26.6.05

Cadea humana

Coa cabeza posta na cadea humana e unhas ganas tolas de saber como foi (dous quilómetros e medio de persoas son moitas persoas), dedico o mediodía deste domingo a lavar o coche cunha vasoira e un cubo de auga con fairy. Cómpre devolverllo á propietaria sen cagadas de paxariños nin po das múltiples obras que se espallan polas estradas comarcais.
Onte despedímonos de Vila Real até setembro, pois non haberá xeito de volver alí sen perder a paciencia nos próximos dous meses; turistas e guiris varios enchen as rúas de colorido e o cheiro a sumidoiro espállase coma unha nube mefítica ofendendo olfactos a eito, sinal inequívoco de que a rede xa comeza a soportar máis refugallo do que a prudencia aconsella. Todos os anos por estas datas ocorre o mesmo e todos os anos evitamos a vila para non sufrir pestes indesexables. Os turistas semellan non decatarse e gozan do clima e da paisaxe coma se recendese a rosas.
Fixemos unha merenda-cea nun dos poucos locais onde non serven marisco, acomodados na terraza dunha estreita rúa con sabor enxebre e amenizados polos berros excitados duns cativos que xogaban a esconderse baixo as mesas. B suspiraba de cando en vez pero que rico está todo sen perder bocado de xamón, pan con tomate, lombo e queixos variados. De sobremesa, unha torta de mazá caseira que non ten nada que envexar á da miña sogra mentres dabamos os últimos grolos a un tinto delicioso. Aínda nos deu tempo, ao regreso, de contemplar o solpor desde o balcón.
Dentro duns días comezan as vacacións.

Ningún comentario :