cal é o segredo para gañar un premio literario? 
Peke: Sería moi ilusa se contestase o que me parece evidente e xusto: a calidade. Se partimos dun premio normal (calquera que non sexa o Planeta), ademais da calidade, depende de moitísimos factores, desde a composición do xurado, dos gustos de cadaquén, do día que teñan os membros do mesmo, do que estea máis de moda no momento, do que tire máis comercialmente... Opino polo que vexo, pois non gañei máis ca un por un microrrelato na rede. Tamén é certo que non me presentei a moitos, pero observo o que ocorre nese mundo e ás veces... en fin, mellor calar.
Maleducadas: As grandes escritoras morren?
Peke: Nin máis nin menos cós grandes escritores. Non creo que Clarice Lispector, Ana María Matute, Jane Austen, P. D. James ou Karen Blixen morran literiamente falando; se cadra -como ocorreu tantas outras veces con moitos autores- pasen tempadas no esquecemento público e comercial, pero as súas obras serán recuperadas cando algún editor coide chegado o momento ou coide que o seu é un momento tan bo coma outro calquera para volvelas sacar á luz. Sempre haberá alguén que goce ao descubrilas ou revisitalas.
Maleducadas: Canto tempo van vivir os blogs?
Peke: Levo case dez anos co meu e, mentres o sistema funcione, a min vaime ben. Supoño que depende da intención dos autores, dos seus desexos e intereses, da validez do medio para os mesmos... Nunca se sabe que outros medios de comunicación van xurdir nesta arañeira intrincada. Mentres continúe a ser unha canle válida para comunicarse e intercambiar opinións, durará; cando non sirva ou se faga incómodo, desaparecerá. A resposta a esta pregunta pertence ao futuro e eu aínda estou no presente.
Maleducadas: Ademais de escribir un blog, escribes textos de ficción?
Peke: Si, claro, pero iso xa o sabías, non si?

11.10.13

Colleita

Hai anos, aínda en Auria, mercamos unha oliveira anana a un viveiro holandés; B devecía por unha e no balcón só cabía aquela ananez que viña nun testo. Trasladouse connosco a Monte Lourido e alí permaneceu sen cambios ata que chegamos aquí, onde contamos cunha horta bastante xeitosa. A alma do xardineiro afeccionado decidiu poñela en terra, á beira da cancela; como non medraría moito, non molestaría para entrar e saír. O caso é que, feliz no novo hábitat, a oliveira medrou e engordou (cómpre chapodala por un lado todos os meses para non quitar un ollo cando pasamos) e este ano encheuse de floriñas que vimos como, moi paseniño, ían converténdose nos froitos de Atenea.
A principios desta semana as bagas bicolores da deusa semellaban listas para seren recolleitas e, con axuda de Melas, dediquei parte dunha mañá á tarefa. Velaquí o resultado do meu labor; agora permanecerán vinte días en auga (cómpre cambiárllela todos os días) ata que estean preparadas para continuar o tratamento que as faga comestibles.

1.9.13

Amaia Salazar, unha inspectora navarra

O gardián invisible é a primeira novela da triloxía do Baztán protagonizada pola inspectora Amaia Salazar. Traducida a trece linguas, non tardará moito en ser adaptada ao cinema e abofé que pode saír un filme xeitoso.
Intriga, misterio, asasinatos en serie, regreso á vila familiar, encontro co pasado, traumas non resoltos da nenez, complicadas relacións familiares, seres míticos navarros... semella unha mestura difícil de harmonizar que esta autora consegue sen dificultade aparente e con considerable habelencia. Os personaxes están ben definidos e caracterizados, a acción transcorre fluída levada dunha investigación que achega bastantes sorpresas no seu avance e a protagonista principal posúe as características idóneas para facela interesante.
Aínda que a lin no verán, non a coido literatura de "tempada" (confeso que non acabo de entender moi ben esa etiqueta), senón unha boa mostra dun xénero que vai medrando e enriquecéndose paso a paso.

12.7.13

Cadelas, calor e outras herbas

Melas non deixaba a pelota por se alguén se animaba

Dona deitada na plaqueta, abafada por completo
O peor da onda de calor foi a súa aparición súbita despois dunha primavera inexistente. De necesitar zapatos, calcetíns e chaqueta pasamos sen transición a suar abafados polo ar do Sahara. O primeiro día que chegou erguinme da cama e notei que algo non andaba ben; a lumbalxia aguda desta vez (a terceira que padezo no que vai de ano) apareceu sen eu facer nada para merecela; aturei a faixa lumbar dous días, pero a intensa calor converteu en suplicio o que debería ser axuda.
Dona e Melas buscaban conforto no interior da casa e, de cando en vez, achegábanse a min procurando caricias, ignorantes -miñas pobres- da calor que os seus corpos emanaban; imposible sacalas de paseo ata a noite ou a madrugada e, por riba, tiñan que durmir dentro porque Dona estaba en celo. Aínda así entrou na horta Rouco, un can veciño polo que esta cadela sente predilección, e non sabemos canto tempo estivo aquí; así que... dentro duns días cómpre facerlle unha ecografía e, se o anano ese deixou recado (espero que o seu cativo tamaño llo impedise) haberá que tomar medidas. En fin, unha delicia.

24.6.13

Sol, por fin

Notar o sol converteuse no pracer máis grande do mundo, malia temer que non dure abondo para recuperarnos de tanta auga e grisalla. As flores xorden por todas as partes e o horto está salferido de cativas xoias en miniatura que dá mágoa chapodar. A roseira da foto é pequena pero alegra a entrada da casa coma unha promesa. Desde a ventá vexo os piñeiros do fondo axitados polo vento e, máis alá, o mar en falsa calma. Dona deitouse detrás da miña cadeira, como adoito; aínda non chegaron os días críticos do celo, pero xa se puxo máis esixente á hora de pedir aloumiños. Para min esta escena é sinónimo de paz e tranquilidade. Oxalá dure!

4.6.13

Cambio II

A-LU-CI-NAN-TE.
Xa non só porque a furgoneta está ben, é doada de guiar, ten unha visibilidade estupenda e unha capacidade que supera as nosas expectativas, senón tamén porque o home que ma vendeu resultou ser un amigo de B a quen este non vía desde había trinta anos.
O encontro foi conmovedor.
Iso si, as cadelas, polo momento, non quixeron entrar. Débelles cheirar demasiado a novo.

28.5.13

Cambio

Dentro duns días a furgo está na casa. Quen verá a Dona e Melas. E quen verá a Peke ao volante!

17.5.13

Os días "de"

Coido que nunca fun partidaria dos días "de".  Hoxe, por exemplo, amais do Día das Letras Galegas, é tamén o día de Internet e da loita contra a Homofobia: un día cargado de eventos que non se exclúen uns aos outros.
A intención de fixar unha data para celebrar algo naceu, creo, do interese en chamar a atención sobre un aspecto da vida considerado importante polos promotores das iniciativas. A idea, en principio, non está mal, pero en tempos resultábame desolador que, pasado o día, ninguén parecese preocuparse do que con tanto rebumbio e acto solidario se celebrara aos catro ventos. É máis: indignábame. Semellábame unha andrómena e, se se quere, unha hipocrisía, festexar algo durante unhas horas para decontado esquecelo ata o ano seguinte; porque o feito era que non había continuidade.
No instituto organizábanse lecturas e outros actos, represéntabase unha obra de teatro en galego e os consabidos concursos literario, de carteis e de cómic para que o alumnado (castelanfalante na súa maioría) comprobase que tamén na lingua propia podía expresarse con liberdade e eficacia. E logo que? Repartíanse os premios, con gran gozo dos gañadores, e punto final.
Preguntábame daquela para que servira tanto despregamento de medios e de tempo, para que nos molestabamos en organizar unha festa -ás veces co rexeitamento de bastantes compañeiros profesores-, decidir que grupos baixaban ao salón de actos e procurar manter unha mínima orde no centro; tampouco me esquezo de certos comentarios de alumnos que tomaban toda aquela feira como unha escusa magnífica para non ter que aturar a clase que tocase.
Co tempo fun adquirindo perspectiva grazas a que os alumnos foron medrando e saíndo ao mundo a aprender qué era a vida. Non son poucos cos que manteño o contacto -relativo, madía leva- e alédame comprobar que aqueles traballiños non resultaron inútiles por completo. Todo esixe tempo e os cambios sociais aínda máis.
Hoxe, tal e como están as cousas, paréceme estupendo que se celebren certos días, que haxa manifestacións e defensas, que se reivindique o que se coida importante. Gustaríame que tivesen máis repercusión? Abofé que si, pero o que a min me gustaría só ten valor para min.
Feliz día das Letras galegas! Felices todos os días do ano!

27.4.13

Camilleri reborda



Dous son os libros de Andrea Camilleri que traguei un detrás do outro: La danza de la gaviota e La búsqueda del tesoro. Gustáronme moito os dous, diferentes pero co selo inconfundible de Camilleri: o protagonista é Salvo Montalbano, todo está atado e ben atado, a humanidade reborda en cada liña, a calidade literaria queda fóra de toda dúbida, a acción está garantida e as sorpresas asaltan a cada pouco.
Quizais apenas se note o meu entusiasmo por este autor que coñecín na década dos 1990 e sigo desde aquela por puro pracer persoal. O seu Montalvano (Salvù, para os íntimos) foi medrando paseniño ao longo dos anos e agora, con cincuenta e sete cumpridos, anda amolado e medio acomplexado polo paso do tempo e o preto que se sente da vellez. As súas calidades de sabuxo intuitivo e perspicaz continúan tan ou máis agudas ca na mocidade, se cadra máis, porque, á fin e ao cabo, a experiencia non deixa de ser unha virtude, pese a quen pese.
Dáme mágoa que Camilleri estea algo canso del e que a súa idade non permita unha nova restra de vinte novelas máis. Seica hai xa un tempo entregou a última ao seu editor para publicala despois da súa morte, algo que non agoira nada bo, pero cumprirá contentarse. Entrementres, gocemos do seu enxeño e do seu bo facer.

13.4.13

Seguimos co tempo

Un trece de abril a esta hora -hai vinte e oito anos- B e mais eu fomos xantar á casa de meus pais para celebrar o santo de papá. Na sobremesa demos a nova: estabamos casados. Logo fomos a Teucro e repetimos. Segundo o pai de B, fixémolo xenial, porque evitabamos a todos a molestia da festa.
E aquí seguimos: celebrándoo en privado, como debe ser.

10.4.13

Falar do tempo

Cando era nova, falar do tempo antollábaseme o típico tema comodín que me daba reparo abordar; sentíame ridícula comentando calores, fríos e outras inclemencias evidentes só para encher silencios incómodos. O día que me sorprendín a min mesma iniciando unha conversa co tópico que frío vai, verdade? quedei curada de espantos.
Deste ano non só vou lembrar o longuísimo e mollado inverno que padecemos, senón tamén o moito que deu de si á hora de falar con descoñecidos, as queixas que provocaron a chuvia e o frío, as perdas económicas para mariñeiros e peixeiras, a mingua de ingresos para os hostaleiros e moitos outros negocios e unha longa restra de repercusións que o constante pranto do ceo trae consigo.
Non levo a conta dos anciáns que non puideron resistilo -incluído algún familiar-, pero non me estraña que se apearan deste mundo plúmbeo que escurece a alma.